Seccións Bilingües e Ensino CLIL

O termo CLIL (Content and Language Integrated Learning, acrónimo inglés utilizado maioritariamente, a pesar de que existen adaptacións ao castelán –AICLE, Aprendizaje Integrado de Contenidos y Lengua Extranjera–, ao francés –EMILE, Enseignement de Matières par Integration d’une Langue Etrangère–, ou ao alemán –CLILig, Integriertes Sprach- und Fachlernen auf Deutsch–) adoptouse en Europa en 1994 para identificar boas prácticas e resultados significativos relacionados con metodoloxías que integraban linguas “a través” de contidos doutras áreas (de aí a súa outra denominación Language Across the Curriculum lingua “a través” do currículo–). Esta fusión introducía un nivel de relevancia e autenticidade maior do que se conseguía normalmente nunha clase de lingua. Na actualidade, CLIL tense convertido nun termo xenérico relacionado coa ensinanza de materias non lingüísticas mediante unha lingua estranxeira/adicional. Refírese a calquera situación educativa na que unha lingua adicional –xa que logo, non a máis usada nun contexto dado– se usa para a ensinanza e aprendizaxe doutras materias. Noutras palabras, trátase dun enfoque educativo –o enfoque plurilingüe– no que a sinerxia de metodoloxías diversas leva a unha educación centrada en dous aspectos: contido e lingua de instrución. Os resultados da aprendizaxe tenden a concentrarse na consecución –progresiva– de altos niveis de destreza ao usar a lingua en situacións da vida real, así como na aprendizaxe de contidos.

As tendencias de europeización e globalización están a facer que o modelo CLIL sexa un compoñente cada vez máis presente nos sistemas educativos de toda Europa. CLIL é un motor de cambio, un catalizador na mudanza que se está a producir: dunha perspectiva monolingüe e compartimentada tradicional cara á progresiva xestión plurilingüe das linguas nos centros educativos.

O modelo CLIL galego baséase no formato de seccións bilingües: unha materia impártese de maneira bilingüe (lingua ambiental + lingua adicional).

O primeiro modelo CLIL comezou en Galicia como un proxecto experimental no curso 1999-2000 co nome de Seccións Europeas. No ano 2005 o IES Fonmiñá incorporouse a este programa coa creación de dúas seccións de Tecnoloxía en lingua inglesa para 3º e 4º de E.S.O. Un ano máis tarde engadiríase tamén unha sección de Informática en lingua francesa para 4º de E.S.O.

A publicación da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación e a necesidade de unificar nomenclatura, criterios e regulación en todos os niveis levaron á administración educativa galega a publicar unha nova norma (Orde do 18 de abril de 2007) que crea e regula as denominadas seccións bilingües, o modelo vixente na actualidade.

     

(Fonte: "CLIL: INTEGRANDO LINGUAS A TRAVÉS DO CURRÍCULO". Xunta de Galicia, 2009)

.