- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Do IES do Castro a Castromao

Publicado por Xulio Dobarro o 27 Maio, 2010 @ 11:51 am en Lingua e Literatura galegas, Normalización e Dinamización Lingüística, Taboleiro Transversal | Comentarios desactivados

 diante_igrexa.JPG

 

1ª Parte : A contorna do Castro-Vigo

O mes de maio é abondoso en acontecementos non só porque a primavera está no seu maior apoxeo, senón porque tamén coincide con varias actividades que desde xa hai ben anos son obxecto de atención no ámbito escolar. Este curso para non ser menos que outros, o alumnado de terceiro da ESO tivo a oportunidade de poñer en práctica algúns deses quefaceres habituais que pretenden ir moldeando ao alumnado de acordo cunha serie de principios que desde a Comunidade educativa do Ies do Castro se consideran fundamentais.More...

En primeiro lugar é coñecido de todos que neste nivel de ensino se realiza un traballo interdisciplinar na contorna do Instituto que ten un interese especial na configuración da personalidade do noso alumnado en canto ao necesario coñecemento  do máis inmediato e de respecto pola natureza como algo primordial de cara á creación dunha conciencia crítica e responsable coas nosas tradicións, a historia da cidade, a paisaxe, a flora,  a fauna, etc. Así nace a unidade didáctica “A contorna do Castro como recurso didáctico”, porque hai algunhas persoas que cremos que o coñecemento e o respecto do máis próximo elevaranos ao mesmo nivel cando nos debamos trasladar a ámbitos máis lonxanos.

O alumnado de terceiro da ESO, organizado por grupos dentro de  cada curso, acompañados polo profesorado encargado da vixiancia e das orientacións necesarias,unha vez máis realizou este percorrido para achegarse ao Castro cun novo enfoque: de curiosidade e de observación, como un primeiro paso nesta necesaria aprendizaxe que nos pode facilitar a contemplación da natureza, dos monumentos, etc.

A angueira parte dun cuestionario no que se inclúen cuestións de moi diversa índole. Desde a identificación de plantas e árbores que, por exemplo, explican por que a árbore máis voluminosa do  xardín se chama Ombú ou árbore da bela sombra ou árbore nacional de Arxentina e como puido chegar aquí e se preservou de ser aniquilada cando se ergueu o edificio. Pero a cousa non se queda só na anécdota porque cada punto de interese do cuestionario vai ser como unha chamada de atención sobre todo aquilo que habitualmente pasa desapercibido pero que nesta ocasión se procura chamar a atención sobre algo que está aí e por que está. Vexamos por exemplo como a igrexa da parroquia na que nos atopamos chamada  da Soedade ten unha planta que para moitos pode pensarse que se trata dun templo Neoclásico cando en realidade anda polo medio cento de anos e que a entrada do Instituto, inaugurado en 1993,  tamén pode ser unha réplica desa igrexa na entrada principal, e, se nos apuran, incluso do Partenón, dito sexa isto co permiso dos helenos.

 castrexa.JPG

 

A seguinte parada obrigada, e que vén de ser musealizada, é o Poboado castrexo que dalgún xeito nos serve para explicar por que o lugar no que pisamos se chama así e ao mesmo tempo nos serve de nexo para unha actividade máis complexa da que falaremos máis adiante cando nos trasladamos ata Vilanova dos Infantes ao pé de Castromao. Sen esquecer neste punto que nos atopamos na rúa do cronista e erudito X. Mª. Álvarez Blázquez, que el foi quen levou a cabo as  primeiras escavacións, para continuar nun nivel superior polo paseo de Rosalía de Castro, referirnos á antiga presenza do busto de Curros Enríquez antes de ser trasladado no ano 2008, coincidindo cos actos do douscentos aniversario do seu psaamento, ata o seu emprazamento actual na Alameda.Desta maneira xa temos completada a triloxía do Rexurdimento galego ao engadir algunha referencia a Eduardo Pondal.

Como se pode ver pola evolución do itinerario, os elementos históricos, paisaxísticos e vexetais son os que maior presenza están a ter, porque a seguinte etapa trasládanos a unha fermosa paisaxe e ao mesmo tempo de interese especial para a cidade: Os galeóns de Rande, de cando as flotas anglo-holandesa se enfrentaron coa franco-española e algunhas das embarcacións que trasportaban metais e especias se afundiron na enseada de Rande e que aínda hoxe son obxecto de curiosidade e de dúbidas respecto da recuperación.

