LANZA ÁLVAREZ, Francisco  

Francisco Nemesio Lanza Álvarez, tal era o seu nome completo, naceu nos Garitos  (Ove) o 26 de marzo de 1892, aínda que a súa familia proviña de Vilaselán. Cursou os seus estudios en Ribadeo, onde residiu ata 1931, ano no que emigrou a América.

Participou activamente na vida cultural e política do Ribadeo do primeiro tercio do século: en 1910 fundou, con Camilo Cancio Quindós o periódico Voz del pueblo, e en 1912 El eco mercantil, aínda que ningunha destas dúas iniciativas tivo moito éxito; en 1915 foi un dos impulsores do Ateneo, que si tería un papel importante no Ribadeo da época; e en 1919 fundou o semanario La Comarca, do cal foi director ata 1929. Ademais foi colaborador asiduo desta publicación, asinando co seu nome ou con diversos pseudónimos: “Un labrador gallego”, “El montañés”, etc.

De ideoloxía liberal e progresista, comprometeuse cos intereses da comarca astur-galaica e co galeguismo en xeral. En 1927 comeza a súa relación co Seminario de Estudios Galegos, formando parte das seccións de xeografía e de historia; colaborou nos Arquivos desta institución, na revista Nós, no boletín da Real Academia Galega e en xornais como Faro de Vigo e El Sol.

En abril de 1931 emigrou a Bos Aires, onde traballou para varios xornais e revistas. Alí publicouse postumamente 2000 nombres gallegos, en 1953. Sen embargo a súa obra máis sonada é Ribadeo antiguo, publicada en 1933 gracias á actividade dos irmáns Suárez Couto, pero probablemente rematada algúns anos antes.

Faleceu en Bos Aires en xaneiro de 1951, e é de supoñer que estea enterrado no cemiterio do Centro Galego da capital arxentina.

En 1974, baixo a coordinación de Eduardo Gutiérrez, publicouse Falan os de Ribadeo, un volume que inclúe tres traballos de F. Lanza: Falan os de Ribadeo e O ensino en Ribadeo dende o século XVI ó XIX, publicados na revista Nós, e Ribadeo baixo o poderío dos seus Condes, dado a coñecer por primeira vez no volume II dos Arquivos do Seminario de Estudios Galegos, en 1929.

Dese disgusto entre conde e vasallos, así como da maior parte das desditas sofridas por Ribadeo, tiveron, sinón toda, cáseque toda a culpa os alcaldes maiores, ou gobernadores da vila e condado e da súa terra e xurisdicción, como eles se chamaban ás vegadas. Homes ambiciosos, xeneralmente estranos ó país, descoñecedores da fala, usos e costumes da terra que viñan a gobernar, rapaces novos, na maioría dos casos, i en moitos sin letras (houbo algunhos analfabetos) nin suficiencia, os criados  dos señores xurisdiccionás soio miraban o proveito e satisfacción destes, i en ocasiós nin ese, sinón o seu propio e particular, pois non faltaron os que, rebelándose contra quen lles dera o cárrego, negábanse a deixalo ó cabo dos tres anos que duraba o mandato, i erixíanse en donos ausolutos do condado, sendo preciso para traelos ó bon camiño, sacr censuras, nomear xueces especiás que os residenciasen, i hastra chimpalos na cadea.

A desinación de tales funcionarios, ó menos do século XVI pra diante, era unha cousa escrupulosa, delicada, dina de imitarse polos señores de agora... O conde, logo de se informar “con individualidade” dos suxetos máis aptos pró oficio, elexía aquel que tiña “maior suficiencia, integridade, letras e boas partes e que millores garantías ofrecía prá tranquilidade de vasallos tan antergos das casas de seus señores abós”

Elexido deste xeito, i en posesión do nomeamento correspondente, o alcalde maior presentábase ó Concello, e tomando a vara de máns do seu antecesor, prestaba xuramento de que exercería ben e fidelmente o cárrego, coñecendo de tódolos casos privativamente, así civís como criminás, sentenciándose con arreglo a dereito e levándoos á pura e debida execución. Outrosí, debaixo de dito xuramento estaban obligados a visitar os termos do candado unha vegada ó ano, e con citación das partes interesadas renovar os marcos das terras, debendo procurar que fosen moderados os gastos que nesto houbese, os cales habíanos de cobrar de fondos de propios. Gardarían as leis e pragmáticas do reino, favorecerían ás viudas, ós orfos e ós probes, etc, etc. (...)

Pasadas tantas ceremonias, tantas promesas, tantos xuramentos, sua mercede o alcalde maior facía o que lle conviña, que cáseque sempre era o que non lle conviña a Ribadeo. De cómo cumplían o seu cometido dá ideia o resultado dun xuício de residencia feito en 1763. Non se facía audiencia pública, non había arancel nin iventario dos documentos do arquivo, na cadea non había libros de presos, etc.

  (F. Lanza: Falan os de Ribadeo. Ed. do Castro)

       

OBRAS

    Ensaio:         

- Ribadeo antiguo. Noticias y documentos. Imprenta Mercurio, Madrid, 1933. Reeditado por Ed. do Castro, A Coruña, 1973.
- Dos mil nombres gallegos. Ed. Galicia, Bos Aires, 1953.
- Falan os de Ribadeo
. Ed. do Castro, A Coruña, 1974.  

VOLVER