JAUREGUÍZAR ORTIZ DE ZÁRATE, Santiago

Naceu en Bilbao en 1965, pero desde 1968 ata 1983  viviu en Ribadeo; posteriormente,  tras residir en Santiago de Compostela e Asturias, fixou o seu domicilio en Lugo, onde traballa no xornal El Progreso.Tamén publica reportaxes e críticas de música na revista Bravú.
   
Ten relación co xornalismo desde 1985, xa que nesta data empezou a publicar en La Comarca del Eo; en 1990 foi colaborador de La Voz de Galicia, entre 1991 e 1993 fixo reportaxes para La Nueva España, de Oviedo, e desde 1993 traballa en El Progreso. Asemade, ten colaborado con El País e El Mundo.

En 1995 publicou as súas primeiras obras: o libro de contos Fridom Spik e a novela Todo a cen, na cal hai numerosas referencias a lugares concretos de Ribadeo e o seu contorno. Posteriormente editáronse as súas novelas Comendo espaguetis diante do televisor (1998), e A rutina corsaria (1998), unha historia de piratas na que tamén abundan as referencias a Ribadeo e na cal a illa Pancha ten un papel fundamental. A súa última obra publicada é Salitre (2000) que, como é habitual neste autor, ten como marco espacial a Mariña lucense, neste caso a praia de Llas. A comezos deste ano publicouse tamén un relato seu na obra colectiva Mini.relatos, coordinada polo escritor Fran Alonso e editada pola librería Cartabón, de Vigo.

Proximamente, na colección “Negra” de edicións Xerais, publicarase a súa novela Elviscristo. Con Santiago Martínez produciu o libro Rock Bravú, de Xavier Valiño.

É vocalista do conxunto de narrativa trip hop Elviscristo Furious Machine. Como guionista cinematográfico traballou con Antón Reixa nun texto baseado na novela Todo a cen, e tamén realizou o guión da curtametraxe O golpe, que se rodará proximamente.

 As lanchas movíanse inquedas no peirao de Porcillán. Ferreiro foi achegando O Repoludo ó dique de protección con moitas dificultades. Nunca gobernara unha illa. Gracias a que xa era tarde e o mal tempo facía que non houbera ninguén en Porcillán, porque sabe Deus como reaccionarían se presenciasen a escena.

            O Capitán Thurderskin ordenoulles saltar a terra e acompañalo. Henrique decatouse de que podería ser unha boa oportunidade para volver á súa casa, pero aqueles sucesos tan incribles metéranlle no estómago o verme da curiosidade.

            Subiron por canellas ata a Atalaia, unha campa en dous niveis cunha capela desde a que se dominaba a ría. A entrada aparecía gardada por uns canóns que pertenceran ó forte de San Damián. Expósito indicoulles o remolque verde dun tractor aparcado a uns metros.

-Achegádeo e subides nel a peza de artillería –dixo-. Vai ser a nosa arma. Eu vou facer unha xestión. Vémonos no Repoludo.

- ¡Non podemos con ela, Expósito!, -queixouse Henrique.

- ¡Estou farto das súas protestas, señor Ferreiro! E tamén de que me chame polo nome civil.

- ¡Non me veñas con parvadas, tío!

- ¡Cale e déase présa! ¡Vai ser de día!

 (S. Jaureguízar: A  rutina corsaria. Ed. Xerais)  

       

OBRAS

    Narrativa:         

- Fridom Spik: Ed. Xerais, Vigo 1995.

- Todo a cen: Ed. Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 1995.  
- Todo a cen: Ed. Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 1995.

- Comendo espaguetis diante do televisor: Ed. Xerais, Vigo, 1998
- A rutina corsaria: Ed. Xerais, Vigo , 1998
- Salitre: Ed. Xerais, Vigo,  2000  

VOLVER