- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Ledicia Costas co alumnado de 1º e 3º da ESO

Publicado por Xulio Dobarro o 28 Maio, 2014 @ 1:06 pm en Lingua e Literatura galegas | Comentarios desactivados

 conferencia-xeral.jpg

Alumnado de 1º da eso coa autora

Edicións Xerais de Galicia, editora das obras de Ledicia Costas, na súa angueira de difusión da Lingua e a literatura galegas, vén de facilitarnos, coa colaboración da súa autora, o coñecemento de dúas das obras publicadas nese selo editorial.

Por un lado, foi o alumnado de terceiro da ESO o que tivo a oportunidade de escoitar da propia escritora viguesa o proceso de creación  que inspirou o título “ O corazón de Xúpiter”  e, de paso, tratar algúns temas de  máxima  actualidade entre o alumnado, como son  o ciberacoso/sexting, acoso escolar e a  homosexualidade. Temas todos eles que subxacen na narración e, que foron obxecto de reflexión na posta en común sobre a obra.

A atención inicial xirou arredor do vídeo proxectado, que recolle o tráxico desenlace dunha adolescente que, víctima de acoso, deixa gravado denantes do seu suicidio a terrorífica experiencia contada pola protagonista de tan cruel desenlace.

sinaturas-ledicia.jpg

Sinaturas de “Recinto gris”

En conclusión, a mensaxe semella concluínte: hai persoas que o pasan moi mal por ser obxecto de acoso   escolar, de discriminación por razóns de raza, sexo ou relixión e que debemos ser máis sensibles e solidarios con aqueles máis susceptibles de padecelos. E, o que está resultando máis grave no día de hoxe: o ciberacoso, que, en certa medida, aproveita o vacío legal, e, ademais, conta coa  facilidade de acceso ás redes sociais. Por iso, quizais a solución non pase por prohibilas,porque para os nativos dixitais parecen inherentes á súa condición humana, senón por ensinarlles a usalas.

ledicia-soa.jpg

Ledicia asina exemplares de “Corazón de Xúpiter”

Nunha segunda volta, foi o alumnado de 1º da ESO o que contou coa versión da interpretación da obra pola mesma autora, sendo neste caso sobre o título “Recinto gris”.   Nesta ocasión, segundo a propia autora, é a ausencia de información histórica sobre determinados acontementos moi graves  para a humanidade o que a animou a construír este relato, destinado a un público xuvenil, e no que a verosimilitude e a fantasía se conxugan de xeito máis ou menos acertado para denunciar prácticas de exterminio daquelas persoas que por algunha razón resultan diferentes á maioría. Así, “o recinto gris” viría a ser unha especie de guetto, controlado por uns seres estraños disfrazados de lobos, e onde son recluídos todos aqueles que se aparten do modelo estándar e que grazas á habilidade de pequenos e maiores e a fantasía da autora conseguen burlar o cerco.

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=3282

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.