OPTATIVAS NO BACHARELATO

 

    Ofrecémos a continuación os contidos das materias optativas que podes cursar no Bacharelato que, pola súa recente implantación, puidesen resultar máis novidosas.

 

ECONOMÍA E ECONOMÍA E ORGANIZACIÓN DE EMPRESAS :OBXECTIVOS

 

    Estas materias teñen como obxectivo dar a coñecer ó alumno unha serie de conceptos que constitúen contidos culturais cada vez máis empregados na vida social e laboral das persoas nas sociedades máis desenvolvidas.

Ademáis, teñen un valor de coñecemento base de estudios posteriores que poden ser seguidos polos alumnos que se orienten cara ás Cc. Sociais e Xurídicas ( como Cc Económicas, Empresariais, Dereito o Formación Profesional das familias administrativa e comercial).

 

ECONOMÍA (1º BACHARELATO).

 

Os contidos de esta materia refírense á actuación dos axentes económicos nas economías capitalistas, ( consumidores, empresas e goberno), e analiza os problemas sociais e económicos básicos da nosa sociedade: crecemento económico, desenvolvemento, subdesenvolvemento, distribución da renda riqueza, evolución dos prezos, emprego e desemprego, impostos e gastos públicos, asociacións económicas e comerciais internacionais, como a Unión Europea, etc

 

Economía e Organización de Empresas (2º Bacharelato)

 

    Os contidos da materia refírense a cuestións básicas para o coñecemento e xestión dunha empresa, como contabilidade, dereito mercantil e laboral, fiscalidade, organización empresarial, comercialización, etc.

    A metodoloxía consiste na explicación por parte do profesor da materia apoiado en casos prácticos de xestión empresarial, a continuación o alumno ten que resolver en pequenos grupos cuestións teórico-prácticas e casos de xestión similaress os desenvoltos na aula.

Para cursar esta materia non é preciso ter cursado a materia de Economía de 1º curso de Bacharelato.

 

 

DIFERENCIAS ENTRE AS MATERIAS MATEMÁTICAS I E II E AS MATEMÁTICAS APLICADAS ÁS CCSS I E II (nos dous cursos de Bacharelato)

 

    Os bloques de contidos para os dous cursos de Matemáticas no Bacharelato de Ciencias da Natureza, e no Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais, de acordo co Decreto 275/1994 (DOG do 31 de agosto), son os seguintes,

Itinerario 1. Matemáticas I e II (Bacharelato de Ciencias da Natureza e da Saúde):

Aritmética e álxebra

Álxebra lineal

Análise

Estatística e probabilidade

Xeometría

Itinerario 2. Matemáticas aplicadas ás CCSS I e II (Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais):

Aritmética e álxebra

Álxebra lineal

Análise

Estatística e probabilidade

Diferencias

1. Unha diferencia básica entre estes dous itinerarios vén determinada pola modalidade de Bacharelato na que están adscritas. O itinerario 1 vai enfocado á preparación para estudios científico-tecnolóxicos (Enxeñerías, Medicina, Bioloxía, Física, Matemáticas, ...), mentres que o itinerario 2 vai destinado á estudios posteriores relacionados coas ciencias sociais (Economía, Xeografía, Socioloxía, Demografía, ...).

2. Unha segunda diferencia é que no itinerario 2, non se trata o bloque de Xeometría analítica plana e do espacio, que inclúe a Resolución de triángulos, as fórmulas e ecuacións trigonométricas, e as Cónicas.

3. Por último unha terceira diferencia refírese á profundidade con que se tratan os catro bloques comúns aos dous itinerarios, adquirindo o bloque de Estatística maior peso no itinerario 2. Hai que ter en conta que nalgún bloque podería haber algún tema menor que fose máis propio dun dos itinerarios, pero que se podería incluír no outro, aínda que con menos profundidade, por exemplo a Combinatoria é específica do itinerario 1, pero poderíase explicar sucintamente no itinerario 2 aos efectos de calcular probabilidades en xeral, ou a expresión da distribución binomial en particular. Basicamente, as diferencias, tomadas coas reservas citadas anteriormente, son, en cada un dos catro bloques, á parte dos contidos comúns de cada un, as seguintes:

 

 

Temas exclusivos do Itinerario 1

Temas exclusivos do Itinerario 2

Aritmética e Álxebra

Números Complexos.

Combinatoria.

Ecuacións non lineais.

Aritmética mercantil

Álxebra lineal

 

Programación lineal.

Análise

 

Interpolación polinómica

Estatística e probabilidade

 

Distribucións mostrais.

Estimación de parámetros.

Contraste de hipóteses.

Nivel de significación.

