- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Inmersión do alumnado de 3º da ESO no monte de Coruxo

Publicado por Xulio Dobarro o 21 Novembro, 2012 @ 12:54 pm en Taboleiro Transversal | Comentarios desactivados

subida-de-san-sebastian.JPG

As máis aventaxadas á ida e á volta, María, Gala e Eva. Ao fondo, a cidade

Alumnado de terceiro da ESO e o profesorado acompañante trasladáronse o día 19 de novembro ata a parroquia de San Salvador de Coruxo e, en particular, ao lugar onde ten a súa sede a Comunidade de Montes veciñais do mesmo nome. Cando eran as dez da mañá xa nos atopabamos nese lugar para recibir as primeiras instrucións das persoas que puxo ao noso servizo a Comunidade de montes. Estas persoas, un garda forestal e outro empregado, introducen aos visitantes nas primeiras nocións do que é un monte periurbano e as distintas especies animais agrupadas por familias que se poden atopar neste monte. Sorprende, por exemplo, a presenza  dalgunhas aves,réptiles (víbora de Seoane) ou anfibios (salamandra rabilonga), xunta a mamíferos (teixo, xabarín, etc) e mesmo algún peixe (anguía), e, sobre todo, polo seu valor ecolóxico, ao ser considerados algúns deles como endémicos.

A sorpresa aínda foi maior cando unha daquelas persoas empezou a mostrar exemplos de niños de paxaros de formas moi caprichosas e elaboradísimas (de carrizo, merlo, gaio, etc), ou restos da presenza dalgúns insectos (vacaloura) ou “camisas” das serpentes.

A continuación, iníciase unha das actividades máis esixentes, a da andaina por camiños de xabre e con abondosa presenza arbórea e algunha que outra encosta para pór a proba a resintencia dalgúns dos compoñentes. Nada máis saír do local empezamos a subir a costa de San Sebastián entre piñeiros e eucaliptos con pequenas mostras de vexetación autóctona e observando a variedade de terreos con moitos modelos de vexetación, unhas veces espontánea e outras sometida á vontade humana. Chámase a atención sobre un aspecto fundamental como é o da presión das árbores alóctonas sobre as autóctonas e como aquelas presentan un crecemento moi  rapido e polo tanto de maior interese para a produción madeireira que as autóctonas, de crecemento lento pero moi importantes para os bosques pola diversidade que xeneran ao seu arredor e no soutobosque, -citamos neste caso a bidueiros, castiñeiros, acivros, carballos, etc,-.

encosta.JPG

Unha parada técnica antes de iniciar a subida ao Maúxo

A medida que nos imos adentrando no monte e en dirección sur cara á Ría podemos desfrutar dunhas vistas extraordinarias sobre esta e visualizar distintos puntos no horizonte desde esta atalaia : Cíes, Cabo Home, Toralla, Samil, O Morrazo, son algúns dos nomes que se barallan, e, máis preto, a vexetación outonal móstranos unha paleta de cores que vai desde os verdes brillantes dos acivros ou érbedos ata os amarelos e marróns dos pradairos, castiñeiros ou carballos americanos, e que algúns deles presentan os froitos vermellos (érbedos) e outros xa perdidos (capudre).

Á metade do percorrido, e antes de iniciar a costa máis pronunciada, aproveitamos para repoñer forzas e curiosear entre os piñeiros algunha que outra sorpresa (un arbustiño de xilbarbeira no medio dunha mesta presenza de piñeiros ou algún paporrubio que peteira polo chan á busca dalgún verme despistado), e, como non podía ser menos, unha  basta presenza de pegadas frescas de xabarín, porque nos estamos achegando a unha zona onde hai abundancia de castiñeiros e nogueiras e que estes mamíferos frecuentan para aproveitar os froitos que quedan da colleita ou achegarse aos lugares onde hai abundancia de auga para refrescarse ou desparasitarse.

mauxo.JPG

No alto do Maúxo, mentres elas e eles agardan, os demais coroáno

Cando chegamos ao Parque forestal de Coruxo xa é mediodía pero aínda nos quedaba un treito para alcanzar A Chan grande, Castro Chouzo e o Maúxo (450 m. de altitude) e a mámoa que segundo parece existiu/existe nese emprazamento. Desde o punto máis alto divísase ata a ría da Arousa e desde logo un lugar privilexiado para facerse unha composición abondo perfecta da cidade de Vigo e da súa contorna: Val do Fragoso, O Galiñeiro, Chandebrito, O Aloia, A Grova, Rande, San Simón. -Dicía por alí alguén que, ao mellor, o que compuxo a cantiga “Vexo Vigo, vexo Cangas; tamén vexo Redondela; vexo a ponte de San Paio, camiño da miña terra”, se tería achegado ata aquí para inspirarse-.

O descenso é máis rápido, sobre todo, porque á facilidad do terreo se unían as ganas de comer. Non hai moito tempo que perder porque, ademais, as condicións meteorolóxicas empezan a voltarse algo adversas e isto aínda non rematou.A viruxe faise cada vez máis intensa e iso anima a protexerse pola cara leste do monte.

Faremos unha parada no lugar coñecido como regueira de Laxiade, onde a Comunidade de montes está a levar a cabo a erradicación da acacia negra e do eucalipto e propiciar a recuperación deste bosque atlántico con variedades ripícolas como ameneiros, freixos, abelairas, capudres, carballos, nespereiras ou cerdeiras, e por onde corre auga en abundancia para que algúns réptiles, anfibios ou mamíferos medren no seu propio hábitat, porque como ben dicía un dos poñentes, algunha destas especies son especialmente vulnerables aos cambios ao non ter facilidade para desprazarse, cando si o poden realizar aves ou mamíferos, por exemplo.

No traxecto de volta deixamos a ambos lados da estrada microbosques con variedades arbóreas que forman soutos, acibeiros, carballeiras e, como non, moitos eucaliptos. Tamén se pode ver o recuncho onde se concentra a biomasa para a súa transformación en abono ou traslado a algunha central para a produción de enerxía eléctrica.

pedra-moura.JPG

Profesorado e alumnado seguen as explicacións da arqueóloga ao pé do petroglifo e a lenda de Pedra Moura

Ás catro da tarde, unha arqueóloga da Mancomunidade de montes ofrécesenos para explicarnos os petroglifos que abondan neste monte e, en concreto, o de Pedra Moura, considerado como un dos máis grandes e ao mesmo tempo máis enigmáticos e moi mal conservado polo estado de abandono que presenta. Cando xa tomo ía rematar, e que a arqueóloga explicase algunha lenda relacionada con este lugar a partir da lectura duns informes, unha veciña da parroquia dá testemuño, non só de que a lenda  de Pedra Moura existe senón que ela mesma tiña visto moitas veces desde a súa infancia ata había pouco tempo  “unha serea, moi guapa, que á saída e á posta do sol saía a peitearse enriba da rocha cun peite de cristal e que deixou de aparecer desde que alguén fixo esas inscricións ou tentaron convertir aquela rocha nunha canteira”. A maxia do momento non ten palabras para describila  e  algún dos que ía no grupo quedou de volver entrevistar á señora Carme que ampliaba a lenda a outra rocha, moi cerca e cunha serea algo diferente,no lugar de Pedralonga.

O serán xa estaba alí pero había que estirar a xornada ao máximo,correndo, brincando ou xogando ao voleibol e ao fútbol. Así foi como transcorreu un día  de inmersión na natureza, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial do monte e na liña do que propón a Axenda escolar 21, na que participa o Instituo,  coñecer ese medio natural  e así respectalo e conservalo para as xeracións vindeiras.

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=2616

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.