- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Programa Europeo DISPUTE, DISCUSS, DEVELOP

Publicado por Alberte Zato o 5 Marzo, 2016 @ 6:25 pm en +Erasmus Project | Comentarios desactivados

logodisputediscussdevelop250.jpgO IES do Castro está a desenvolver o programa europeo Erasmus+k2 DISPUTE, DISCUSS, DEVELOP xunto con outros tres centros de distintos países: a Szabad Walford Atalanos Iskola és Gimnazium, que é o centro coordinador internacional e sitúase en Hungría, na cidade de Szeged, a 5th General Lyceum of Nea Ionea, en Atenas (Grecia), e a Bauska Valsts Gimnazja, da cidade de Bauska, no sur de Letonia.

Este programa europeo céntrase en utilizar o DEBATE como ferramenta pedagóxica para mellorar a competencia comunicativa do alumnado no que respecta á expresión oral e ás técnicas de argumentación. Para conseguilo, partimos do formato de debate ideado polo filósofo Karl Popper, que lles permite aos estudantes desenvolver habilidades orais e competencia comunicativa, xerar procesos de pensamento crítico, lectura comprensiva da documentación aportada para a preparación do debate, selección da información e desenvolvemento de técnicas argumentativas.

A lingua de traballo é o inglés e os estudantes terán que utilizar esta lingua nos debates en grupos transnacionais e nos debates no sitio web, pero tamén utilizarán as linguas oficias da comunidade nos debates de preparación, sobre distintas materias do currículo.

O programa contempla catro competicións internacionais: a primeira, en febreiro de 2016, en Vigo; segunda, en abril do mesmo ano en Letonia; a comezos do próximo curso terá lugar a terceira reunión, en Atenas (Grecia) e, a última, en abril de 2017, en Hungría. En cada competición, que conta con dúas fases semifinais e dúas finais, participarán, como oradores, cinco estudantes por país e centro escolar.

A lingua utilizada en todas as actividades deste proxecto é o inglés e todas as actividades dos encontros, competicións, así como a viaxe dos estudantes e profesorado estranxeiro están subvencionadas polos programas ERASMUS+ da Unión Europea.

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=4099

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.