DÍAZ-FIERROS VIQUEIRA, Francisco

    Naceu o 4 de xullo de 1941 en Vilagarcía de Arousa, pero trasladouse axiña a vivir a Ribadeo.
   
En 1964 licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, e en 1967 doutorouse pola mesma Universidade na especialidade de Edafoloxía. Neses anos comezou a publicar artigos en varios xornais santiagueses: La Noche, El Correo Gallego, Quintana, etc.

    Foi bolseiro para Formación de Persoal Investigador (1965-1970), e posteriormente tamén lle concederon bolsas a Fundación Juán March (1968) e a Fundación Barrié (1973). A súa vida profesional iniciouse no Centro de Edafoloxía e Bioloxía Vexetal do C.S.I.C. de Santiago, ata 1970, ano no que obtivo a praza de profesor adxunto de Edafoloxía da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, e en 1987 accedeu á Cátedra de Edafoloxía e Química Agrícola da mesma Universidade, posto que aínda ocupa na actualidade.
    Entre 1977 e 1980 foi Director de Braña, boletín da Sociedade Galega de Historia Natural, e tamén pertenceu ó Consello de Redacción de varias publicacións especializadas: Revista Galega de Estudos Agrarios, da Xunta de Galicia (1979-1983), Trabajos Compostelanos de Biología da Universidade de Santiago (1976-79) e Suelo y Planta, do C.S.I.C. de Madrid (1990-96).    
Pertence a diversas sociedades científicas nacionais e estranxeiras. Entre 1975 e 1980 foi Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, desde esa data preside a Xunta Rectora do Seminario de Estudos Galegos; asemade, é membro do Consello da Cultura Galega, dentro do cal coordinou a Ponencia de Patrimonio Natural desde 1983 ata 1993, e a de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade desde 1999. Tamén presidiu a Sección
“Física del Suelo”, da Sociedad Española de Ciencia del Suelo entre 1990 e 1998; desde 1990 a 1994 foi membro do Council of the European Society of Soil Conservation e é correspondente da Real Academia de Farmacia desde 1992.
    O seu labor investigador foi merecente de varios premios: o “Fray Bernardino de Sahagún” da Deputación de León, en 1972, por traballos científicos realizados sobre esa provincia; o “Federico Menciñeira” da Deputación da Coruña, en 1978; o Premio de Investigación en Ciencias Forestales da Deputación de Pontevedra, en 1980; o “Galicia” da Universidade de Santiago, en 1982, e o Premio da Crítica de Investigación en 1996.
    O seu traballo científico céntrase principalmente no estudio dos solos e da climatoloxía agrícola de Galicia, aínda que tamén tratou outros temas. Froito deste labor son varias obras, unhas en galego e outras en castelán: Contribución a la climatología agrícola de Galicia (1971), As especies forestais e os solos de Galicia (1982), Xeografía de Galicia (1982), Capacidad productiva de los suelos de Galicia. Mapa 1:200.000 (1984), La caliza en Galicia (1985),  La construcción del paisaje: megalitismo y ecología. Sierra del Barbanza (1986), O medio natural galego (1986), Ourense. Guía monumental (1986), La naturaleza en Galicia (1988), El purín de vacuno en Galicia. Caracterización, poder fertilizante y problemas ambientales (1990), Os solos da Terra Cha. Tipos xénese e usos (1992),e As concas fluviais de Galicia (1993). Tamén se encargou do tomo de xeografía da enciclopedia Galicia, da editorial Hércules (1997). Ademais foi coordinador de A natureza ameazada. Xea, flora e fauna de Galicia en perigo (1989), As augas de Galicia (1996), e de Un novo mundo para un home universal. Partida de Humboldt desde A Coruña cara á súa viaxe americana (1999). 
    Participou tamén en obras colectivas e ten numerosos artigos en publicacións como a Revista galega de estudios agrarios, os Cadernos do Seminario de Estudos Galegos, Braña, Boletín das
Ciencias, Revista galega do ensino, Cerna, Cuadernos do laboratorio de formas de Galicia, Cuadernos do Seminario de Sargadelos, Encrucillada, Grial, Ingenium, etc.
    En total é autor duns douscentos artigos con temática predominantemente galega en revistas españolas ou do estranxeiro, e ademais participou con comunicacións de contido semellante en varios congresos nacionais e internacionais.

Así, as datas de preparación do terreo prá sembra veñen condicionadas loxicamente pola data na que se faga esta, xa que ten que pasar polo menos un mes cando se inclúe o encalado como enmenda. Este vai ser o factor que limita a sembra no outono, mentres que na da primavera hai que agardar un mes dende que as condicións do terreo permiten entrar nel con maquinaria. Despois do encalado, faise un pase de grada superficial para enterra-la enmenda, un abonado de implantación con abonos químicos, o cal xa se debe de facer o máis perto posible da sembra, para evitar a competencia das malas herbas.

Para facer a sembra, fainos falla unha temperatura polo menos de 10º C, que non chova e ter o terreo coa lentura axeitada. As esixencias térmicas en canto á sembra de primavera cúmplenas os mese de abril e maio, e na de outono, setembro, outubro e novembro, aínda que nestes últimos meses chove de máis. Así pois, o ideal é intentar adiantar as sembras, non tendo problemas de entrada coa maquinaria  nas fincas nin de lentura do terreo na primavera, evitando o perigo de moita chuvia que pode supoñer sementar en outubro e novembro, no outono.

( F. Díaz-Fierros Viqueira e A. Mª Castelao Gegunde: Os solos da Terra Chá. Deputación Provincial de Lugo)  

       

OBRAS

     

Ensaio ou Investigación:

- Contribución a la climatología agrícola de Galicia: Universidade de Santiago, 1971.  

- As especies forestais e os solos de Galicia: Cadernos da área de Ciencias Agrarias. Seminario de Estudios Galegos. Imp. O Castro. Sada, 1982.

- Xeografía de Galicia: Ed Sálvora, Santiago, 1982.


- Capacidad productiva de los suelos de Galicia. Mapa 1:200.000: Universidade de Santiago, 1984.


- La caliza en Galicia: Ed. Calfensa, Lugo, 1985.


- La construcción del paisaje: megalitismo y ecología. Sierra del Barbanza: Xunta de Galicia, Santiago, 1986.


- O medio natural galego
: Cadernos do Seminario de Sargadelos. Ed. O Castro, Sada, 1986.


- Ourense. Guía monumental: Deputación Provincial de Ourense, 1986.

- La naturaleza en Galicia: INCAFO-REPSOL. Madrid, 1988.


- A natureza ameazada. Xea, flora e fauna de Galicia en perigo
(coordinador): Consello da Cultura Galega. Santiago, 1989.  


- El purín de vacuno en Galicia. Caracterización, poder fertilizante y problemas ambientales: Xunta de Galicia, Santiago, 1990.


- Os solos da Terra Chá: Tipos, xénese e usos: Servicio de publicacións da Deputación Provinial de Lugo, 1992.


- As concas fluviais de Galicia. Características e riscos de Contaminación difusa
: Universidade de Santiago, 1993.


- Galicia. Tomo XII: xeografía (enciclopedia): editorial Hércules, A Coruña, 1997.


- As augas de Galicia (coordinador): Consello da Cultura Galega. Santiago, 1996.


- Un novo mundo para un home universal. Partida de Humboldt desde A Coruña cara á súa viaxe americana (coodinador): Consello da Cultura Galega. Santiago, 1996.

 

VOLVER