Antes de introducirnos no recinto valado, o punto máis elevado do percorrido, aínda hai ocasións para escoitar o silencio, o cantar do cuco, das rulas, pombos e merlos ou parrulos no famoso estanque ao que moitos dos alumnos non voltaran desde que a súa familia os levara de pequerrechos darlles de comer. As extraordinarias árbores que cobren este lugar serven para recoñecer algunhas delas como o carballo americano, os cedros, abetos, palmeiras ou magnolios e mesmo algún castiñeiro ou texo que acollen algún niño de paporrubio, lavandeira, pega ou verdegaio.

Xa dentro do recinto, e dito sexa de paso cunha cantidade extraordinaria de visitantes de fóra, atopamos motivos de diferente condición para a reflexión: o profesorado de matemáticas proponlles que calculen a altura das árbores, o cruceiro alí existente ou algo similar, tamén a área do estanque  e observar os motivos arquitectónicos que por alí aparecen: os motivos do escudo da cidade, o monumento aos canteiros con esa inscrición tan peculiar da súa xerga e sobre todo pararse a pensar que ese recinto amurallado no seu momento tivo unha finalidade defensiva e que hoxe é un observatorio extraordinario para estender a vista polos arredores da cidade con eses puntos emblemáticos como son: As Cíes, A Guía, A ponte de Rande, O Galiñeiro, Val do Fragoso, Bouzas, O Morrazo, etc.

En dirección ao Instituto todo parece precipitarse, xa que o terreo axuda, pero antes hai que deterse nun dos últimos miradoiros desde o que se divisa Bouzas, Coia, e unha das penúltimas reflexións culturais: O monumento adicado ás Ondas do mar de Vigo en homenaxe ao xograr Martín Códax, co que aproveitamos para lembrar o nome dos outros dous ”poetas” medievais que segundo os indicios terían bastante que ver coa Ría de Vigo: Xoán de Cangas, e Mendiño coa súa particular visión da illa de San Simón.

lobios.JPG

 

 2ª Parte: de Vigo ao Xurés con regreso por Bande- Celanova-Vilanova dos Infantes

Parece que todo acabara aquí pero está non é máis que a primeira parte dunha segunda entrega que vai ter continuidade un pouco máis lonxe do recinto escolar, porque o día cinco de Maio iamos desprazarnos ata a fronteira portuguesa no que se pode chamar a Raia húmida e seca porque nos atoparemos por terras da Baixa Limia, onde o río  do mesmo nome delimita o territorio político pero tamén a serra do  Xurés .

                      Dendes do  Limia hastr-o Norte

                       do Courel hastr-o mar forte

                                                                     (Uxío Novoneyra: Arrodeos e desvíos do  Camiño de Santiago e outras rotas.La Voz de Galicia) 

Sairamos de boa hora para achegarnos ata alá no concello de Lobios despois de chegar ata a Cañiza e descender ata o Miño por esa paisaxe de bocarribeira que nestes días está en plena efervescencia floral, cromática e beleza sempar: a cor amarela das xestas, toxos e carqueixas confúndese coas menos visibles pero non menos fermosas das uces e carrascos,brancas ou  violetas. Chegamos de boa hora para dispornos a camiñar pola vía romana nº XVIII que unía Braga con Astorga, concretamente ao lugar que popularmente se coñece polos miliarios que alí  hai concentrados e que serve para lembralles que por alí debeu andar Décimo Xuño Bruto á fronte da primeira vaga de lexionarios que cruzaran o Limia despois de superar os medos que lles transmitiran os nativos para librarse da invasión romana. Todo acabou cando dis que os aborixes aceptan a rendición e non  a humillación inxerindo un bebedizo que elaboraran aló polos cumios do monte Medulio.

                         AUGAS brancas da Rogueira!

                          Bouzas pechas d´ uces e xestas!

                          Abrairas teixos faias xardois e reboleiras!

 

                         Outo bosco calado!

                         Fontiñas do corzo!

                         Carrozos picafondo!

                         Non hai outro templo máis vasto!

                         nin outro credo

                         que este silencio.             

