AtrásPáxina inicialIES "Francisco Aguiar"

Cincuentenario 1952-2002

O Instituto “Francisco Aguiar”, o Instituto de Betanzos, celebra o cincuenta aniversario da súa creación. Medio século de historia, que representa tamén medio século da historia de Betanzos, porque en todo este tempo a vida da cidade e a do seu Instituto transcorreron estreitamente vinculadas. Non parece esaxerado afirmar que o desenvolvemento cultural da comarca de Betanzos tivo no Instituto “Francisco Aguiar”, desde o seu nacemento ata hoxe, o seu principal impulsor.

A través da presente publicación queremos render homenaxe a cantos, desde a súa condición de profesores, alumnos ou membros do persoal non docente, formaron parte ó longo destes cincuenta anos da Comunidade Escolar do Instituto “Francisco Aguiar”. Todos eles contribuíron a infundirlle ó Centro ese prestixio que soubo manter desde os seus primeiros tempos ata os momentos actuais. E, dun xeito moi especial, facemos expresión de gratitude e recoñecemento a aqueles profesores que dedicaron toda ou gran parte da súa vida docente a este Instituto que foi para eles moito máis que un centro de traballo.

A primeira clase que recibiron os tamén primeiros alumnos do Instituto de Betanzos foi a que , de xeito simbólico, se impartiu con motivo da súa inauguración o día 17 de novembro de 1952, despois da celebración dunha misa solemne oficiada polo arcipreste da cidade. Tratábase dun Instituto Laboral, de modalidade agrícola e gandeira, creado por Decreto do Ministerio de Educación Nacional de 7 de setembro de 1951, publicado no Boletín Oficial do Estado do 20 do mesmo mes, sendo Ministro de Educación Nacional Joaquín Ruiz-Giménez e Director Xeral de Ensinanza Laboral Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel.

Foi o de Betanzos un deses Institutos Laborais nacidos ó amparo da Lei de 16 de xullo de 1949, que establecía as Bases da Ensinanza Media e Profesional. Coa creación destes centros pretendíase levar a cabo unha descentralización educativa que permitise estender a cultura e a técnica ós núcleos rurais, marítimos e mineiros, posibilitándolles así o acceso a unha ensinanza media que era daquela patrimonio exclusivo das capitais e dos grandes núcleos urbanos. A función que ós Institutos Laborais lles estaba asignada de cooperar á elevación do nivel cultural e técnico da comarca onde estaban radicados, fixo que, ademais de impartir as ensinanzas establecidas no Bacharelato Laboral, abordasen tamén outro tipo de actividades de carácter formativo, como a organización de conferencias e de cursos monográficos de especialización.

Non é estraño, pois, que a posta en marcha do Instituto fose recibida con gran satisfacción en Betanzos e saudada con especial xúbilo polo seu alcalde, Tomás Dapena Espinosa, quen concebía o novo centro como unha sorte de “faro cultural” que habería de iluminar toda a comarca.

O certo é que Betanzos dispuxera xa en tempos da República dun Instituto de Segunda Ensinanza, que entrou en funcionamento no curso 1933-34 e tivo unha breve existencia, á que puxeron fin en 1937 as novas autoridades xurdidas da guerra civil. Un dos catedráticos que exerceron a docencia nese Instituto, Agustín Folla Leis, habería de ser, case vinte anos máis tarde, o primeiro director do Instituto Laboral de Betanzos.

A un claustro composto inicialmente por oito profesores correspondeulle a ardua tarefa de poñer en marcha o recén creado Instituto e atender ós corenta e dous alumnos matriculados no curso inaugural 1952-53. O entusiasmo e a ilusión que puxeron en sacar adiante a empresa encomendada, permitiulles ir salvando as lóxicas dificultades iniciais e consolidar un centro educativo que sería no sucesivo de trascendental importancia para toda a comarca de Betanzos.

A publicación do Boletín “Albor”, a decisión de poñerlle ó Instituto o nome de “Francisco Aguiar”, a posta en marcha dunha emisora de radio e a construcción do novo edificio do centro foron algúns dos acontecementos que marcaron a vida do Instituto nos seus comezos.

Entre maio de 1953 e febreiro de 1956 viron a luz oito números de “Albor”, Boletín Informativo do Instituto Laboral. O profesor José Antonio Miguez foi o director e verdadeira alma desta publicación que, ademais de dar conta da vida do centro e das actividades que nel se realizaban, informaba tamén da lexislación laboral e abordaba asuntos de interese local e rexional.

En novembro de 1955, o Instituto Laboral de Betanzos foi autorizado polo Ministerio de Educación Nacional a utilizar a denominación oficial de “Francisco Aguiar”. Dábase así cumprimento á proposta formulada polo claustro de profesores en outubro dese mesmo ano para honrar a memoria do ilustre betanceiro que fora arcebispo de México.

