- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Premios Confemadera para o centro

Publicado por Xulio Dobarro o 26 Maio, 2016 @ 8:56 pm en Taboleiro Transversal | Comentarios desactivados

A última edición dos premios Confemadera-hábitat que convoca esta asociación de empresarios da madeira de Galicia, baixo o eslogan “O monte é a nosa vida.Axúdanos a coidalo“, tamén foi xenerosa como na xeira anterior, para o Instituto. Nesta ocasión por partida dobre, xa que non só resultou premiado o centro na categoría colectiva, senón tamén na individual. O ano pasado fora o alumnado de segundo da ESO o que recibira tal recoñecemento e este curso son  os de primeiro da Eso os que reciben o agasallo  pola reportaxe-presentación sobre a xornada de inmersión na natureza no monte de Fragoselo o pasado mes de marzo que, como xa é costume, se vén celebrando en colaboración coa Comunidade de montes en man común da parroquia de Coruxo.

premio-confemadera.jpg

Alumnado de 1º da ESO, M. Novás, Xulio e autoridades

Como xa se dixo neste portal, a xornada dese día ten unha finalidade primordial, a de concienciación da importancia que ten o monte en xeral e, os de man común, en particular.Ou o que de xeito máis ou menos xeral se inclúe dentro do concepto de patrimonio material e inmaterial.  Porque, como xa se ten dito noutros foros, aqueles forman coma unha ferradura sobre a Ría que os fai imprescindibles para a cidade desde moitos puntos de vista: ambiental (os pulmóns periurbanos da cidade, pola diversidade de flora e fauna,etc); económico (as infraestruturas creadas neses espazos son innumerables: zoo, aeroporto, campos de fútbol, persoas que traballan no mantemento deses montes, etc), e social (miradoiros innumerables, rutas de senderismo e deportes ao aire libre, son algunhas das múltiples actividades que se levan a cabo).

A xornada dese día complétase cun percorrido polo monte, acompañada das explicación pertinentes por parte dos traballadores da Comunidade, unha plantación de árbores autóctonas e reflexión sobre algúns puntos de interese desde calquera dos puntos de vista sinalados.

O traballo premiado non vén  ser máis ca unha pequena reportaxe sobre a xornada na que, precisamente, se destacan os tres valores esenciais que recollen as bases do concurso.Polo tanto, non ten sido moito o sacrificio no que os actores son os alumnos e Chus e Xulio os organizadores.

kilian.jpeg

Alumnado do centro preparando os discursos

A maiores do traballo colectivo, premiaron outro individual de Manuel Novás, alumno de 2º da ESO, que a partir da experiencia do ano pasado, organizou os materiais en formato vídeo e o fixo acredor dun vale de 150 € para  gastar nunha tenda moi popular da cidade.

O premio outorgado ao centro por un valor de 300 € será destinado a algunha actividade que teña que ver, precisamente, coa concienciación medioambiental e respecto pola natureza, como por exemplo, algún acto reivindicativo do OMBÚ como árbore senlleira, da que estamos a agardar novas da  Consellería en canto a se vai ser declarada ou non como tal e de non selo, pois, a seguir nesta liña de sensibilización na defensa da natureza, en xeral, e, do monte e a súa diversidade, en particular, denantes de que os montes da periferia se transformen en monocultivo e os soutos, fragas e regueriras como  a de Laxiade sexan exemplo de salvación das árbores de ribeira e de todo o que iso conleva.

O acto de entrega de premios tivo lugar o día de hoxe, 26 de maio no salón de actos do Colexio a Ensinanza de Vigo, onde asistiu unha representación do Instituto,  que estivo presidido pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez ; o Director xeral de centros e recursos humanos da C. de Educación, X.Manuel Pinal e o Presidente de Confemadera, Elier Ojea, que entregaron os diplomas  ao alumnado e aproveitaron para lanzar unha mensaxe aos asistentes para que se menmtalicen da importancia do monte, da diversidade vexetal e a Conselleira incidiu sobre o perigo dos incendios que tanto dano producen en todos os sentidos.

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=4231

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.