- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Letras galegas solidarias

Publicado por Xulio Dobarro o 4 Xuño, 2014 @ 1:19 pm en Celebracións, Lingua e Literatura galegas | Comentarios desactivados

O pasado xoves, 29 de maio, fomos convocados por Antón Bouzas, abondo coñecido na cidade de Vigo, especialmente polos menos favorecidos, e polo seu labor como educador social e terapeuta de Cedro, a un acto que estaba previsto se celebrase ao aire libre na praza da Independencia, pero que logo se trasladou ao interior do centro CEDRO na rúa Pintor Colmeiro.

tino-baz.jpg

Tino Baz, Antón/s e rapaces do Ies do Castro

Pois ben, nun espazo reducido pero cheo de ilusións e boa vontade reuníronse alí, como diciamos, por iniciativa do que tamen foi nalgunha ocasión “afrancesado” e desempeñou o papel de  xefe  do exército francés, Chalot,  cando  a invasión do estado veciño aló polo 1809, un grupo de persoas que rezumaba solidariedade, esperanza e moita ilusión por ter acadado algúns pequenos éxitos, e, á vez moi grandes, nestes tempos de contradicións permanentes: fraude na vida pública-austeridade na privada; máis ricos-máis pobres, menos solidariedade- máis xenofobia, máis acoso escolar-menos compañeirismo, etc, etc.

Neste contexto, o colectivo IMÁN-CEDRO reuniu, co gallo  da celebración das Letras Galegas e do XVIII aniversario do pasamento de Lois Pereiro, a un nutrido grupo de músicos, escritores e rapsodas que fixeron vibrar os alicerces do recinto, onde as persoas en rehabilitación por enfermidades relativas a drogodependencias ou sida tratan de voltar á cotidianeidade, no ximnasio co que contan alí.

O primeiro en romper o xeo foi o cantautor Tino Baz que, cunha voz grave e dóce á vez, nos trouxo á memoria algúns dos temas máis coñecidos de Emilio  Batallán e de diversos poetas galegos. De seguido foi Francisco Castro, narrador e poeta, quen compuxo un sentido poema para a ocasión e no que se poñía en entredito a honestidade da igrexa con respecto a algunhas prácticas hoxe recomendadas pola OMS, especialmente nos países subdesenvoltos.

A parte musical e festiva, con bailes incluídos, completouse coa colaboración do gaiteiro vigués, Antón Sánchez, e, neste caso acompañado  polo mesmo Tino Baz,  artistas  consumados e polifacéticos.

Finalmente, da man de Manuel Veiga,e de An Alfaya,escritores,  foi o propio irmán de Lois Pereiro, X. Manuel Pereiro, periodista,  o que agradeceu ao colectivo e ás persoas presentes, esta lembranza do seu irmán e  adicou unhas sentidas palabras de cariño e apoio a todos os desherdados e “senteito” que, nesta sociedade tan moderna, mantén situacións de extrema pobreza.

grupo-cedro.jpg

Clausura do acto con varias caras coñecidas

Non podemos deixar de destacar no acto, a colaboración dun grupo de alumnos e alumnas do Instituto, 3º da ESO-A, que como rapsodas voluntarios, aínda que moi profesionais, contribuíron coa recitación de varios poemas, tanto de Lois Pereiro, como de Celso Emilio, Ramiro Fonte, ou Curros Enríquez, a que todo aquilo se impregnase de xuventude e esperanza. E non podía faltar a recitación do poema, por excelencia,Penélope,  de X. Mª. Díaz Castro, na voz dos protagonistas do acto.

NARCISISMO (LOIS PEREIRO)

Sigo os pasos do sangue no meu corpo

e coa unlla do meu dedo máis firme

abro un sulco vermello en media lúa

na vea que me acolle tan azul

Quizais dúas palabras poden resumir encontro tan emotivo, que, na opinión do  poeta E. Pondal, vén sendo a bondade e a  xenerosidade. Apertas, e ata a próxima.

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=3292

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.