- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -
Do IES do Castro a Castromao
Publicado por Xulio Dobarro o 20 Maio, 2009 @ 8:22 pm en Lingua e Literatura galegas, Taboleiro Transversal | Comentarios desactivados
Despois de máis de dez anos de visitas continuadas ás terras da Baixa Limia e de Celanova, cremos que xa estamos en condicións de poder considerar esta actividade como típica para o alumnado de 3º da ESO. Por iso, e a pesar de que as condicións climatolóxicas non eran moi apropiadas, e cando eran sobre as 11 da mañá estabamos realizando a primeira parada técnica na localidade de Río Caldo (Lobios), no presente curso 2008-09, o pasado trece de maio, aproveitando que os días son máis longos e a natureza está no seu máximo apoxeo, aqueles desprazáronse ata esas comarcas, limítrofes, en parte, con Portugal. Non podemos perder de vista que inicialmente proxectárase en cursos pasados de realizar a ida, -por ser máis curta- por terras portuguesas e a volta por Ourense, e, ademais, unha das ideas que preside a actividade é a do libro de relatos de X.L. Méndez Ferrín que, precisamente, se titula Arraianos e inclúe como protagonistas daqueles a persoas que se moven entre a realidade e a ficción por esta raia seca galego-portuguesa.
Iniciamos a tarefa facilitándolles ao alumnado unha guía didáctica de carácter interdisciplinar relativa ao interese natural, artístico e cultural, ilustrada con abundantes referencias de todo tipo sobre os puntos polos que iamos pasar. Nunha segunda parte, á volta, tiñan que resolver diferentes cuestións vencelladas á xeografía física, humana e artística, tanto de tipo arquitectónico como literario. Con anterioridade xa abordaran na contorna do Instituto algúns detalles que logo acadarían unha proxección máis ampla, de aí que a unidade de traballo reciba ese título que consta ao prinicipio.
Saímos de boa hora, tal e como estaba previsto, aínda que as condicións ao pé do río homónimo. A próxima parada será ao lado do lugar que coñecemos como dos Miliarios, porque alí hai unha concentración de varios deses cilindros que ían marcando a distancia con respecto á metrópole (Roma), e iniciamos aquí o percorrido sobre o que foi o trazado da antiga Vía romana nº XVIII que comunicaba a vila de Braga (Portugal) con Astorga (León). Con esta andaina descendemos pola aba do monte, en parte paralela ao río e noutras máis cercana ás fervenzas que recollen as augas dos picoutos no que pastan a cabra hispánica, o corzo, ou señorean os lagarteiros e aguias sobrevoando os cantís.A paisaxe resulta conmovedora para os sentidos, especialmente para a vista pola paleta de cores da floresta, que desde o amarelo das xestas e carqueixas, o violeta das uces e carrascos, os verdes érbedos cos seus froitos incipientes ou os carballos, cerquiños, sobreiras, abelairas e cerdeiras, ata os relucintes acivros rivalizan todos eles cos eucaliptos que empezan a introucirse no medio desta “selva” autóctona; sen esquecer a extraordinaria abundancia de toxo que coa flor amarela tan característica puidera semellar campos de xirasoles de non ser polo seu tacto algo máis espiñento.


Con todo o que puidera considerarse esta bisbarra como exemplo da Galicia profunda, dá a impresión de que o que foron as actividades tradicionais de agricultura e gandería están a desaparecer en favor doutras alternativas económicas coma o turismo na natureza,ou a promoción de novas tecnoloxías aplicadas ao aproveitamento de recursos naturais. A vexetación está, en certa medida, controlada para evitar o que parece un dos maiores perigos para estas terras, os incendios; así é curioso comprobar como aínda pastan en semiliberdade cabalos e vacas de raza cachena que desta maneira evitan que a maleza invada camiños e facilite a propagación do lume. Por outro lado, estamos a falar de parte do que configura o parque natural do Xurés e pegado a este o parque natural Peneda-Gerés (Portugal).
Despois desta inmersión na natureza, de cores múltiples e sons de fervenzas e pozas de augas crsitalinas pasamos a rentes do asentamento romano Aquis origines e chegamos ao actual Balneario de Río Caldo, que, á beira os veciños conseguiron manter un pequeno estanque de acceso libre e que en días de frío permite darse un baño naquelas augas ben quentes. Non sen dificultade, conseguimos subir ao autobús e encamiñarnos cara ao encoro das Conchas, porque aquí está previsto visitar un dos espazos máis estudados da cultura romana. O esforzo viuse compensado pola proxección ofrecida polo centro de interpretación asentado aquí e máis polo percorrido polo que foi un dos lugares de maior presenza romana en Galicia, Aquiis Querquennis, onde se están a levar a cabo importantes excavacións relacionadas coa conquista romana do Noroeste peninsular por parte de Décimo Xunio Bruto e de César e Augusto para chegar ata lugares nos que eles tiñan intereses moi concretos, como eran as explotacións mineiras que lles serían de grande proveito para sanear as débedas contraídas en Roma e así chegar ata puntos tan interesantes desde ese punto de vista como foron o canón do Sil (Montefurado) ou As Médulas (León).


