Andrea Rivas Álvarez

1º Bacharelato

O ITALIANO

INTRODUCCIÓN

 O italiano é considerado como unha das linguas máis fermosas do mundo. Como transmisor da gran cultura do renacemento, a súa influencia  noutras linguas do oeste de Europa foi profunda.

Ademais de se-la lingua propia de Italia, fálase en Arxentina, Brasil, Canadá, Cidade do Vaticano (Santa Sede), Eslovenia, Estados Unidos de Norteamérica, Francia, Principado de Mónaco, San Marino, Somalia e Suíza.

É unha das linguas indoeuropeas procedente do latín que evolucionou a partir do toscano literario (lingua vernácula de Florencia).

A pugna que se produciu durante a Idade Media en moitos países europeos entre o latín como lingua culta escrita, aínda que morta, e as linguas que proceden del como populares e faladas, e polo tanto vivas, en ningunha parte se deu con tanta intensidade como en Italia.

  

EXTENSIÓN DO ITALIANO

 1. O ITALIANO EN ITALIA

O italiano, a pesar de ser case universalmente comprendido na Italia contemporánea, non constitúe a primeira lingua da maioría da poboación, e o seu status como lingua nacional oral na península remóntase a unha data recente. Arredor de dous tercios da poboación emprega habitualmente outro tipo de fala e, de acordo co último sondeo estatístico un 11.3% afirmaba utiliza-lo dialecto só na casa ou cos amigos e compañeiros de traballo. En 1974 menos do 50% da poboación aseguraba emprega-lo italiano con membros da familia; hoxe en día, é esta a situación maioritaria no nordeste e en varias rexións meridionais. Ás variedades rexionais utilizadas nestes casos denomínaselles xeralmente “dialectos” italianos. O estado intermedio de lingua minoritaria é compartido polo sardo, o friulano e o ladino. O  toscano derivou do latín falado ata chegar a converterse na base da lingua  estándar. Os chamados “dialectos” italianos son dialectos falados históricos derivados do latín , non do italiano. A clasificación nun grupo á parte do sardo, o friulano e o ladino obedece principalmente a motivos socio-históricos.

A adopción do italiano por un número, cada vez maior, de falantes de diversa procedencia rexional e diferente nivel de educación trouxo consigo a posta en marcha de moitas variedades rexionais e sociais, así como actitudes máis flexibles en torno ó que se considera aceptable en italiano.

Aínda que con graos variables de competencia, a práctica totalidade dos aproximadamente 57 millóns de habitantes do país empregan o italiano, polo menos á hora de resolver cuestións diversas.

 

1.1. ITALIA SETENTRIONAL

As linguas vernáculas setentrionais son:

        1.1.1. O PIAMONTÉS

O piamontés é a lingua vernácula autóctona do Piamonte. Debido á falta dun status legal ou social, o uso deste dialecto en contextos formais ou semi-formais limítase a actas notariais, o seu uso opcional no goberno local, sermóns, e algúns servicios relixiosos. Algunhas escolas, ofrecen de modo optativo unha ensinanza básica do idioma, aparte da cobertura recibida pola radio. Tódolos anos celébrase unha conferencia internacional sobre lingua e literatura piamontesas que fai un chamamento para que o estado italiano recoñeza ó piamontés como “lingua (rexional)”.

A partir da Primeira Guerra Mundial a presión social e educativa para favorecer o italiano e a influencia dos medios de comunicación reduciu drasticamente o uso do piamontés, polo que a práctica totalidade dos falantes son bilingües. O 23.4 % dos mesmos emprega sempre ou case sempre este dialecto en familia, o 22.8 % usa tanto o piamontés como o italiano, mentres que o 53.2 % utiliza principal ou unicamente o italiano. Existen tamén comunidades de falantes do piamontés en Estados Unidos, Canadá e, sobre todo, Arxentina.

1.1.2. O LOMBARDO

Os dialectos lombardos sitúanse no medio do val do Po e a parte correspondente dos Alpes.

Na cidade de Milán non é frecuente a utilización do dialecto, pero si se emprega en poboacións máis pequenas, no campo e en localidades de montaña, ademais de en cidades como Como e Bérgamo.

