- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -
O alumnado de 1º da ESO inmerso na natureza e na literatura
Publicado por Xulio Dobarro o 15 Marzo, 2015 @ 3:11 pm en Lingua e Literatura galegas, Taboleiro Transversal | Comentarios desactivados
En días pasados, o vinte e cinco de febreiro, a asociación de empresarios da madeira de Galicia, CONFEMADERA-HABITAT, presentoulle ao alumnado de 1º da ESO a importancia dos montes en Galicia e, en particular, na contorna da cidade de Vigo. O motivo desta presentación é poñer en valor os montes como patrimonio material e inmaterial e sensibilizar aos xoves sobre a súa importancia ambiental, social e económica. O programa que leva a cabo dita asociación inclúe charlas informativas nos centros e a difusión dun concurso de temática e soporte variado baixo o eslogan “O MONTE É A NOSA VIDA” , “axúdanos a coidalo”. Dicir tamén que contan con materiais didácticos na súa páxina web para uso e difusión entre o alumnado.
A actividade enmárcase dentro do proxecto, xa habitual, de que este alumnado realice unha inmersión nunha das comunidades de montes veciñais en man común dos montes periurbanos da cidade. En particular, trátase de que o alumnado durante unha xornada se traslade ao monte de Fragoselo e sexa protagonista de varias accións: andaina que inclúe unha reflexión sobre o coñecemento e diversidade de especies autóctonas e alóctonas,flora e fauna, caducifolias e coníferas, recuperación de espazos protexidos fronte á invasión de eucaliptos, piñeiros, etc; visita a unha planta de biomasa onde se acumulan e transforman os restos de podas e talas que acumulan toneladas de residuos, para finalmente participar nunha plantación de árbores de distintas especies. Todo isto en colaboración coa Comunidade de montes veciñais en man común de San Salvador de Coruxo, que nos facilita o personal de apoio, as plantas e as ferramentas necesarias para levalo a cabo.

O alumnado escoita as virtudes dos montes
Seguindo con máis actividades complementarias; nesta ocasión tocoulle á literatura. O día seis de marzo, o escritor Marcos Calveiro, coa mediación da editorial Xerias, presentoulle ao alumnado de 1º da ESO a obra “Palabras de auga”, lectura recomendada para este nivel. O autor, aínda que nado en Vilagarcía, leva vencellado á cidade de Vigo practicamente toda a súa vida e, como é sabido, leva sendo recoñecida a súa carreira literaria con varios premios (Barco de vapor, Merlín, Lazarillo..).
O que fixo o autor foi explicar a xénese da súa produción literaria e o proceso de creación de Palabras de auga. Neste caso di que a idea partiu dunha foto que nunha reportaxe recollía as mulleres africanas aproveitando os restos dos termiteiros para logo darlles de comer á familia e con tal motivo aproveitar para denunciar a pobreza que sofren parte das persoas do continente africano e, moi especialmente, os “nenos soldados” ou explotados de maneira inhumana para a obtención de materias primas tan importantes para as novas tecnoloxías como o coltán, por iso se di que os móbiles , por exemplo,están manchados con sangue inocente.

M. Calveiro ilustra con imaxes de África a presentación
[1]Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro
URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=3584
URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/
Clique aquí para imprimir
Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.