- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

A contorna do CASTRO como recurso didáctico

Publicado por Xulio Dobarro o 2 Decembro, 2013 @ 8:42 pm en Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Lingua e Literatura galegas | Comentarios desactivados

p1010443.JPG

O alumnado de 3º de ESO C accedendo ao recinto amurallado

O curso pasado non se chegou a realizar esta actividade porque ao estar programada para o mes de maio sempre presenta dificultades por ser datas próximas á fin de curso. Por iso, este ano se anticipou ao veraniño de San Martiño para ver a cara do outono no monte do Castro. Son os grupos de 3ª da ESO os que tradicionalmente veñen realizando esta actividade e que consiste esencialmente nunha reflexión sobre o máis próximo e, en particular, sobre aquilo que  -que é moito-   nos fala da orixe da cidade, da súa historia, da súa paisaxe, do seu pasado e presente, do patrimonio vexetal e arquitectónico e outras moitas curiosidades.

Pois ben, a tarefa consiste na resolución dun cuestionario que o alumnado deberá responder segundo unha serie de puntos de interese. Estes puntos de interese arrancan do xardín do Instituto, desde onde deberá situar o centro con respecto aos puntos cardinais e dar detalle sobre unha serie de árbores e froitos do recinto. De seguido achéganse ata a igrexa da Soedade na que, entre outras observacións, deberán explicar o estilo arquitectónico, recoñecemento das letras do frontis e o número áureo.

Na aba do Castro atopamos as escavación iniciadas por X. Mª. Álvarez Blázquez, e que serven como reflexión sobre as orixes da cidade e a romanización. Nun nivel intermedio ubícase o momumento homenaxe sobre a batalla  de Rande (1702) e lles vale como reflexión sobre a lenda que rodea os galeóns que viñan cargados de metáis nobres e especias das “Indias”, e,como non, a referencia a X. Verne que incluíu na súa obra “Vinte mil leguas de viaxe submarina” á enseada de Rande.

p1010449.JPG

En primeiro plano a demolición do Castillo

Non foi coincidencia, senón unha oportunidade única para ver como, na medida do posible, as cousas mal feitas deben ser corrixidas. Referímonos á demolición e traslado do que foi un lugar de culto gastronómico, o restaurante El castillo, que despois de moitos tiras e afrouxas, finalmente está sendo derrubado para que quede visible a muralla do que foi unha fortaleza case única do séc. XVIII, segundo testemuño do arquitecto vigués Jaime Garrido. Como non podía ser menos, e considerando que o edificio, sen ser extraordinario tampouco era un adefesio, ponse de manifestó como por enriba do custe  debe prevalecer  a historia e o respecto polo patrimonio.

De camiño, e aproveitando que xusto debaixo  se atopaba un busto de Curros Enríquez -que tamén foi trasladado aos xardíns do Areal para darlle maior visibilidade-  e que estamos no paseo de Rosalía de Castro, cheo de coches, coméntase a importancia que tiveron estes autores para as letras galegas e de maneira especial no Rexurdimento  e a necesidade de convertir en peonil todo o monte.

Pasamos ao lado do estanque ao que tantas veces sendo nenos lles foron dar de comer aos parrudos, escoitar as rulas e pombas que peteiran ao seu redor e, de aquí ao interior do recinto amurallado ata chegar ao punto máis alto, despois de deixar á nosa esquerda o monumento á memoria histórica dos que foran fusilados cando a Guerra Civil. Desde o mirador orientado á Ría procuramos identificar os puntos geográficos máis relevantes: Cíes, O Morrazo, Rande, A Guía, etc.

p1010452.JPG

Alumnado de 3º ESO B accedendo ao recinto amurallado

De volta ao Instituto detémonos á beira do monumento a Martín Códax e aproveitamos para reflexionar sobre os xograres da Ría de Vigo da lírica medieval. Ademais, en dirección sur-oeste tamén se aproveita para analizar a paisaxe nas diferentes manifestacións en canto a altitude e orografía: O Galiñeiro, Alba,Cepudo, O Lagares, Val do Fragoso,etc.  Cando xa transcorreron  case tres horas, entramos no centro coa idea de que é moi importante coñecer este patrimonio tan noso,tan cercano -e ás veces tan descoñecido-,  e así respectalo e conservalo para nós e as xeracións vindeiras

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=3045

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.