FERNÁNDEZ PRIETO, Lourenzo

Nado o 28 de maio de 1961 na Devesa (Ribadeo). Licenciado en Xeografía e Historia pola USC en 1984. Doutorado en Historia pola USC en 1990.
Na actualidade é profesor de Historia Contemporánea na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela, Director do Departamento de Historia Contemporánea e América e membro de Consello Científico do Instituto de Estudios e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA).
Especializado en Historia agraria, ten publicado diversas investigacións neste campo entre as que destacan:  

- A Granxa Agrícola Experimental da Coruña 1888-1928, editado en 1988.
- Labregos con ciencia,
publicado en 1992, que foi galardoado cos premios da Crítica e Lousada Diéguez.
- Poder local, elites e cambio social na Galicia non urbana
(1997) en colaboración con X. Balboa, A. Artiaga e X. M. Núñez.

Ten publicado ademais diversos artigos en libros e revistas especializadas como Ingenium, Grial, A Trabe de Ouro, Historia Agraria, Historia social ou Agricultura y Sociedad.
Algúns dos traballos publicados están relacionados coa Historia da guerra civil en Galicia (en  Grial ou Historia Social) como o capítulo da "Guerra Civil e Franquismo", publicado na Nova Historia de Galicia, VV. AA., Edicións Tambre, 1996.
Actualmente ten en preparación a edición, en colaboración con Ramón Villares, da colección Clásicos Agrarios Galegos, editada pola Consellería de Agricultura e Caixa Vigo, da que dende 1997 teñen aparecido 5 dos seus volumes. E está a piques de saír do prelo, en edicións Xerais,  o novo libro do que é editor: Terra e progreso; trátase dunha colección de artigos de Historia rural de Galicia, de diferentes autores.

As constantes renovadoras de épocas anteriores detivéronse e mudaron como consecuencia da guerra, e sobre todo da longa posguerra, nunha medida que aquí só apuntei timidamente pero que merece unha investigación exhaustiva e particular. Cando se recuperen, ó fío dos anos sesenta, farano xa cun modelo ben diferente. Porque se se pode falar de modelo para as transformacións que vimos de analizar, este cambia radicalmente desde 1936. A desorganización económica provocada pola conxuntura bélica, na que debeu haber sectores do campesiñado sen embargo beneficiados por unha certa euforia comercializadora, acentuouse na posguerra por mor do bloqueo internacional e da política intervencionista da Dictadura. Nunhas condicións certamente duras para o campesiñado, a rerruralización provocada pola imposibilidade de emigrar ocasionou unha situación de agro cheo e, en ocasións, morto de fame, nas que só progresan os estraperlistas e especuladores. Pero máis importancia ten para min a desaticulación social provocada por unha durísima represión, completada exhaustivamente e con toda contundencia na posguerra, que nesta investigación non fai senón albiscarse. Os instrumentos organizativos dos que a estas alturas lograra dotarse o campesiñado son esfarelados entón dando fin a unha experiencia autoorganizativa acumulada ó longo de catro decenios. Nestas condicións, a pulsión entre os proxectos cooperativistas das sociedades e os dos grupos económicos capitalistas racha definitivamente a favor dos últimos, permitindo a conversión en incipiente burguesía de orientación agroindustrial ás familias de tratantes enriquecidos e tamén a algúns sectores daquelas clases medias emerxentes que se entenderon co novo Réxime e que antes colaboraran coas sociedades agrarias. Eles toman o relevo na da penetración do capitalismo.

(L. Fernández Prieto: Labregos con ciencia. Ed. Xerais)

       

OBRAS

    Ensaio:           

- A Granxa Agrícola Experimental da Coruña 1888-1928, Santiago, 1988.


- Labregos con ciencia
:  Ed. Xerais, Vigo, 1992


-
Poder local, elites e cambio social na Galicia non urbana. Santiago, Parlamento-Universidade, 1997.


- Terra e progreso (editor): ed. Xerais, Vigo, 2000  

VOLVER