- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Arte e Historia en Pontevedra

Publicado por Alberte Zato o 8 Marzo, 2017 @ 4:49 pm en Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Zona Alumnado | Comentarios desactivados

Facer un cadro non é nada fácil. E non soamente a realización, buscar a temática, as cores adecuadas, o fondo, o punto de vista, as técnicas… non, tamén a busca dos materiais precisos. Pero, máis difícil era na Antigüidade, cando o artista víase obrigado a facer os materiais e cores que precisaba para a realización da súa obra dende cero, ou as superficies onde a ía realizar. E  isto foi o que nós, os alumnos de 2º de bacharelato, puidemos aprender na Escola de Belas Artes de Pontevedra, na visita previa ao gran aliciente do día, o Museo de Pontevedra.

viaxe_pontevedra.jpg

Dividido en 6 edificios, e pasando por tódalas épocas e estilos posíbeis (pero mantendo a localización ou arte galega coma estandarte), contén obras de autores recoñecidos mundialmente coma Sorolla ou Castelao, e un taller onde se fai a restauración das obras que chegan ao museo e precisan dela.

Ao chegar ao museo, comezamos a visita por un edificio que, con cristais transparentes ao exterior, tiña escaleiras núas, que recordaban ao cadro de Escher das escaleiras que soben, pero ao mesmo tempo baixan… todo depende da perspectiva coa que o mires.

O seguinte, ou primeiro que vimos, foi o edificio reconvertido dos xesuítas, o edificio Sarmiento, construído entre 1685 e 1714, e que dende o ano 1981 forma parte do museo. Cando se realizou, era unha igrexa e á vez un convento ou colexio. Nas súas salas exhíbense como exposición permanente os fondos arqueolóxicos da Prehistoria e da antigüidade, a arte galega medieval ata o S. XIII, as coleccións de loza de Sargadelos, cerámicas de Pontecesures e unha selección dos alfares nacionais máis representativos, como, por exemplo, os de Manises, Paterna… Neste apartado vimos o tesouro de Caldas de Reis, que eran xoias da prehistoria, destacando entre eles os lingotes ou peites, e que apareceron no  1700 a.C.

viaxe_pontevedra2.jpg

Por outra parte, tamén observamos restos humanos nas tumbas paganas, e estelas funerarias como eran a de Vilar de Sarria e a de Araño. A parte destas, a nosa guía informounos sobre as tumbas da necrópole dunha ermida da  Praia da Lanzada, que se correspondía cunha ermida galaico-romana.

Máis tarde, pasamos a ver a zona medieval, onde encontramos un retablo galego feito en madeira e con inscricións na propia lingua, o cal, como a guía nos contou, foi atopado por un matrimonio que decidiu deixalo ao Museo, xa que hoxe en día é o único retablo medieval galego que conservamos, e é unha peza de moitísimo valor para a nosa cultura. Foi nesa misma zona onde se atopaba a Virxe Blanca, realizada por Joao Ruao.

Tamén nos informaron sobre a Xeración Doente, que era una xeración formada polos pintores máis destacados do último terzo do século, e que se chamaban así por seren grandes artistas que morreron cando eran grandes promesas.

viaxe_pontevedra3.jpg

Por último, a nosa visita finalizou na Basílica de Pontevedra, que, coma nos contaron dúas compañeiras, é unha igrexa católica, datada no século XVI e convertida en Basílica dende o ano 1962 por decreto do Papa Juan XXIII.

Como puidemos observar, é de estilo gótico, con influencias portuguesas,  e na cal o que máis destaca é a fachada principal con moita decoración e esculturas como a de San Pedro e a de San Pablo. Por estes motivos, foi considerada, dende 1931, Monumento histórico-artístico por pertencer ao tesouro artístico nacional.

En conclusión, pódese afirmar con claridade que esta xornada foi moi enriquecedora para os alumnos de 2° de bacharelato, na que adquirimos coñecementos sobre moitas cousas e na que o arte foi o que nos absorbeu, e non ao revés,  como soe pasar en clase. En definitiva, unha mañá moi boa, a pesares da chuvia, do frío ou das presas.

Alicia Val, María Alonso e Andrés Weiss 

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=4508

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.