O Instituto contou tamén desde 1955 cunha emisora de radio de onda curta, dirixida por Agustín Folla Leis. Foi a primeira emisora laboral que funcionou en España, e nas dúas horas e media diarias en que emitía, desenvolveu un importante labor de divulgación cultural e representou un complemento ó traballo formativo do centro. Deixou de emitir en xuño de 1966.

Ata o curso 1957-58 o Instituto de Betanzos tivo a súa sede no antigo convento de Santo Domingo. En 1954 deron comezo as obras de construcción do novo edificio do Instituto, que entraría en funcionamento en 1957. Dese fermoso edificio, hoxe desaparecido, que constituíu un modelo arquitectónico entre os do seu xénero, gardan grata e entrañable lembranza cantos nel estudiaron e traballaron. O paso do tempo foino deixando pequeno para atender a crecente demanda de matrícula e en xaneiro de 1980 produciuse o traslado ó edificio que ocupa na actualidade.

Máis alá das súas distintas ubicacións, foron moitos os cambios que viviu o Instituto «Francisco Aguiar” no transcurso dos cincuenta anos de existencia que nestas datas conmemoramos. Os oito profesores iniciais convertéronse agora en setenta e sete, e os corenta e dous alumnos matriculados naquel 1952 suman hoxe un milleiro. Á designación primeira de Instituto Laboral, sucedéronlle as de Instituto Técnico de Ensinanza Media, Instituto Nacional de Bacharelato, Instituto de Bacharelato, ata chegar á actual de Instituto de Educación Secundaria. As súas aulas acolleron tamén os diferentes sistemas educativos que, con maior ou menor fortuna, se foron implantando a través dos anos.

Pero no medio de tantas transformacións, hai algo que permaneceu sempre inmutable: o desexo de ser un punto de referencia no ámbito educativo do noso país. Os Premios Extraordinarios de Bacharelato obtidos por alumnos do Instituto, a victoria no concurso da televisión autonómica “Saber e Xogar” en dura competición con numerosos Institutos de toda Galicia tanto públicos coma privados, a consecución do premio “Euroscola” convocado polo Parlamento Europeo, a obtención do primeiro premio do “Rallye Matemático Sen Fronteiras” en dúas ocasións, a organización do Certame de Poesía e Relato Curto “Francisco Aguiar” que nas seis edicións celebradas trouxo a Betanzos as figuras máis relevantes do panorama literario galego, a participación en diferentes programas educativos europeos, son soamente algúns exemplos, referidos a estes últimos anos, que contribuíron a proxectar a imaxe do centro e a manter o nivel de prestixio que vén caracterizando desde sempre ó Instituto “Francisco Aguiar”.

O esforzo innovador e a capacidade de adaptación ós cambios que se foron producindo na educación son aspectos que distinguiron tamén en todo momento a este Instituto e que hoxe, igual ca onte, seguen a manifestarse. E, neste sentido, ademais da permanente ampliación e posta ó día da oferta educativa, cabe destacar a relevancia dos investimentos realizados recentemente en construcción de espacios deportivos, en reformas e acondicionamento das diferentes instalacións do centro e en equipamentos de carácter xeral e específico, cunha especial referencia ó importantísimo incremento na dotación de medios informáticos e audiovisuais. Dispoñemos así na actualidade dun centro plenamente preparado para afrontar con éxito os novos tempos educativos que nos toca vivir e para seguir prestando un servicio formativo nas mellores condicións de calidade ós nosos alumnos, ás súas familias e á comunidade na que estamos integrados.

Despois de cincuenta anos, o Instituto “Francisco Aguiar” acadou xa unha antigüidade que é sinónimo de experiencia, de nobreza, de distinción, atributos todos eles que lle foron conferidos polo paso do tempo, pero tamén, e non en menor medida, polo traballo ilusionado de cantos protagonizaron e construíron ese medio século de historia. Os que hoxe temos a responsabilidade e a honra de dirixir o Instituto recoñecémonos depositarios dun legado que ten como elementos primordiais a dedicación entusiasta á formación dos alumnos, o espírito de servicio á comunidade e o amor pola institución que representamos. Esa foi a herdanza que recibimos daqueles que nos precederon e a ela queremos gardar fidelidade, no convencemento de que a perseverancia nos principios que marcaron ha de ser a que faga que as futuras promocións de alumnos sigan tamén lembrando co mesmo cariño e co mesmo orgullo o seu paso polo Instituto “Francisco Aguiar”, o Instituto de Betanzos.

Xosé Manuel Montero Gómez

Director do Instituto “Francisco Aguiar” de Betanzos

Este texto apareceu na introducción ó Libro conmemorativo do 50 aniversario que editou o Instituto "Francisco Aguiar".

Páxina inicialAtrás