- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -
NOVIDADES NA BIBLIOTECA PRIMAVERA 2010
Publicado por Xulio Dobarro o 24 Marzo, 2010 @ 10:29 pm en Club de lectura, Biblioteca | Comentarios desactivados
MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LINGUA …E A LECTURA
Cando estamos xa no ecuador do curso 2009-10 e con moitos acontecementos relativos á difusión e promoción dos libros e da lectura( día de Rosalía, 24 de febreiro, día mundial da Poesía,21 de marzo, día do libro Infantil e xuvenil, 2 de abril,ano do libro e da lectura,etc); recordaremos neste cartafol da Biblioteca que tamén nós estamos a contribuír a esa dinamización con actividades diversas. Entre outras, destacamos neste trimestre a presenza entre nós de dúas plumas moi importantes no ámbito da literatura galega e española. Por un lado, J. Gisbert que coa súa maxia e habilidade especial para encandilar á rapazada nunca resulta inoportuna a súa presenza; por outro, nesta mesma semana de lembranza especial da Poesía estivo por aquí Marcos Calveiro para iluminarnos sobre a súa prosa lírica do Canto dos peixes para todo o alumnado de 1º da ESO e comentar co grupo de persoas que pertencen ao Club de lectura “O Castro” a novela histórica “Festina lente”.Desde aquí aproveitamos para invitarvos á súa lectura e celebrar con ela este Ano Santo 2010 polo que ten de ubicación na cidade de Santiago e de detallada erudición histórica e cultural de Galicia
Marcos sorpredeunos con esta novela polo profundo coñecemento que demostra ter da sociedade compostelá do século XVII e de determinados motivos vencellados á cultura galega (Pergamiño Vindel, Saqueo de Cangas polos turcos,Universidade, etc),- todos eles ben engarzados, aínda que poidan parecer inconexos- e sobre todo a homenaxe que lles rende a un gremio moi importante da época, os arxinas ou canteiros empregando a súa xerga e utilizándoa con fins literarios como unha especie de códice secreto.

“O canto dos peixes” só pode ser escoitado por aqueles que están dispostos a salvalo. Un vello lobo de mar, Ismael, e un neno, Kobe, adquiren unha complicidade inusitada para levar a cabo esa misión nunha cidade que segundo el mesmo nos confirmou pode ser un Vigo contemporáneo que ten que sensibilizarse que contra o crecemento irracional da cidade e dos arredores debe prevalecer o sentido común.
Por outro lado, convocouse o concurso de Marca-páxinas entre o alumnado do centro para recoller aquela idea máis orixinal para ser empregada como soporte gráfico dese medio para o reparto entre o alumnado.
Con esta reseña o que se persegue é achegar unha vez máis as NOVIDADES adquiridas recentemente para a Biblioteca para que aquelas persoas que teñan interese, durante as vacacións ou ao longo do mes de abril, por ser este o mes do LIBRO por excelencia, poidan satisfacer as súas ansias lectoras e conmemorar da mellor maneira posible O DÍA DO LIBRO, 23 de abril. Neste contexto de promoción da lectura e a escrita é xa unha tradición que en datas próximas se convoquen os concursos literarios de diferentes modalidades literarias coincidindo coa celebración dos Maios e Letras Galegas.Bota a voar a imaxinación,participa e gaña.
NOVIDADES DE PRIMAVERA EN LINGUA GALEGA
Nun momento tan importante para o futuro da Lingua galega sobre a que se está a lexislar o seu futuro no ensino, cremos que é importante recoller algún dos traballos que con motivo da elaboración do Decreto do “plurilingüismo” teñen saído á luz recentemente:
Xose-Henrique Costas (Coord): 55 mentiras sobre a lingua galega. Edit. Laiovento
Sechu Sende: Made in Galiza. Edit. Galaxia
X.Ramón Freixeiro Mato: Lingua de calidade. Edic. Xerais

Outros:
Suso de Toro: Sete palabras. Edit. Xerais
Manuel Rivas: Episodios galegos. Edit. Xerais
X. Lois García Fernández: Uxío Novoneyra.Revisitado. Xerais. (Ensaio sobre a vida e obra do poeta ao que se lle adica a edición do 2010 das Letras galegas).
Cid Cabido: Unha historia que non vou contar. Xerais
Teresa Moure: Herba moura. Edic. Xerais
Domingo Villar:A praia dos afogados. Edit. Galaxia
Marilar Aleixandre: A cabeza de medusa. Edit. Xerais
Mónica Bar Cendón: Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha. Edic. Xerais.
[1] NOVIDADES DE PRIMAVERA EN CASTELÁN
X. Ramón Mariño Ferro: Leyendas y milagros del camino de Santiago. Ellago Ediciones.
Arturo Pérez Reverte: El asedio. Edit. Alfaguara
Matilde Asensi. Venganza en Sevilla. Edit. Planeta
Julia Navarro: Dime quién soy. Edit. Plaza&Janés
F. Moccia: Perdona, pero quiero casarme contigo. Edit.Planeta

M. Stiefvater. Temblor. Edit. SM
Asa Larsson: Aurora boreal. Edit. Seix-Barral
Fernando Savater: La vida eterna. Ariel
Jeff Kiney: Diario de Greg-Un pringao total. Edit. Molino
Atlas cronológico de la historia de España. Edit. SM
NOTA: Todos estes títulos foron adquiridos recentemente pola Biblioteca do centro e, polo tento, póñense a disposición da comunidade educativa do Instituto.
[2]Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro
URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=1127
Clique aquí para imprimir
Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.