- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Magosto 2009

Publicado por Xulio Dobarro o 27 Novembro, 2009 @ 11:56 am en Lingua e Literatura galegas, Vicedirección | Comentarios desactivados

[1]

vista_desde_o_parque.JPG

Acabáronse as vendimas

e veñen as esfolladas

para comer coas mozas

catro castañas asadas

O primeiro intento de celebración do Magosto, o día doce de novembro, refesta do San Martiño, non foi posible a causa do mal tempo e pola falta de veranciño do mesmo nome. Houbo que agardar unha semana máis, o dezanove, para que con moita puntería se acertase na escolla de tal día en canto ás condicións climatolóxicas que,dito sexa de paso,  non puideron ser mellores.

Os preparativos xa viñan  de quince días antes, -quizais por iso as castañas en vez de secaren o que lles pasou foi humedecérense-,porque cómpre organizarse como se fósemos de cámping: a leña seca e o carbón para armar o lume e  - o máis importante-  as brasas para asalas, as castáñas picadas para que non estoupen, o tixolo, especie de plataforma para colocalas enriba do lume e, o que non é menos importante, a sabedoría das persoas para que todo se resolva segundo o previsto: leña axeitada, pouco fume, punto de cocción e algo de humor.

grupo.JPG

A xornada ten mudado en canto á organización desde que nos primeiros anos de celebración se realizaba  dentro do recinto escolar, pero ao igual que outras festas relacionadas con ciclos festivos (Entroido, Maios, etc) tamén esta do Magosto se foi  restrinxindo a determinado alumnado, concretamente aos do primeiro ciclo da ESO, desde que nun determinado intre se observou que só participaban os máis cativos e os demais optaban por un lecer malentendido, o de non comer castañas nin deixalas comer.

O lugar escollido cremos que é o ideal, o parque forestal de Beade, porque permite disfrutar dunha xornada en contacto  coa natureza e de respecto con esta, e, ao mesmo tempo, festexar este día ao estilo tradicional comendo castañas asadas e saltando entre os castiñeiros, as cerdeiras, os carballos, algún que outro toxo, xesta ou salgueiro, a maior parte destes xa sen folla ou a punto de quedarse nus.

Os preparativos pasan, como en edicións anteriores, por levar algún material de xogos populares: a chave, a corda, os balóns, pero o que maís os motiva  é o sentimento de liberdade e incluso de aventura nesa paisaxe de bosque autóctono e de tempo outonal.

Os días previos á celebración foron varios carteis informativos os que puxeron ao alumnado en relación co Magosto: coplas, refráns, receitas de cociña que teñen a castaña como elemento principal, así como outros datos relativos á produción e transformación do produto homenaxeado.Falouse de que a castaña foi moi importante na alimentación dos nosos antepasados mentres non chegou o millo e as patacas de América, que  actualmente se aproveita para usos máis sofisticados na elaboración do “marron glacé”(castaña confeitada) ou como complemento para pratos da cociña moderna: xabarín con castañas, e receitas máis tradicionais que teñen a castaña case como base  única: asadas, cocidas, xeralmente con fiúncho e despois acompañadas de leite frío. Incluso alguén apuntaba que era de mal agoiro pisar unha castaña porque iso non ía favorecer os amores ao establecerse unha relación de semellanza entre a castaña e o corazón ou que outros  puidesen  pillar “unha castaña” aínda que fose sen viño.

A xornada foi ben aproveitada, todo se desenvolveu moi rápido: Saír do centro ás 10,40 h, chegar ao Parque sobre as 11,30 e ao pouco tempo xa estaban degustando a primeira fornada  de castañas asadas, pero houbo que repetir ata cinco ou seis veces o ritual de asar porque para saciar a  cento cincuenta comensais había que espabilarse aínda que a leña non axudase moito e houbese que recolectar algunha polo arredor. Cando xa estabamos decididos a voltar ao Instituto algúns deciden iniciar unha aventura montesía e perderse por entre a maleza. Todo quedou nun pequeno susto que se resolveu de contado e que nos permitiu voltar ao Instituto sen novidade e segundo o horario previsto.Houbo algún grupo que mesmo se atreveu a cantar, -1º ESO C- , aínda que o resultado fose abondo pobre pero  prometeron que o próximo ano o ían facer mellor porque xa contaban con antelación coa letra das coplas e con máis tempo para os ensaios.

De entre as coplas que se incluían no repertorio incluímos aquí unha pequena mostra e agardamos que o próxima edición de non ser mellor que non sexa peor.

outra.JPG

Naquela banda do río

ten meu pai un castiñeiro,

dá castañas en outono

e uvas no mes de xaneiro

Non chas quero, non chas quero

     castañas do teu magosto,

     non chas qero, non chas quero,

      que me cheiran a chamosco.

Canta cuco, canta cuco,

na galla do castiñeiro,

coa machadiña na man,

aprendendo a carpinteiro.

Non chas quero, non chas quero…

Miña nai dóeme a barriga,

-Miña filla, confesión.

As castañas que comiches

de que castiñeiro son?

Non chas quero, non chas quero…

Moza que estás no canizo,

tira castañas abaixo,

anque non teña mandil,

acádochas co refaixo.

  Non chas quero, non chas quero…

[2] Related Posts with Thumbnails

Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=959

URLs neste artigo:
[1] : http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-content/uploads/2009/11/1.JPG
[2] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.