O sondeo do ISTAT de 1987-88 indica que, dun total de 8.200.000 falantes maiores de seis anos e residentes na rexión administrativa de Lombardía, o 43.7 % falaba o dialecto coa familia (e o 22.8 % empregaba unicamente o lombardo). A proporción daqueles que se dirixían a descoñecidos utilizando o dialecto descendía ata un 20 %.

  1.1.3. O LADINO DOLOMITA.

Os dialectos fálanse nun pequeno número de vales nos Dolomitas.

A cantidade total de falantes ronda os 30.000, practicamente bilingües na súa totalidade en italiano ou alemán, ou trilingües en ambas linguas. Na educación primaria dedícanse dúas horas á semana á lingua e cultura ladinas, e disponse dun bo número de libros de texto de introducción á mesma.

Os diarios máis importantes da rexión, inclúen periodicamente unha páxina escrita nalgunha das variedades do ladino.

  1.1.4. O VENECIANO.

Abarca o nordeste do Val do Po e a súa correspondente sección alpina cos seus contrafortes, parte da costa e a área que circunda a lagoa de Venecia.

De acordo co estudio realizado por ISTAT, o 82.5% da poboación véneta (4.000.000) de seis ou máis anos de idade, fala o dialecto, polo menos en familia (un 69% utiliza unicamente o dialecto), mentres que o 64.7% utilízao incluso para comunicarse con descoñecidos.

  1.1.5. O FRIULANO.

Fálase na rexión de Friul-Venecia Julia, no extremo nordeste de Italia, nunha zona que limita ó leste con Eslovenia, ó norte con Austria e ó sur coa zona do Véneto.

Na actualidade falan friulano algo máis de 700.000 persoas na súa rexión natal. Case todos coñecen ademais o italiano así como o véneto. De acordo co estudio do ISTAT, o uso do friulano non se reduce exclusivamente ó ámbito familiar (o 55% emprega unicamente o friulano, mentres que o 18% altérnao co italiano) e a grupos de amigos (46% e 28% respectivamente), senón tamén en outras situacións (o 47% utilizan só o italiano, o 21.7% só o friulano e o 30.2% ambas linguas).

Fóra das fronteiras italianas, existen comunidades de fala friulana en Romanía, América do Norte, Australia, Sudáfrica... cun total aproximado de 300.000 falantes.

  1.1.6. O LIGUR (XENOVÉS).

As variedades do ligur esténdense máis alá da actual Liguria para adentrarse en Piamonte, Emilia, Toscana e sur de Francia (a zona Tende-Saorge).

Os datos do ISTAT mostran unha maior frecuencia no uso do italiano con familiares, amigos e descoñecidos. Actualmente o ligur non disfruta dun status oficial, polo que o seu futuro é incerto.

  1.1.7. O EMILIANORROMAÑÉS.

Os dialectos propios do emilianorromañés fálanse na rexión de Emilia-Romaña, se ben se atopan dialectos de corte emiliano no sur de Lombardía e no distrito de Lunigiana en Toscana, mentres que na República de San Marino e na totalidade da provincia de Pesaro-Urbino, na rexión de Marche, predomina lingüisticamente o romañés.

A información do ISTAT de finais da década dos oitenta mostra que, dun total aproximado de catro millóns de falantes, máis da metade (53%) empregaba de modo exclusivo ou predominante o italiano dentro do ámbito familiar, mentres que o 23.5% alternaba dialecto e italiano, con só un 23.1% que usaba habitualmente ou sempre o dialecto. Se nos centramos no uso do dialecto entre amigos total é  dun 20.2%, esta cifra descende drasticamente no seu uso con descoñecidos. O dominio do dialecto limítase a grupos familiares ou de amizades, fóra destes casos, a lingua que normalmente se emprega é o italiano.

1.2. ITALIA CENTRAL E MERIDIONAL

Os dialectólogos identifican xeralmente catro áreas dialectais importantes no centro e sur de Italia, das cales, as tres últimas pódense agrupar nunha soa. Estas áreas, que se fan distinguir do toscano como dialectos “meridionais centrais”, son as seguintes: toscano; “italiano central”, ó longo dunha franxa de territorio coñecida como “o corredor Roma-Ancona”; dialectos “meridionais altos”, que abarcan gran parte do resto de Italia peninsular; e dialectos “extremo sur”: os de Salento e Calabria meridional, no continente, e de Sicilia.

