- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

As Letras Galegas: Intres de ledicia no IES do Castro

Publicado por Sande o 27 Maio, 2009 @ 11:42 pm en Normalización e Dinamización Lingüística | Comentarios desactivados

“… chegado habrá estonces o maio que eu quero”

(Manuel Curros Enríquez) 

No mes por excelencia de celebración especial das Letras Galegas festexamos conxuntamente as palabras e as tradicións. Con entusiasmo o alumnado participante xogou ás palabras emparelladas buscando casar a súa definición coa palabra que alguén (non se sabía quen) debía ter. Outros grupos rastrexaron na procura da solución ás adiviñas ou en completar refráns ou cantigas populares, nunha especie de GPS da lingua. O alumnado de Tecnoloxía preparou o Maio ao que grupos de alumnos, con máis entusiasmo que algúns profesores, dedicaron as súa coplas incisivas, cargadas de ironía. Os xogos populares acompañaron parte da celebración que culminou co recoñecemento a aqueles alumnos e alumnas que durante o curso participaron no concurso de relatos breves, escolmando entre os premiados os mellores dos mellores. E presidindo todo a exposición de carteis nas que se fai un percorrido pola vía e a obra de Ramón Piñeiro quen hai anos dicía: “ Unha das causas máis importantes da apatía social do noso pobo, do escepticismo cara ás iniciativas colectivas, do ensimismamento resignado que con tanta frecuencia se lle reprocha, é mesmamente esa tremenda fractura entre a conciencia emotiva e a ignorancia intelectual que historicamente se lle impuxo á nosa personalidade colectiva. Compréndese xa que logo, que unha das necesidades máis urxentes cara ao futuro do noso país é o recobrarmos a plenitude consciente da nosa personalidade. Necesitamos acadar o coñecemento intelectual da nosa realidade e das súas posibilidades de desenvolvemento, porque só así poderemos actuar adecuadamente como galegos. Non chegaremos a asumir plenamente a nosa identidade colectiva mentres continuemos apoiándonos exclusivamente no plano da vivencia emotiva con ausencia do coñecemento intelectual da nosa realidade en tódalas súas dimensións, que inclúen necesariamente o pasado, o presente e o futuro de Galicia”. Para quen que, como Ramón Piñeiro, non lle pon datas  á lingua e cultura galegas, sempre as incluirá  no pasado, no presente e no futuro de Galicia”.

Lingua Galega

[1] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=699

URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.