GUTIÉRREZ FERNÁNDEZ, Eduardo  

Naceu en Ribadeo en 1948, e actualmente continúa residindo nesta vila, sendo Profesor na Escola de Capacitación Agraria “Pedro Murias”. Ó longo da súa vida mantivo sempre compromisos culturais e políticos coa súa terra. É membro fundador da asociación cultural Francisco Lanza de Ribadeo, sendo desde 1978 o seu Presidente; participou no proceso de creación da Federación de Asociacións Cuturais Galegas, da cal foi tamén o seu primeiro presidente; formou parte da directiva da AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e pertence á Asociación Internacional de Estudios Galegos. Tamén foi director teatral, conferenciante e autor de varios artigos, dados a coñecer en diversas publicacións.
    En canto ó seu labor político, desde 1983 é concelleiro do BNG en Ribadeo, ocupando a alcaldía entre o 1987 e 1995; ademais de concelleiro, do 95 ó 97 foi Deputado provincial e desde esa data é Deputado no Parlamento de Galicia.
    No eido literario publicou tres ensaios: A lingua é o noso escudo (1978), Introducción ao “Sempre en Galiza” (1986), e Alexandre Bóveda en “A Nosa Terra” (1987); por este último traballo recibiu o Premio de Ensaio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, de A Coruña, en 1987. Ademais disto, participou en publicacións colectivas e encargouse da edición, limiar e notas da obra de Francisco Lanza Falan os de Ribadeo, publicada por Edicións do Castro en 1974.

Non deixa  de ser un síntoma esperanzador  que nunha época como a actual, onde o esquecimento desleixado é case xeral, a figura de Castelao perviva e concite un interés e mesmo un respeito tan amplos. Quizais a sua categoria de mito explique parcialmente o fenómeno, tanto polo atractivo da sua requintada obra artística como pola admiración subscitada pola sua entrega ética a un ideal. Ora, inmediatamente haberia que engadir que determinadas promocións da referida obra obecen a motivacións alonxadas, cando non francamente dispares, do significado real da sua figura e do contido radical da sua producción. Se non trata só do filón editorial, senón dos intentos de asimilación por parte do sistema do fenómeno Castelao, hoxe viveiro de citas para persoeiros da máis recalcitrante direita, a mesma que o enviou ó exílio e que unha vez morto trouxo-o a Galiza para soterrá-lo de novo en descomunal fanfárria. “Teño un medo terríbel a que se me canonice; adiviñará-se por que publiquei este libro: debe impedir que se cometan abusos comigo”, escrebia Nietzsche en “Ecce Homo”. Non o conseguiu. Apesar do “Sempre en Galiza” e, sobre todo, a pesar da sua actuación política, Castelao tampouco. A burocratización cultural e o trafego fragmentário da sua obra por parte da intelectualidade estilita, o poder imenso dos medios de comunicación, deron nos últimos anos na sua parcial conversión en adobio de fogares e intelectos. Porén, traxectória e obra asinalan un inequívoco camiño nacionalista, non precisamente tranquilizador para a direita eterna ou para a progresia morna.

(E. Gutiérrez: Introducción ao Sempre en Galiza.  Ed. do Castro. Sada)

       

OBRAS

    Ensaio:         

- A lingua é o noso escudo: Ed. Escola Aberta, Pontevedra 1978.
- Introducción ao “Sempre en Galiza”:
Ed. do Castro. Sada. 1986.
- Alexandre Bóveda en “A Nosa Terra”:
Asociación Cultural Alexandre Bóveda, A Coruña, 1988

VOLVER