- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Conferencia sobre os montes veciñais en man común en xeral e os periurbanos de Vigo

Publicado por Xulio Dobarro o 3 Decembro, 2013 @ 7:22 pm en Actividades | Comentarios desactivados

   p1010450-2.JPG

Os dous técnicos da Consellería do medio rural na conferencia

O xoves 28 de novembro, presentóuselle ao alumnado de 3º da ESO, o proxecto no que imos traballar ao longo deste curso dentro do progama MONTENTÉRATE da Consellería de Educación en colaboración coa de Medio rural e do mar.

Pois ben, para ter un coñecemento máis preciso sobre a historia, a transformación e a actualidade dos MVMC en Galicia contamos coa colaboración da Secretaría do medio rural e do mar para o que se desprazou ata o centro o enxeñeiro de montes, Alejandro García Puente, que disertou extensamente sobre este espazo tan característico de Galicia,e explicou como hoxe, quizais máis que nunca, estes montes están de actualidade ao cambiar a situación xurídica despois do cambio da situación política coa Autonomía e a posta en valor daqueles.

Por outro lado, púxose de relevo a importancia da existencia destes montes, non só polo seu valor como patrimonio material para os comuneiros pola rendabilidade do aproveitamento forestal para madeira, biomasa, etc, senón tamén, e, quizais sobre todo para un alumnado urbano, como é o caso, polo patrimonio inmaterial desde o punto de vista paisaxístico, cultural ou de lecer.

A idea que anima a esta actividade parte dun principio comúnmente aceptado, isto é, que se non se coñece algo, -como soe ser o caso do que estamos a falar- non se lle dá o valor que merece, que como se viu, no caso da cidade de Vigo é moito.

Ademais, resulta sorprendente saber que son arredor de 700000 Ha. de superficie de MVMC coas que contamos en Galicia   e que son arredor de 2800 Comunidades de montes as que os xestionan. Coa particularidade de que probablemente moitos destes espazos, hoxe incluídos dentro da Rede natura, xa non estarían porque seguramente se destinarían a outros usos se non estivesen protexidos pola lei.

En resumo, e facendo nosas as palabras de Eloy Enciso Cachafeiro que vén de estrear “Arraianos” no cine diremos que “O MVMC fala moito da identidade e da memoria” e que Galicia é singular non só pola lingua, a historia, ou  a cultura en xeral, pero tamén o é polo seu MONTE e, de maneira especial, polo MVMC.

A segunda parte da conferencia estivo a cargo de Luís Enrique Martín Uriarte, técnico forestal do distrito XVIII do Porriño, que con moito fervor, cabeza e, sobre todo, corazón, se adicou a contarnos todas as belezas dos montes periurbanos da cidade de Vigo e como a ferradura que se estende desde Teis ata Saiáns nos permite desfrutar dun patrimonio natural e paisaxistico excepcional, ademais do interese cultural (mámoas, petróglifos, lendas, toponimia, etc.) que se pode atopar nese percorrido. Tamén aproveitou para indicarlles aos oíntes aquilo que non se debe facer para que o monte sexa rendible e sostible, evitando, por exemplo, a caza próxima ás casas, rueiros para motos e bicis de montaña que perturban a paz da contorna do monte ou arrasan con especies da flora e fauna.

En resumo, cremos que a conferencia  foi moi rendible desde o punto de vista da adquisición das competencias básicas e, de xeito especial,na do coñecemento e na interacción co medio físico.Esta actividade terá continuidade na primavera coa inmersión do alumnado nalgún destes montes da periferia da cidade.

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=3048

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.