Na Italia moderna do sur e do centro, o italiano estándar con base toscana acéptase universalmente como a lingua de prestixio falada e escrita, e practicamente todo o mundo a comprende. Máis difícil resulta establecer o número de falantes de dialectos centrais e meridionais, sobre todo porque é máis frecuente un coñecemento pasivo dos dialectos que un coñecemento activo, máis típico este último no seo da familia. A principios dos anos oitenta entre o 50% e o 60% dos falantes de Abruzzo, Campania, Basilicata, Calabria e Apulia declaraba que usaba o dialecto habitualmente no contexto familiar, porcentaxe que ascende a un 70% en Sicilia. A proporción era máis baixa en Marche e Umbría (menos dun 40%) sendo a máis baixa de toda Italia en Lazio (menos do 25%) e en Toscana (menos do 18%). A única variedade que hoxe en día se emprega para usos formais e oficiais é o italiano estándar.

1.3. ILLA DE CERDEÑA.

O sardo é a lingua desta illa e conta cun número de dialectos moi diverxentes.

Arredor do 65-70% da poboación da illa fala o sardo, o que suma un total de 1.600.000 falantes. Sen embargo, a pesar de situación de diglosia mantida ata mediados dos anos 50, na actualidade o sardo está cedendo terreo ó italiano en campos que controlaba no pasado, tales como o uso informal no ámbito familiar, con amigos e no lugar de traballo. Os datos facilitados por ISTAT e Doxa, mostran un número excepcionalmente elevado de persoas que afirmaban emprega-lo italiano: o 31.6% usan só o italiano coa totalidade dos membros da súa familia e un 54.4% emprega exclusiva ou principalmente o italiano fóra da familia (en contraste co 14.1% e o 27.1% respectivamente de Sicilia).

            

2. O ITALIANO NO RESTO DO MUNDO.

A lingua italiana é falada por aproximadamente 65 millóns de persoas en todo o mundo, tendo en conta que a poboación de Italia é de aproximadamente 57 millóns podemos atopar 8 millóns de ítalo-falantes distribuídos da seguinte maneira:

- En Suíza, o italiano é recoñecido como lingua oficial que conta con 300.000 falantes nos cantóns de Ticino e Graubünden e cun total aproximado de 700.000, o 10% da poboación.

-Nos Estados Unidos (4 millóns), Arxentina (1.5 millóns), Australia, Brasil e Canadá (500.000 en cada un destes tres últimos) o uso do italiano é froito do proceso da emigración.

-Na Cidade do Vaticano (850 habitantes aproximadamente) o italiano é considerado como lingua oficial, aínda que sexa o latín a lingua empregada nos actos oficiais.

-Na República de San Marino (situada no centro dos Apeninos entre as rexións de Emilia-Romaña e as Marcas) o italiano é tamén a lingua oficial con aproximadamente 25.000 habitantes.

-Eslovenia e Croacia acolleron dende hai moito tempo comunidades de orixe veneciana en Istria e Dalmacia, cunha poboación de 300.000 habitantes.

-En Malta, o italiano foi oficial ata 1934, chegando a converterse na lingua da cultura e da administración.

-En Eritrea no século XIX debido á expansión colonial o italiano chegou a converterse na segunda lingua máis importante despois do inglés.

-En Luxemburgo, o italiano constitúe a lingua materna dunha parte importante da poboación.

 

BIBLIOGRAFÍA

Ø     Granville Prince: Enciclopedia de las lenguas de Europa. Editorial Gredos. Madrid, 2001.

Ø     Microsoft: Enciclopedia Encarta. Microsoft Corporation. 2001.

Ø     Páxinas web:

http://www.worldlanguage.com/Spanish/Languages/Italian.htm

http://es.wikipedia.org/wiki/Italiano_(lengua)

http://www.gouverment.lu/publications/download/fiches_tout_savoir_esp/Fiche_Langues.pdf.

http://www.europa.eu.int/comm/translation/events/almagro/html/rivas_corri_es.htm