RODRÍGUEZ BAIXERAS, Xavier

Naceu en Tarragona en 1945, pero pasou a súa infancia en Ribadeo, e as referencias á Mariña lucense  serán frecuentes na súa obra. Despois residiu en Segovia, Madrid, etc. Estudiou Filosofía e Letras, e actualmente exerce como profesor de Lingua e literatura española nun Instituto de Vigo.

É destacable o seu labor como traductor (ó galego, ó catalán ou ó castelán) e, neste ámbito, o seu traballo inclúe autores como Pere Calders, Dino Buzzati, Pirandello, Cesare Pavese, Ferrín etc. En 1992 concedéronlle o Premio Ramón Cabanillas de traducción.

A súa obra poética tamén foi traducida ó catalán, ó castelán e ó italiano, e figura en numerosas antoloxías. A última delas leva por título Las aguas abandonadas, e trátase dunha edición bilingüe galego-castelán que recolle textos de todas as súas obras anteriores, traducidas polo propio autor, e tamén media ducia de textos inéditos que, igual que outros de obras anteriores, están na imprecisa fronteira que separa a poesía da narrativa.

Como investigador e crítico literario é responsable da edición anotada de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (1991), e colabora habitualmente en prensa e en publicacións diversas.

A súa andaina como poeta iniciouna en 1981 co libro de sonetos Fentos no mar, e catro anos despois publicou Lembranza do areal . En 1987 publícase Anos de viaxe (Poesía 1981-1987), unha obra recompilatoria que inclúe as dúas anteriores e outras dúas inéditas: Os celestes faiados e A gándara da noite. Por esta última obra recibiu o Premio da Crítica Española . En 1991 publicou Visitantes, que sería galardoada co I Premio Miguel González Garcés. Outras obras súas son Sonetos do irmán (1991), Nadador (1995), galardoada co Premio da Crítica de Galicia  e Beira Norte (1997), obra pola cal o autor recibiu o Premio Nacional da Crítica en 1998. Este poemario céntrase na infancia do poeta e na terra na cal pasou esta etapa da súa vida, A Mariña lucense. En realidade, os contidos biográficos están presentes en toda a súa obra que, segundo algún crítico, xira en torno a dous eixes simbólicos: a “casa” e a “viaxe”, ou sexa, a infancia e o progreso cara á madurez.

 

Houbo un tempo de árbores lanzais
cubrindo os noso xogos, un fume de fogueiras,
un decorrer de horas vagarentas, marcadas
por autobuses que arribaban, trémulos.

 

Ás veces che pregunto  
como foi. E dun ceo moi alto
despréndense bugallos e unhas follas esguías,
e un aroma que aínda non quere abandonarnos
cando xa con dolor as árbores nos miran.  

 

E lembro o tren cativo  
cruzando a estrada cara a Vilaodriz
e a alguén que ía dentro xogando a ser viaxeiro,
a contraluz dun alegre asubío.

 

Lembro ese tren e lembro o teu acento,
frangullas do teu pan, o teu calzado,
o teu pelo revolto, e pouco máis.

Ti, de certo, lémbraste máis de min.

 

Pero, a pesar de todo, procura non dicir
en que lugar nos vimos as maos iluminadas,
en que voces nos enredamos aquela tarde,
e como case fomos
eternos, se non chega a expulsarnos do Xardín
aquel home dicindo
que todo acabaría nun momento,
que ían construírnos
a Morte do Verao
sobre as inmensas árbores taladas.  

(X. Rodrígez Baixeras: Beira Norte. Ed. Sotelo Blanco)

       

OBRAS

  Poesía:

  • Fentos no mar: Ed. do Castro, Sada,1981

  • Lembranza do areal: Caixa de Aforros de Ourense, colección “Pero Meogo”, 1985.  

  • Anos de viaxe (poesía 1981-1987): Ed. Xerais, Vigo, 1987.

  • Os celestes faiados: incluída en Anos de viaxe.

  • A gándara da noite: incluída en Anos de viaxe.

  • Visitantes: Deputación Provincial, A Coruña, 1991.

  • Sonetos do irmán: Librería anticuaria “El Guadalhorce”. Málaga, 1991.

  • Nadador: Ed. Espiral Maior. A Coruña, 1995.

  •   Beira Norte: Sotelo Blanco, Santiago, 1997

  • As augas abandonadas / Las aguas abandonadas: Ed Trea. Xixón, 1999.  

VOLVER