CORTEZÓN ÁLVAREZ, Daniel  

Naceu en Ribadeo o seis de febreiro de 1927, pero por mor dos sucesivos traslados do seu pai, que pertencía ó corpo de carabineiros, pasou a súa primeira infancia en Andalucía. A guerra civil sorprendeunos en Asturias, e cando esta caeu en mans das tropas franquistas, pasaron a Francia, regresando seguidamente á zona republicana. Rematada a guerra, instalouse con seus pais en Ribadeo, e entrou de aprendiz nunha botica, desempeñando este traballo ata 1963. Isto levouno a ser redactor xefe da revista Auxiliares de farmacia. En 1963 trasladouse a  León e posteriormente a Madrid. Actualmente alterna estancias en Ribadeo, Vigo e Madrid.

As súas publicacións iniciounas na revista Rumbo, sucesora de Estudios, a primeira revista ácrata, de cariz anarquista. Entre os numerosos artigos publicados entón pódense mencionar “La decadencia del sentido estético”, “Sobre la estética de Montesquieu”, “La filosofía de la historia en Víctor Cousin”, “La estética”, “El arte y lo bello”, etc.

Como creador literario publicou ensaios, novelas e obras de teatro, tanto en galego como en castelán, a pesar de que a súa lingua inicial foi esta última. Ten afirmado que tomou contacto co galego tardiamente, en Ribadeo, oíndo a xente no mostrador da botica e lendo as obras da Biblioteca “Viejo Pancho”.

En 1955 gaña o premio “Manuel Cao Turnes”, do Centro Galego de Bos Aires coa novela Ribanzo, e un ano despois publica As covas do rei Cintolo, unha narración fantástica e humorística a cabalo entre a materia da Bretaña e as novelas de cabalería. Tamén son súas as novelas O cabaleiro da luz, Premio “Castelao” do Centro Galego de Bos Aires (1956), A xeva sagrada, coa que gañou de novo o Premio “Castelao”, en 1960, e A vila sulagada, que foi galardoada co Premio “Blanco Amor” de novela longa, en 1981. Nesta última obra o autor sitúa a acción nunha vila galega na cal os seus habitantes están dominados pola alienación e a impotencia ante as decisións políticas que os sobrepasan e non os teñen en conta. Trátase dun posicionamento do autor, tamén presente nos seus dramas históricos, segundo o cal Galicia aparece como un  fracaso, o noso pobo carece de memoria histórica e é incapaz de artellarse nunha forza viva e dinámica, consciente da súa propia identidade; algo que Cortezón  ten denominado nalgunha ocasión “autonihilación da nacionalidade galega”

Como ensaísta, iniciouse con O esprito de Galiza (1955), pero entre entre os diversos títulos seus englobables neste xénero, o de máis sona é De la saudade y sus formas,  polo cal recibiu o Premio da Casa de Galicia en Nova Iork en 1959. 

Aínda que cultivou diversos xéneros, Daniel Cortezón destaca fundamentalmente como autor teatral, logrando numerosos premios. En galego centrouse, sobre todo, nos dramas de tema histórico, tratando de loitar, como xa dixemos,  contra a carencia de memoria histórica do pobo galego. Nesta liña hai que mencionar Prisciliano (1961), Premio “Villar Ponte” do Centro Galego de Buenos Aires; Pedro Madruga (1981); Os Irmandiños (1978), Premio “Santiago Rusiñol” do X Festival de Teatro de Sitges, en 1977;  Xelmírez ou a groria de Compostela (1974), que foi galardoada, na súa versión castelá, co Premio de Teatro Ciudad de Barcelona en 1973; e a tetraloxía Castelao ou a paixón de Galiza, composta por O animador de ilusións (1986), As árbores e os xuncos (1989), Intermezzo bufo (1996) e O pudor e a angustia (1997). Nestes catro últimos títulos Cortezón analiza a figura de Castelao desde o punto de vista da súa personalidade e psicoloxía. A terceira parte foi finalista do Premio Nacional de Teatro en 1997.

 Nunha liña distinta publicou, tamén en galego, a peza Alí Ben Mangato e mailo seu cabalo branco chamado Beliador (1995).

En castelán escribiu fundamentalmente comedias, destacando Nicolás Flammel, estreada en Ribadeo en 1960;  El rey de Harlem, publicada e estreada en Sitges en 1969;  El mástil, Premio “Aguilar” de teatro en 1973; Semáforo, estreada en 1971; Soñando a Goethe en primavera (1985); etc., pero tamén abordou neste idioma os temas históricos, como sucede con Crónica de Enrique IV (1985) e Crónica del Rey Don Pedro (1998).

Varias das súas obras contan con versións en galego e castelán, mentres que moitas outras mantéñense inéditas a pesar de ter recibido premios. Sucede isto, por exemplo, con La escalera, finalista do Premio Ciudad de Barcelona en 1961, ou Compañero Presidente, compañero, escrita co gallo do asasinato de Salvador Allende, gañadora do IV Premio de Teatro “Ciudad de Alcoy” en 1973, que non puido ser estreada pola compañía “La Cazuela”, como estaba previsto, debido á censura franquista.

