O TEATRO GALEGO

 

 

 

Por diferentes circunstancias, ata o século XX a literatura dramática galega non destaca pola súa cantidade nin pola súa calidade.

Na Idade Media, se ben existiu unha poesía lírica trovadoresca en galego-portugués de grande importancia en Europa, non se conserva nada de literatura dramática durante este período. Así e todo algúns críticos deducen certos indicios e noticias de certa actividade teatral en galego-portugués no ámbito da liturxia e da corte nobiliaria,  da que non temos proba documental ningunha. Estes críticos emparentan as actuacións e recitacións dos  xograres cos arremedilhos portugueses (s. XII-XIII), base dos momos e entremeses posteriores.

Na etapa coñecida como Séculos Escuros (ss. XVI-XVIII), caracterizada polo aillamento político, social, lingüístico e cultural do reino de Galiza, a penas houbo manifestacións literarias en lingua galega. Deste período atopamos rudimentarias representacións teatrais con motivo das festas de Nadal, Semana Santa, Entroido, Maio, Corpus, etc. A isto temos que engadir que as pezas dramáticas en galego tiveron que competir en inferioridade de condicións coas feitas en castelán, xa que estas eran realizadas por compañías profesionais.  A primeira peza teatral en galego que chegou a nós é o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño (1671) de Gabriel Feixó de Arauxo, que trata da contenda entre uns labregos galegos cuns portugueses sobre a pesca no río Miño.

No século XIX, no que a poesía galega vive unha etapa de rexurdimento importante,  a obra teatral tampouco non se caracteriza pola súa cantidade nin calidade. Entre 1812 ata 1882, non se publicou ningunha peza teatral. Os temas tratados son de carácter costumista ou dramas, algúns históricos. A figura máis salientable é Manuel Lugrís Freire (1863-1940), autor de A fonte do xuramento, considerado o primeiro autor moderno e iniciador do drama social.

 

 
Manuel Lugrís Freire
 
 

SÉCULO XX

En 1916  un grupo de galeguistas funda a Hirmandade de Amigos da Fala da Coruña. Esta asociación, que despois se estenderá por outros lugares do país, dando lugar ás Irmandades da Fala (1917), vaise preocupar de darlle un pulo á literatura e a cultura galegas. Vai ser nesta época na que se funde o Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919) e na que o teatro galego colla o tren de Europa.

Foi unha época de movemento teatral, moitos foron os autores que se animaron a escribir para escena. Entre 1922 e 1926, o Conservatorio converteuse nunha Escola Dramática Galega, e o teatro galego coñeceu unha época de esplendor, chegándose a realizar ata cen representacións anuais tanto galegas coma portuguesas nas principais cidades de Galiza.

Entre as figuras máis importantes deste período temos que destacar a Leandro Carré Alvarellos, cuxas obras dramáticas e ensaios sobre teatro son imprescindibles para coñecer o panorama teatral do momento e a Armando Cotarelo Valledor. Dous narradores importantes desta época, tamén se sentiron atraídos polo xénero teatral: Vicente Risco, Otero Pedrayo e Afonso Rodríguez Castelao, autor de Os vellos non deben de namorarse, obxecto de múltiples representacións.

 

Afonso Rodríguez Castelao
 
 
 

O TEATRO NA POSGUERRA E NO EXILIO

A partir de 1936, e durante as décadas máis duras da ditadura franquista, a literatura galega  foi continuada polos autores galegos que, ou ben se viron na obriga de exilárense, ou ben estaban emigrados en América do Sur no momento no que estalou a guerra. A súa obra estará fortemente marcada polo drama da desfeita de Xullo de 1936.

 

A maior parte da actividade literaria estaba concentrada en México e Bos Aires. Destacados autores teatrais galegos desta época foron Manuel Daniel Varela Buxán, quen fundou en Bos Aires a compañía Aires da Terra, Eduardo Blanco Amor (pese a que este último non publicou a súa obra dramática ata a década de 1970) e Rafael Dieste. A peza A Soldadeira (1956), de Luís Seoane, merece ser nomeada con distinción dentro da dramática galega producida en Bos Aires (Arxentina) pola súa innovación estética.

 

De grande calidade é a peza que nos deixou Álvaro Cunqueiro en 1958, O incerto señor D. Hamlet, príncipe de Dinamarca, onde o autor recrea o mito de Hamlet desde unha perspectiva psicoanalítica, na que está presente o tema do incesto.

 

Eduardo Blanco Amor
 
Álvaro Cunqueiro
 
 

O TEATRO NA DÉCADA DOS 60 E ATA A ACTUALIDADE

Durante a década de 1960, Galiza verá acentuado o proceso de recuperación cultural que xa comezara no decenio anterior. Todo este proceso terá as súas repercusións na literatura. Así, no ano 1961 celebrarase o a primeira e única edición do Certame de Teatro do Miño e, dous anos despois, en 1963, no ano no que se celebra por primeira vez o Día das Letras Galegas, aparecerá a revista Grial, órgano de vital importancia no ámbito literario e cultural. Igualmente, entre 1963 e 1965, terán lugar as tres edicións dos Premios de Teatro Castelao. As agrupacións culturais a partir de 1960 van proliferar fortemente, o que influirá sobre todo no teatro.

En 1965, a través do Agrupación Cultural O Facho, xurdirá o Grupo de Teatro O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo. Dous anos despois, en 1967, o propio Manuel Lourenzo porase, como cofundador, a cargo do Grupo de Teatro Circo,  Con estes dous grupos, pódese dicir que nace o chamado Teatro Independente,  que pretendía devolverlle o teatro ao pobo, sen renunciar ás innovacións nin aos rigores estéticos e formais. Cabe especificar que, a diferenza do caso español, o teatro independente galego nace nas rúas, non nas universidades, o que favorece a súa difusión.

Como consecuencia do auxe do teatro independente, xorden en Ribadavia as Mostras de Teatro Abrente de Ribadavia, así denominadas por seren organizadas pola Agrupación Cultural Abrente. As oito edicións destas mostras, celebradas entre 1973 e 1980, gozaron dun importante éxito de público. Nelas participarán ou daranse a coñecer os integrantes da primeira xeración de dramaturgos profesionais en lingua galega, o grupo Abrente, cuxos máximos representantes son Manuel Lourenzo, Euloxio R. Ruibal, Francisco Taxes e Roberto Vidal Bolaño.

 

 
Manuel Lourenzo
 
 
 
IR AO MENÚ PRINCIPAL