- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

A procura do falso grial. M. Forcadela.

Publicado por Xulio Dobarro o 13 Febreiro, 2008 @ 1:03 pm en Biblioteca | Comentarios desactivados

A orixinalidade desta novela, á marxe da conxunción de temas aparentemente inconexos, radica na advertencia desde o título de que o obxecto da busca é falso e, polo tanto, o detective privado Toni Barreiro, de longa experiencia neste tipo de investigacións, vai ter que asesorarse co propio autor para aclarar se o motivo da busca ten algunha base cultural ou é unha loucura máis coma na que acabaran algúns dos cabaleiros da Táboa redonda.

A orixe da investigación ten que ver coa desaparición dun cáliz que, supostamente estaría vinculado a ese pasado glorioso deste tipo de peza que, ademais, conleva a morte dos seus propietarios, na cidade de Vigo. Todo isto enmarcado historicamente na segunda metade do século XX e de maneira especial en relación coa Alemaña nazi que explotou un mineral de moita importancia para as aleacións na fabricación de armamento pesado, o volframio.

Pois ben, a cidade de Vigo foi no seu tempo un punto importante de atraque para os barcos que transportaban ese material,e, ao mesmo tempo, cando as tornas políticas viraron para mal tamén acollería algún que outro fuxido da Alemaña de posguerra. Este é o elemento real que permite vincular a desaparición da peza co resto da trama novelesca.

E ben sabido que ese mineral xa fora obxecto de ficción noutras narracións tamén ambientadas na raia galego-leonesa “El año del wolfran” de R. Guerra Garrido ou que noutros puntos de Galicia foi obxecto de culto porque facilitou o enriquecemento de persoas que se adicaran á súa explotación ou transporte. Pénsese, por exemplo, no poboado mineiro de Fontao (Silleda) ou no porto de Vilagarcía que coma no caso do de Vigo serviu de punto de embarque. O detective Toni Barreiro, en colaboración co seu inseparable Elvis, logo de ter feito varias pescudas que o levan, como non, ao pais veciño, ao Porto, porque alí atópase un coñecido especialista neste tipo de pezas, decide asesorarse co seu tamén vello amigo Manuel Forcadela para que como erudito os ilustre sobre o que están a traballar.

A versión que ten o autor sobre o obxecto desaparecido e crimes cometidos pola súa perda fan pensar que o famoso vaso, ademais de ser falso, tampouco queda moi claro se é algo exclusivo da tradición europea ou se trascende fronteiras, isto é, como unha síntese de varias frontes culturais, tanto occidentais como orientais e que a visión romántica e idealizada que reliazaran na épica medieval segundo a cal algúns cabaleiros como Lanzarote ou Galván, pouco menos que tolearan por non poder atopalo e que o propio Galván se refuxiara en Galicia segundo nos conta Darío Xohan Cabana na súa novela “Galván en Saor”. Neste caso, o Grial modernízase e vai ser buscado na cidade de Vigo e nos seus arredores, en concreto na costa de Baiona, á altura de cabo Silleiro, onde se descobre que, alí, unha inmensa furna acolle as últimas manobras dun grupo de radicais nazis e polo que se conta tamén existiu ese refuxio, aínda que non chegase a ser da grandiosidade coa que aquí se nos presenta.

É contra o último capítulo da novela cando a acción adquire un dinamismo trepidante, porque despois da matanza de Balaídos, os detectives Toni e Elvis chegan ao lugar no que van presenciar o ritual no que se decapita a un home de raza negra para recoller o seu sangue, pasalo no vaso entre os presentes, escoitar o Parsifal de Wagner e identificar entre aqueles “cabaleiros” a un dos membros máis sanguinarios do holocausto nazi, Heinrich Himmler, que, segundo a opinión máis estendida se tería suicidado con anterioridade. Neste contexto de terror, mortos e aventura, os protagonistas conseguen destruír o que puidera ser o último reducto da resistencia nazi en Galicia, aproveitando que o grial tamén andara por aquí.

Na miña opinión, a conxunción de elementos máxicos con retallos da historia contemporánea fan da novela un texto orixinal, aínda que poida resultar algo inverosímil, dada a lonxanía entre os últimos estertores do nazismo e os euros que perciben Toni e Elvis polo seu traballo.Ou, ¿non ten graza?

PD: Cando estou para dar a coñecer este comentario sobre a novela e ter verquido un “xuízo precipitado” de certa inverosimilitude ou de falsidade por parte do narrador con respecto a aquela, aparece na prensa de hoxe 21 de xaneiro de 2008 a noticia de que “Falece aos cen anos o industrial de armas alemán Karl Dielh, que colaborou co nazismo”. Polo tanto,a escena do gran xefe que aparece dirixindo a cerimonia do grial ata podería ser crible e compatible co cobro en euros polo traballo realizado a cargo de Toni e Elvis. As miñas desculpas polo atrevemento. Desde logo, a noticia non ten desperdicio, pois, de seguido díse,que, entre outras atrocidades cometidas por aquel, estaba a de que “Os traballadores forzosos recibían martelazos nas mans en canto paraban o seu traballo e só se lles permitía ir ao servizo dúas veces en xornadas laborais interminables”. Non é de estrañar que o protagonista do “Neno do pixama a raias”, Bruno, non entendese nada do que estaba a vivir. Pero, diso falarase outro día

Xulio Dobarro Ferradás

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=239

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.