- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

A perplexidade de Darwin

Publicado por Xosé Ramón García o 30 Marzo, 2009 @ 7:09 pm en Bioloxía e Xeoloxía, Departamentos | Comentarios desactivados

Darwin no IES do Castro

GONZALO PONTÓN en El País, 29/03/2009

Durante os próximos meses asistiremos á publicación de varias edicións conmemorativas dos 150 anos da Orixe das especies, que se deu ás prensas cando o seu autor, Charles Darwin, ía cumprir 50. É xusto que sexa así. Da carismática trindade progre (Darwin, Marx, Freud), ningún puido derrotar o tempo como o primeiro.

Aínda que quedan algúns detalles por axustar que non afectan á súa esencia, a teoría da evolución foi verificada ata a saciedade dende o rexistro fósil á xenómica comparativa, e hoxe é un feito científico tan indiscutible como a existencia dos átomos ou a dos buratos negros. Indiscutible, pero non indiscutido. As Igrexas cristiás, xudías e musulmás non poden aceptar a teoría da evolución porque, segundo os seus libros santos, un deus primordial omnipotente e omnisciente o creou todo en seis días (ou en seis mil millóns de anos, que no da cronoloxía os clérigos máis espelidos se apuntan á metáfora).

Acosados polos descubrimentos científicos que foron desmontando, peza a peza, a narración do Xénese e todos os mitos de creación existentes, certos fundamentalistas relixiosos propuxeron, como explicación “científica” alternativa á evolución, a existencia dun deseñador intelixente, nun remake da vella narración bíblica, pero substituíndo o Ancián dos Días por, digamos, un Enric Satué ou un Alberto Corazón todopoderosos.

A teoría de Darwin aséntase en catro piares fundamentais: a evolución, a gradualidade (coas matizacións de Stephen Jay Gould e Niles Eldredge), a especiación e a selección natural.
A estes catro piares, o profesor Jerry A. Coyne, que acaba de publicar un libro titulado Why Evolution is True, engade un quinto que me parece irrefutable: “A imperfección é a marca da evolución, non a do deseño consciente”. En efecto, a evolución produce criaturas imperfectas, inacabadas. Os mecanismos evolutivos dotaron ao kiwi dunhas ás sen función; a maioría das baleas conservan vestixios de pelve e ósos das patas como recordo do seu pasado de cuadrúpedes terrestres; os humanos contamos con músculos para accionar unha cola xa desaparecida, encrespar plumas das que non dispoñemos (a “carne de galiña”) ou mover comicamente as orellas.

Por non falar do famoso apéndice, moi útil para que os nosos avós primates puidesen facer fermentar as follas das árbores e transformar a súa celulosa en azucres. Que función desempeña nos humanos á parte de poñelos, ás veces, en risco de morte? Talvez o deseñador intelixente fose un cirurxián espelido. Sabían vostedes o do nervio larínxeo dos mamíferos?

Eu tampouco, pero o profesor Coyne explícao de marabilla: o tal nervio intervén na fonación, pero en vez de ir directamente do cerebro á larinxe, descende ata o peito, xira arredor da aorta e regresa á larinxe nun percorrido tres veces maior do necesario. Fascinante. Pois ese nervio fai o mesmo nas xirafas, baixando e subindo polo seu colo como un taxista sen GPS. Ningunha deidade que se prece sería tan despistada. O que sucede é que o nervio larínxeo procede dos arcos branquiais dos nosos antepasados, os peixes, e alí si cumprían unha función.
O aparato reprodutor dos humanos é unha galería de chapuzas e un campo minado.
Por que os testículos non se forman directamente fóra do corpo, onde a temperatura é adecuada para os espermatozoides? Fórmanse no abdome, e cando o feto ten uns sete meses emigran ao escroto a través das canles inguinais, debilitando as paredes abdominais co risco de causar hernias, ás veces mortais. A uretra está moi mal deseñada, porque pasa por medio da próstata, e cando esta se inflama dificulta ou impide a micción.

As mulleres paren a través da pelve nun proceso doloroso e ineficaz, porque é demasiado estreita (por necesidades da locomoción bipedal) para un cranio que debeu ensancharse para acoller o crecemento do cerebro. Dende logo, o deseñador intelixente non era unha muller. E xa que estamos a falar dos baixos, se vostede fose deseñador, tería colocado unha planta procesadora de residuos xunto a un parque de atraccións?

Pero ademais, Darwin xa previu algo estraño na selección natural, e é que non sempre actúa en ben da especie. Ás veces a evolución pode producir resultados útiles para un individuo, pero prexudiciais para a especie no seu conxunto. Velaquí un exemplo fastoso achegado polo xenio de Forges (O PAÍS, 22 de febreiro): no debuxo aparece un bispo ou cardeal (Rouco? Camiño?) de xesto avinagrado que Darwin observa entre perplexo e azorado. Por que razón?
Porque ve, como Forges e como eu, que aquí a selección natural non xogou en favor da especie.
Se a selección natural “apaga” os xenes máis prexudiciais e activa os máis favorables, por que existen os eclesiásticos? Se a través da evolución e da cultura, o animal humano mellorou a calidade da súa vida, ampliou o alcance da súa intelixencia e conseguiu dotarse dunha consciencia ética que lle impulsa a amar os seus semellantes, a respectar as súas vidas e as súas liberdades, e que lle reprocha intimamente, insoportablemente, as súas miserias e a súa capacidade para o mal, como é que non se desembarazou dos clérigos?
Que función evolutiva teñen eses escuros intérpretes duns deuses atávicos que envían a nenos-bomba a matar e ser mortos?

Por que sobreviven seres inmorais capaces de enganar a sabendas os máis débiles e desvalidos dos humanos dicíndolles que os preservativos poden aumentar o risco de contraer a sida?
Só dende Darwin pode explicarse a existencia de tales criaturas: deben de ser vestixios dos nosos antepasados os réptiles.

Gonzalo Pontón é o conselleiro delegado de CRÍTICA

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=611

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.