CASTELAO GEGUNDE, Ana María  

Naceu en Ribadeo en 1957, e estudiou en varios centros desta vila ata rematar COU; despois trasladouse a Santiago, onde se licenciou en Bioloxía no curso 1979-80. Doutorouse en  decembro do 89 cunha tese titulada “Aportación al estudio de la hidromorfía de los suelos de Terra Chá y su influencia en la génesis y capacidad productiva”.

Desde maio de 1990 a setembro de 1994 foi axudante L.R.U. do Departamento de Enxeñería Agroforestal e Producción Vexetal da Universidade de Santiago; entre outubro de 1994 e decembro de 1996 ocupou o cargo de profesora Titular Interina nese mesmo Departamento. Na actualidade continúa vinculada á Universidade de Santiago de Compostela, sendo Profesora Titular no Departamento de Producción Vexetal da Facultade de Veterinaria onde, ademais do seu labor docente, ten dirixido varios proxectos de investigación.

A súa formación complementouse con estancias en centros do estranxeiro: en 1991 e 1992 estivo en Francia, e en 1993 en Canadá.

En 1992 publicou, con Francisco Díaz-Fierros Viqueira Os solos da Terra Chá. Tipos, xénese e aproveitamento; previamente xa fora, tamén con outros autores, responsable do capítulo “Salute loss and soil erosion in burnt soil from Galicia (NW Spain)”, incluído no libro Fire Ecosystems Dynamics (1989); en 1996 publicou, nesta ocasión con M. González e A. Paz, “Soil moisture depletion under Pine and Eucalyptus plantations”, que forma parte da obra  Hydrologie dans les pays celtiques, editada en París.

Ademais é autora de numerosos artigos publicados en revistas españolas e do estranxeiro, como son Cuadernos de Xeoloxía do SEG, Riegos y Drenajes, Revista da Academia Galega de Ciencias, Agricultural Water Managment, Agronomie, Plant Phisiology and Biochemistry, etc.

 

Poderíanse suliñar, sen dúbedas, outros factores que lle deran carácter ás terras e solos chairegos, mais pénsase que abonda coa triloxía sedimentos, auga, xiadas para singularizalos dentro do conxunto dos galegos. Con ela, sóbranos para explicar como son estes solos, e sobre todo o que son capaces de producir. De tódolos xeitos, e aínda que a intención dos autores foi só a de amosar as capacidades productivas dos solos, non está de máis lembrar, para rematar, que a Terra Chá non é só unha unidade productiva, unha comarca agraria; tamén ela é unha paisaxe, que acolle como algo de seu, non só os prados e os silos da colonización senón tamén os ameneiros e abedoeiras das beiras dos ríos, as uces e carpazas das brañas, e as (que foron) lagoas de Cospeito e Bardancos. Por eso o derradeiro desexo sería que o ruído dos tractores, das empacadoras e das cisternas de purín, que poden atopar neste libro un bo guieiro para os seus traballos, non afoguen o dos patos, lavercas e rascóns..., ou das rás, que aínda fican, máis perdidas que outra cousa, por estas chairas.

            Despois de todo, a Galicia de mañá, que todos desexamos rica e farturenta, debería ser tamén mirada coas súas tradiciós e coidadosa coas paisaxes como as que lle dan carácter a estas terras, transmitíndoos, se pode ser mellorados, ás xeneraciós futuras, e ó tempo que son fonte de productos de utilidade, o sexan tamén de emocións como as que a Iglesias Alvariño lle dictaron estes versos:

Na Terra Cha, lanzal de abedoeiras
Leda de ríos calmos coma sono!

(Ana Mª Castelao Gegunde e F. Díaz-Fierros Viqueira: Os solos da Terra Chá. Deputación Provincial de Lugo)  

       

OBRAS

    Ensaio:         

- Os solos da Terra Chá. Tipos, xénese e aproveitamento: Servicio de publicacións da Deputación Provincial de Lugo. Lugo, 1992.

VOLVER