- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Xornada etnográfica e de lecer para o 1º ciclo da Eso

Publicado por Xulio Dobarro o 26 Maio, 2015 @ 8:28 pm en Taboleiro Transversal | Comentarios desactivados

O curso para algúns xa está resolto e, para outros a piques de rematar; as actividades amontóanse, pero isto  non é  motivo  para renunciar a elas; máis ben diriamos que axudan a calmar as tensións acumuladas pola fin de curso e o tempo de verán. Con tal motivo, o luns, vinte e cinco de maio, o Instituto organizou unha actividade ao aire libre para todo o alumnado  do 1º ciclo, uns en dirección a Baiona e outros ao Rosal.

muino.jpeg

No interior do muíño

O punto de máximo interese está nos coñecidos popularmente como muíños do Folón e do Picón, no concello do Rosal. Este conxunto de construcións, que seguen, practicamente, o mesmo patrón arquitectónico: catro paredes, unha porta, un pequeno ventanuxo e unha soa vertente de augas máis unha pequena presa de auga, é todo un exemplo do esplendor que acadou en séculos pasados o aproveitamento de cereais como o millo, trigo, centeo ou cebada neste concello. En palabras do propio guía viría a ser algo así como o que hoxe coñecemos por un  polígono industrial.

Na actualidade os muiñós están parados, a non ser un deles que é empregado como centro de interpretación desta anterga actividade: a de muiñeiro. Disque nestes muíños e outros de Galicia tería nacido o ritmo da Muiñeira, quizais debido ao son  que emite a moa  ou a imaxinación dos protagonistas que tantas horas pasaban, sós ou acompañados, e que eran lugar de encontros semiclandestinos dalgunhas parellas que non tiñan outro lugares máis axeitados para atoparse.

montse.jpeg

Ascenso polos muíños do Folón

O interior deste muíño conserva todos os elementos necesarios para facer unha demostración de como a forza motriz da auga permite que se mova a moa e por rozamento se obteña a fariña. Algunha que outra curiosidade como o dispositivo que impedía que as pedras se degradasen pola falta de gran, ou que esta é a maior concentración de muíños de toda Galicia en fervenza para aproveitar a auga que vén dos montes de San Miguel de Oia. Por certo, os efectos devastadores do lume de hai dous anos aínda mostran a faciana máis lúgubre de semellante atrocidade.Só algunha que outra sobreira conseguiu sobrevivir e recuperar parte do verde natural.

Despois da lección de moenda, iniciábase o ascenso pola parte do Folón, non sen dificultades para moitos dos participantes, porque a encosta é abondo pronunciada ata chegar a unha pequena chaira para repoñer forzas á sombra dalgunha das poucas árbores que se conservaron. O carreiro sobre pegado á ringleira de muíños e, como non podía ser doutro xeito escoitando o batuxar da auga que aínda nestes días baixa con bastante forza.

descanso.jpeg

Descanso á sombra dalgunhas sobreiras

Desde o alto do monte, e agora moi visible desde que ardeu toda a vexetación, dirixímonos ata o lago Azul, formado nunha pequena aba do monte mirando cara ao monte Aloia, todo un exemplo de fervenza e lagoa natural de augas transparentes que en día tan caloroso invitan a refrescarse.

O descenso pola parte do Picón non é nada doado, porque os carreiros seguen sendo moi irregulares e os que non estamos moi acostumados a estas xeiras resentímonos un pouco.Dicir, unicamente, que a disposición dos muíños tamén é en cascada e que incorporan algún elemento arquitectónico novo: un alboio ou pequeno espazo anexo ao muíño que serviría para protexer as persoas e os animais en días de temporal ou mesmo como fogar do muiñeiro.

lago-azul.jpeg

Segundo o guía, disque lle chaman o lago Azul

Despedímonos do Rosal, cerne da horta galega polo seu clima tan benigno, e encamiñámonos de cara á Guarda para ascender ata o Trega. Desde o alto do monte, en día tan claro e de tanta calor, a paisaxe resulta conmovedora: por unha banda o pai Miño e, pola outra, o ancho océano Atlántico, e, aos nosos pés, as pegadas dos memorables celtas coa multitude de construcións castrexas e outras romanas.

Xa chegou de baño cultural e agora toca desfrutar doutra belez natural ao pé da foz do río Miño: a praia, para ir dando remate á xornada e dirixirse a Vigo.

ibra.jpeg

Descenso pola parte do Picón

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=3667

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.