RODRÍGUEZ BAIXERAS, Antonio

Naceu en Ribadeo en 1950. Realizou estudios de Historia Moderna e Contemporánea na Universidade Complutense, e na actualidade reside en Madrid, onde traballa como profesor de Historia nun centro de ensino medio.

En castelán publicou artigos na revista Cuadernos de Educación, colaborou en Ingenieros militares en el siglo XVIII (1985) e publicou Tierra de oro (1988) e Historiadores de Indias (1994), de contido histórico.

En galego a súa primeira obra foi O rei dos ameneiros (1987), unha novela ambientada na Galicia rural de 1911 e 1912. Hai referencias á Mariña lucense,  e na obra están presentes personaxes da sociedade do momento como poden ser o vinculeiro, o foreiro, os criados, etc.

En 1991 inclúese o seu relato Os dous amigos na publicación conxunta Sede central 3. Relatos, posteriormente publícase a novela curta Dous fados (1995) e  Días de pedra (1996), novela na cal se nos presenta, dun xeito ameno, a evolución persoal experimentada por Pedro López debido ó illamento que sofre durante algúns días por causas alleas á súa vontade.  

 

Despois de todo, a Galicia de mañá, que todos desexamos rica e farturenta, debería ser tamén mirada coas súas tradiciós e coidadosa coas paisaxes como as que lle dan carácter a estas terras

E largaron corda. Primeiro suavemente, pero axiña deixando que collese a súa propia aceleración. López caeu así como un peso morto, empurrado pola lei da gravidade. Notou un terrible arrepío e lanzou outro berro desesperado. Logo o peso comezou a frear, e a corda, un fino cable de nailon, amorteceu a baixada lentamente. Por fin, detívose. Arriba, a cabeza do sicario non era máis que un punto. Axitaba os brazos. López, en medio da súa total turbación, comprendeu que lle dicía que ía chegar ao seu destino.

Un  pouco máis abaixo López mirou para a parede, e alí estaba o furado. Unha ampla regaña horizontal, cunha pouca herba nas comisuras. Tiña altura suficiente para que entrase o seu corpo e pouco máis. O movemento pendular, como antes arriba, afastábao e achegábao á parede. Esta era plana e sen fendas, tamén alí abaixo. Nunha das oscilacións López asiuse ao bordo superior da fenda, desde alí empurrou as pernas para dentro e conseguiu, despois dun par de intentos, poñer os pés sobre o chan da cova, a penas uns centímetros e co corpo dobrado. Nese momento concentrouse na operación e non tivo medo. Fechou os ollos con forza, pero volveu abrilos para ficar só a mercé dos aloucados latexos. Mirou para arriba de novo e xa non viu nada.. O furado onde se metera ficaba totalmente oculto, xa que o labio superior da boca sobresaía máis que o inferior. Non obstante, o sicario debera comprender que a víctima acababa de empoleirarse no furado, porque largaron un pouco máis de corda. Esta operación era imprescindible para que López puidese entrar. A greta era un pouco meirande do que el pensara nun primeiro intre, pero non de suficiente abertura como para entrar de pé. Maquinalmente, López pensou que debía desengancharse do arnés. ¿E se non o facía? Evidentemente, os homes podían tirar do cable e lanzalo outra vez ao precipicio, e, unha vez alí, cortar. Estaba nas súas mans. Desenganchou o cable do arnés e veulle unha onda de bágoas ós ollos. Arrepentiuse da súa necia desesperación anterior, cando se puxera a laiar sen tan sequera intentar unha xogada de astucia ou unha negociación. Era tarde. Os homes halaban o cable, e con el marchou a súa última esperanza.

 (A. Rodríguez Baixeras: Días de pedra. Ed Nigra)

       

OBRAS

Narrativa:

  • O rei dos ameneiros: Ed. Xerais, Vigo, 1987.

  • Dous fados: Ed. Nigra, Vigo, 1995.

  • Días de pedra: Col Tusitala. Ed. Nigra. Vigo, 1996.  

VOLVER