 

 

 

MÉTODOS ESTATÍSTICOS E NUMÉRICOS

(Optativa para 2º Bach. Ciencias da Natureza e da Saúde)

 

    Moitos dos experimentos ou fenómenos naturais ou sociais non poden reducirse á modelos determinísticos dada a cantidade de variables que interveñen. Neste punto faise necesario o uso de modelos estatísticos, basados no concepto de probabilidade, e de métodos numéricos, basados na realización de cálculos, que coa axuda das calculadoras e dos computadores resultan fácilmente abordables. A importancia da Estatística e da Probabilidade queda clara cando, en moitos casos, ésta é a única alternativa para achegarse á solución de multitude de problemas en campos tan variados como o biolóxico, o físico ou social, sentando as bases para interpretar correctamente as informacións que se recollan doutras ciencias, así como preparación para estudios posteriores.

    Esta asignatura pretende completar e ampliar os temas de Estatística e Probabilidade da asignatura de Matemáticas no Bacharelato de Ciencias da Natureza e da Saúde, sen solaparse con estes na maioría dos casos, pero apoiándose neles, e reforzando o seu estudio noutros. O enfoque será fundamentalmente práctico, reducindo a formalización teórica. A ampliación da Estatística refírese fundamentalmente ás Distribucións mostrais, Estatística inferencial e Series temporais.

    En canto aos métodos numéricos, permitirán resolver problemas que de maneira simbólica e sen calculadora ou computador serían de dificil solución. A maioría destes métodos numéricos son novedosos para os alumnos deste nivel, e básicamente refírense ao estudio e aplicación de algoritmos, para resolución de ecuacións cunha incógnita, de sistemas lineais e de cálculo de integrais definidas, baixo certas condicións de converxencia; coñecendo cando se dea o resultado, o nivel de fiabilidade ou de bondade da solución numérica obtida.

 

INTRODUCCIÓN ÁS CIENCIAS POLÍTICAS E SOCIAIS

(Optativa en 2º de BAC)

 

    Un repaso ós autores máis importantes que reflexionaron sobre os fundamentos da nosa sociedade, ás formacións políticas e ideolóxicas ó longo da historia, ... un achegamento en resumen á realidade social na que vivimos a través de conceptos como Estado, poder, representación política, democracia, ... dende a orixe mesma da sociedade, dende que o ser humano comezou a distinguirse dos animais.

    A formación básica de calquera cidadán do presente e do futuro, dende unha perspectiva histórica e fundamental.

 

LITERATURA UNIVERSAL CONTEMPORÁNEA

(Optativa en 1º de Bacharelato)

 

    Preténdese ampliar os coñecementos literarios do alumnado, fixándose en diversas tendencias que estiveron presentes en varios países na época contemporánea (a estética romántica, as vangardas, a narrativa latinoamericana, ...) e analizando a influencia que tiveron estes movementos nas literaturas castelá e galega. Tamén se terán en conta os intereses literarios dos propios alumnos.

    Metodoloxicamente, daráselle un enfoque fundamentalmente práctico, baseado en:

Lectura de textos literarios.

Relación entre textos da literatura universal e textos das literaturas galega e castelá.

Fomento da creatividade literaria do alumnado e elaboración de traballos sobre movementos, autores e obras.

LITERATURA GALEGA DO SÉCULO XX

(Optativa en 2º de BAC)

 

    Farase un percorrido pola literatura galega ó longo de todo o século XX, analizando a súa relación coa situación da sociedade en cada momento, coñecendo os autores máis destacados, estudiando os principais temas presentes nas obras desta época e as estratexias formais das que se valen para tratalos.

    Non é necesario facer un enfoque cronolóxico nin un estudio específico de ningún autor ou obra en concreto, aínda que, loxicamente, afondarase máis nos máis representativos.

    A lectura de obras enteiras ou de fragmentos das mesmas será parte fundamental do tratamento da materia.

 

ÉTICA E FILOSOFÍA DO DEREITO

(Optativa en 1º de BAC)

 

    Con esta materia o alumnado poderá coñecer a orixe da nosa sociedade, a natureza do noso propio ser comunitario, os diferentes conceptos que integran o panorama político e sociolóxico, e achegarse ós escritos básicos que fundamentan os Estados actuais (Dereitos Humanos, Constitución, Estatuto de Autonomía, ...).

    Unha materia actual, para traballar con materiais actuais e sobre todo dende unha perspectiva actual e ó alcance de todos nós: o comportamento e a representación política.

 

FILOSOFÍA DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA

(Optativa en 2º de BAC)

 

    A reflexión filosófica tradicional vese complementada por esta aplicación ó ámbito da ciencia e da tecnoloxía que achegará o alumnado á sociedade actual e sobre todo á problemática da sociedade que nos vai tocar vivir nun futuro moi cercano. O coñecemento científico e os seus métodos, a interrelación dos factores científicos, técnicos e sociolóxicose, e toda a mitoloxía que envolveu dende sempre á Ciencia son obxecto de crítica ó longo desta materia.

 

 

 

 

 

PÁXINA PRINCIPAL

OUTRAS OFERTAS EDUCATIVAS