- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -
Novas de CAS- outubro 09
Publicado por Isabel Flores o 10 Outubro, 2009 @ 7:46 pm en Sen categorizar | Comentarios desactivados
O alumnado de 2º E comezou o curso con proxectos dirixidos a ‘cambiar o mundo no que vivimos’ dende unha perspectiva creativa, participativa e sempre con ánimo positivo.
Podedes ler a súa explicación do proxecto ‘SAVE THE FROG’, xa en marcha neste momento. Outros interesantes proxectos xa están en período de organización.
Esta semana pasada asistimos á terceira charla da serie ‘Con C de Creatividade’. Neste caso foi o recoñecido poeta Román Raña, profesor do propio centro, quen falou da creatividade na poesía. Partindo da idea das palabras como material que forma a poesía, en contraste con outras artes e materiais, foi apuntando aspectos sobre cal é o impulso dunha persoa a escribir, as teorías romántica e clásica sobre a inspiración, para logo ir analizando os ‘pilares’ da poesía: a técnica, o xogo, a narratividade e o pensamento-sentimento.
Aparte da oportunidade de escoitar ao poeta falando da súa propia teoría sobre a poesía, este foinos guiando ‘en primicia’ por tres dos seus poemas de ‘A metamorfose do túnel’, a obra premiada co Premio de Poesía Caixanova no ano 2004 e que fora valorada no seu momento polo xurado pola súa elegancia formal, a enteireza lírica e a densidade emotiva do discurso. Os poemas comentados foron Des-composición, París, baixos fondos, 1970 e Disertación sobre o túnel cos que Román foi desvelando o funcionamento do proceso creativo e defendeu a importancia da poesía como interpretación dos sentimentos humanos (aqueles con nome, ou aqueles aínda por nomear).
Entre outras citas que quedaron na memoria do alumnado podemos sinalar: ‘A inspiración é algo que pode chegar en calquera momento posto que o ser humano está condenado a pensar.’
Nas fotos Román Raña co alumnado de 2º E.



Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro
URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=838
URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/
Clique aquí para imprimir
Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.