A partir de aquí a xornada continúa pola estrada en dirección á Bande, faise referencia á igrexa de Santa Comba (arte visigótica) pero non hai tempo suficiente para poder achegarse ata alí, porque na próxima etapa, logo de salvarmos o alto do Vieiro, en Celanova, estannos agardando outras citas importantes: O mosteiro de San Salvador e a Casa dos poetas. O elevado número de persoas que conforman o grupo esixe que nos dividamos en dous e así poder realizar a visita con maior detalle.
Vilanova |
Santa Comba de Bande |
Mosteiro Celanova |
Celanova acóllenos cun silencio sepulcral, logo de ter deixado á nosa esquerda o cemiterio onde repousan os restos mortais do que foi o gran poeta cívico do século XX, Celso Emilio Ferreiro, e nada máis pisar a vila, un grupo entra no mosteiro e o outro vai cara á Casa dos poetas. Nin que dicir ten que a guía do mosteiro nos ilustra sobre a fundación deste e como a historia ten sido algo caprichosa á hora de acoller entre as paredes diversas actividades: desde ser mosteiro, pasando por “escola de circo” da Cidade dos Muchachos, cárcere no período da posguerra, ata a actualidade que é o centro de interese da vila desde o punto de vista administrativo, eclesiástico e educativo. Non esquecemos que aquí naceu “in pectore”, en palabras do propio autor, o que vai ser un dos poemarios máis representativos da obra de C. E. Ferreiro, “Longa noite de pedra”, cando sufriu as dores da represión franquista entre aquelas pedras.As curiosidades sobre o mosteiro son tantas que non vén ao caso entrar aquí a describilas, pero si lembrar ao menos que, á parte dos dous claustros, un gótico e outro barroco, é de interese excepcional a capela de San Miguel, arte mozárabe, que sería levantada cando se fundou o mosteiro, aló polo século X, como lugar de oración de San Rosendo e da súa familia, e de aí as reducidas dimensións interiores.Ademais, a nave central da igrexa acolle un coro moi elaborado, varios retábulos entre os que destaca o central con motivos da vida, crucifixión e morte de Cristo, a altura deste é considerable e destaca na parte máis alta as figuras duns cabalos a tamaño natural e foutras de alabastro con trazos asiáticos.A igrexa, de planta de cruz latina, destaca tamén pola altura da bóveda e a conservación dun órgano do séc. XVIII en funcionamento, que está considerado como un dos mellores de Galicia.
Na Casa dos poetas, aínda que algo maís baleira que o ano pasado en que se cumpría o centenario do pasamento de Curros, refréscaselles a memoria con datos referidos aos tres grandes artífices que dan vida a este lugar: Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e X.L. Méndez Ferrín (Como anécdota comentar que por alí nun recuncho xa estaba a insinuarse unha continuadora da faceta poética dos tres poetas, que, ademais, fora alumna deste centro hai uns anos, Oriana Ferrín, e que por razóns obvias seguirá vencellada a estas terras).

Aínda nos quedaba un derradeio lugar por visitar, Vilanova dos Infantes, que como é sabido conserva unha maxestuosa torre de homenaxe do que foi un antigo castelo medieval. Aquí, coas forzas algo mermadas, conseguimos subir ao alto daquela e podemos ver en toda a súa dimensión a comarca das Terras de Celanova, ademais de enterarnos que xusto nesta semana vaise celebrar a famosa feira de artesanía que desde hai uns cantos anos acolle esta parroquia a milleiros de visitantes. No interior da torre pódese ver unha maqueta do famoso castro de Castromao, -que non poderemos remontar por razóns de tempo-, así como varias réplicas de motivos achados nas escavacións levadas a cabo e entre as que destaca unha inscrición nas que os nativos (Coelerni) asinan un tratado de paz cos romanos ou fornos que utilizaban para cocer diferentes materias primas. Unha das razóns para que se celebre esta festa-feira de artesáns é que Vilanova ten sona de bos zapateiros, ademais doutras moitas que eran comúns en todas as aldeas galegas (zoqueiros, ferreiros, paraugueiros, oleiros, etc.).
Non podemos deixar Vilanova sen antes cumprir co rito da visita ao crego da parroquia que garda a imaxe milagreira da Virxe do Cristal e que como é sabido inspirou a Curros para escribir o famoso poema relacionado coa lenda que se creou arredor da súa aparición e que rematou coa desgraza de Rosa entrando no convento e de Martiño morrendo de frío ás portas daquel. Só unha breve parada na igrexa para observar un exemplo típico de Cristo románico, e poñernos ao camiño para cruzar por terras de Ramirás, Cartelle, Filgueira, cruzar o Miño e caer pola parte da Cañiza para sobre as nove atoparnos de novo no Castro. Un ano máis cumpriuse o obxectivo.
[1]
Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro
URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=654
URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/
Clique aquí para imprimir
Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.