Algunha das súas obras representouse aínda en data recente, como sucede con A diáspora, estreada en novembro de 1999 no Teatro Principal de Ourense pola compañía “Aula aberta”, ou Xelmírez, representada tamén en 1999 polo Centro Dramático Galego. Outras permanecen sen estrear ou representáronse só en parte, por exemplo Danza, contradanza y metamorfosis de moros y cristianos (Sitges, 1978).

Como podemos comprobar, trátase dun autor con numerosas publicacións, pero mantén inéditas un número de obras bastante maior, segundo ten manifestado.

Ademais da súa propia creación, realizou traduccións ó galego de obras de Jorge Díaz (Os anxos cómense crus), de Lauro Olmo (Paulo Iglesias) e deste último e Pilar Enciso (Asamblea xeral).

Así mesmo, ten pronunciado numerosas conferencias dentro e fóra de Galicia.

CASTELAO:  “Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa Terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única... É a Festa maior de Galiza, a Festa de tódo-los galegos... pro ninguén pode sentila coma nós, os emigrados, porque en tal día coma este reviven as lembranzas acuguladas, e coa moita distancia agrándase o prodixio da patria... Podemos imaxinar, por exemplo, a interminable procesión...”

(Segón compra, en ciclorama, proxectando ou escenificando, pode ir pasando a procesión dos personaxes citados en ALBA DE GRORIA, tal como os describe CASTELAO, en tanto ALFONSIÑO desaparece. Cambio de luz a luscofusco. CASTELAO a tentas, perdido, tropeza no taboleiro. Desperta sobresaltada VIRXINIA, que corre na súa axuda)

  VIRXINIA: ¡Santo ceo, Afonso! ¿Qué fas? ¿Cómo te ergueche? ¡I eu durmindo!

  CASTELAO: ¡O neno, Virxinia! ¡Veu o neno!

  VIRXINIA: ¡Queres algo? ¡Debiche avisarme!

  CASTELAO: Foi o neno...

  VIRXINIA: ¿Por qué non chamas?

  CASTELAO: ...Saímos a pasear xuntos, coma sempre... A camiñar a valmontes...

  VIRXINIA: (Asustada, sostendo cara o leito). ¡ Anda, anda, ven   deitarte! ¡Non tropeces!

  CASTELAO: (Balbucinte) Veu Afonsiño, Virxinia; veu o neno... (VIRXINIA ten medo) E fomos pasear ata a Caeira...

  VIRXINIA: Agarda, agarda... Vou encende-la luz (Luz sober da faciana de CASTELAO, completamente deformada, monstruosa. Arrepiada, dacatándose nun berro)  ¡Afonso! ¿Qué tes, Afonso? ¡Santo ceo!... ¡Santo ceo! ¡Afonso!                                               

  (D. Cortezón: O pudor e a angustia. A-Z Ediciones)

       

OBRAS

      Narrativa:

- As covas do rei Cintolo: Ed.Galaxia, Vigo, 1956.

A vila asulagada: Ed. do Castro, Sada, 1981.

 

       Ensaio:

- De la saudade y sus formas: Casa de Galicia en Nova Iork, 1960.

- Teatro e nacionalismo: Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 45. A Coruña, 1984.

      Teatro:

- Nicolás Flammel: Ed. Galaxia, Vigo, 1960

- Prisciliano: Ed. Galaxia, Vigo, 1961.

- El rei de Harlem: Imprenta Celta, Lugo, 1969.

- Semáforo: Ed Celta, Lugo , 1971.

- El mástil: Ed. Aguilar, Madrid, 1973.

- Xelmírez ou a groria de Compostela: Ed. Nós. Bos Aires, 1974.

- Os irmandiños: Ed. do Castro. Sada, 1978.

- Danza, contradanza y metamorfosis de moros y cristianos: Ed. do Castro, Sada, 1975.

- Pedro Madruga: Ed. do Castro. Sada, 1981.

- Crónica del rey Don Pedro: Universidade de Murcia. Servicio de publicaciones. 1982.

- A diáspora: Ed. do Castro. Sada, 1981

- Crónica de Enrique IV: Ed. do Castro, Sada, 1985.

- Soñando a Goethe en primavera: Imprenta Fénix, Madrid, 1985

- Castelao ou a paixón de Galiza- I: O animador de ilusións: A-Z Ediciónes, Madrid,1986

- Castelao ou a paixón de Galiza- II:As árbores e os xuncos:  A-Z Ediciónes, Madrid, 1989

- Alí Ben Mangato e mailo seu cabalo branco chamado Beliador: Ed. Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 1995.

- Castelao ou a paixón de Galiza- III:Intermezzo bufo:  A-Z Ediciones, Madrid, 1996

- Castelao ou a paixón de Galiza-IV: O pudor e a angustia:  A-Z Ediciones, Madrid, 1997

 

VOLVER