(Uxío Novoneyra: Os Eidos: libro do Courel. Edic. Xerais)

Despois de andar un treito curto, o obxectivo é  desfrutar das augas frías  que o río Caldo recolle do Xúrés e doutras máis quentes que brotan ao pé do hotel balneario que aproveitando estes recursos naturais foi instalado nese lugar. Non é doado facelos convencer que os romanos aínda tiveran un punto de maior presenza ao longo desta Vía que é o que se atopa no encoro das Conchas e que eles bautizaran como “Aquis querquernis”. Neste punto xa, e coas augas do encoro máis altas que outros anos polos efectos deste inverno tan chuvioso, dispómonos a visitar o centro de interpretación que alí se levantou para precisamente dar a coñecer este importantísimo campamento romano e que en  parte este ano se atopaba anegado.Comemos, obrservamos a natureza desta especie de mar interior que se forma entre os concellos de Bande  e Muíños e coa mesma, sen poder visitar Santa Comba (igrexa visigótica), fuximos para Celanova porque alí nos agarda a vila dos poetas por excelencia, o mosteiro de proporcións xigantescas para un núcleo de poboación tan pequeno, e Vilanova dos Infantes presidida por Castromao.Vexamos o que opinaba o poeta Curros con respecto a este lugar, tal e como  se recolle no poema a Virxe do Cristal:

Vilanova dos Infantes

é vila de grande sona:

n´ hai zapateiros no mundo

que batan millo-la sola;

non se cocen en ningures

petadas que aquí non cozan,

e de aquí san pros teares

as millores mazarocas.

 

grupo_en_vilanova.JPG

 

Alguén poderá preguntarse por que a elección deste itinerario interdisciplinar ano tras ano. Pois ben, quizais poida haber outros que sexan tanto ou máis interesantes, pero, desde logo, este tamén o é  porque a historia, a arte, a lingua e a literatura, a natureza virxe aquí teñen unha pegada especial, porque non é doado atopar nunpercorrido relativamente curto todos estes aspectos a que nos estamos a referir. Celanova é un exemplo de fonda tradición artística polas dúas xoias arquitectónicas que acubilla: O mosteiro de San Salvador  cos dous imponentes claustros,un barroco e outro  gótico, e, na súa horta, a capela de oración da familia de San Rosendo, San Miguel, de arte mozárabe, da que se pode dicir que case é a única en Galicia. A igrexa parroquial tamén ten certo interese tanto pola súa cúpula, polo seu retábulo e mesmo un órgano ben conservado do sec. XVIII ou as portas que restrixían o acceso ao coro para os monxes.

Visitando Celanova non se pode esquecer a casa dos Poetas, casa natal de Curros Enríquez (1851-1908), que neste momento funciona como padroado para o estudo e difusión da obra dos tres grandes poetas vencellados á vila. O antedito, Curros Enríquez, e,como non ,Celso Emilio Ferreiro ao que as paredes do convento serviron de perversa  inspiración para o seu libro de cabeceira, “Longa noite de pedra”. E, por outro lado, o que neste momento poderiamos considerar como o escritor vivo máis importante da Literatura galega e á vez presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín, autor, entre outros dunha colección de relatos, “Arraianos”, nos que fabula vivencias e experiencias vencelladas a esta comarca de Celanova e a Baixa Limia. Nun recuncho da casa, que segundo as guías resulta moi querido polo poeta, é onde se atopa en conversa amigable -cando aparece por alí- cunha reprodución a tamaño natural da que pode ser unha continuadora desta xeira de poetas, a súa filla Oriana.

Entre Celanova e Vilanova dos Infantes, quizais historicamente se puidese facilmente atopar rivalidade por ser esta segunda un importante núcleo medieval, pero que o mosteiro iríaa desprazando pola importancia que foi acadando Celanova. É ben visible, incluso desde a lonxanía, o poderío da torre de homenaxe conservada e que ao noso entender debeu acoller un importante feudo medieval e na actualidade serve como centro de exposicións das Terras de Celanova. Ademais, non podemos esquecer o berce de inspiración de Curros Enríquez para o seu poema A Virxe do Cristal, porque é precisamente aquí onde o cura da parroquia custodia esa imaxe entre enigmática e misteriosa da Virxe do Cristal, e tamén unha talla dun Cristo románico moi interesante.

O sol estase a esconder polo alto de Castromao, un importante lugar de escavacións castrexas, onde se atopou tamén unha inscrición que fala da pax acordada entre os romanos e os aborixes, polo tanto conformámonos con velo nunha reprodución e observar o paralelismo entre o monte do Castro vigués e o Castromao celanovés, e coa mesma voltar á cidade olívica.

Agardamos que o próximo ano, como mínimo se repita, ou, se fose posible, se mellorase no sentido de poder realizar a actividade con máis tempo. Por exemplo pernoctando unha noite. Con todo o que se leva dito, quizais se pode entender a importancia pola que cremos que debe seguir realizándose esta actividade como algo   interesante para unha aprendizaxe que, aínda que algo obsoleta, resumía o espírito da LOGSE nos tres saberes:saber ser, saber estar e saber facer e co coñecemento do máis cercano podemos acadar as outras dimensións do lonxano.

campamento_romano.JPG

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=1237

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.