LOMBAREDERO RICO, José María  

Naceu en Ribadeo en 1952, onde cursou os estudios de bacharelato. Fai a carreira de maxisterio en Oviedo e posteriormente, exercendo xa como mestre, licenciase en Xeografía pola Facultade de Xeografía e Historia desta mesma cidade. Na actualidade segue a traballar como mestre en Nigrán (Pontevedra).

Ten publicado en castelán La casa de Ferreirela, 1782, no ano 1993. Colaborou en publicacións locais,  Cadernos Ribadenses (publicación da Agrupación Cultural Francisco Lanza), La Comarca del Eo, con artigos sobre Ribadeo e a súa comarca, así como un pequeno folleto sobre a biblioteca de Luarca. Ten tamén artigos firmados conxuntamente co Catedrático Isidoro Asensio Amor.

Publicou en galego Sociedade Ribadense 1900-1936, no ano 1999.  

No primeiro tercio do século Ribadeo era, como agora, centro administrativo e de servicios. Foi cabeceira de  Partido  Xudicial, sede da Comandancia de Carabineiros e da Axudantía de Mariña. Desde a súa creación contou con Rexistro da Propiedade e Notaría, e é moi vella a oficina da Aduana. De principios de século é a oficina de telégrafos, e do ano vinte –máis ou menos- a de teléfonos. Ata ben entrado o terceiro decenio houbo en Ribadeo consulados dalgúns países europeos que dan fe do tráfico marítimo de mineral de ferro. Desde  que a familia Nistal e a empresa La Ferrocarrilana estableceron as primeiras liñas de autobús con Lugo, Baamonde e Viveiro, a vila incrementou o seu carácter de nó do transporte de viaxeiros entre Asturias e Galicia, que sostiña a existencia de hoteis e casas de hóspedes. Antiga é a existencia de periódicos, chegando a coincidir na rúa ata cinco publicacións nalgunha época. No comezo deste século desapareceu o Colexio de San Luís, continuador da oficial Escola de Náutica, que estivo tamén dedicado ao ensino da pilotaxe e do comercio. No primeiro tercio do século había varias escolas privadas, dous colexios relixiosos de ensino primario –Sagrado Corazón e San Clemente-, dúas academias que preparaban bacharelato e maxisterio por libre, e en 1929 creouse o Instituto Nacional de Ensino Medio, que desapareceu en 1940.

A influencia conservadora da Igrexa facíase notar desde a Parroquia e algunhas congregacións relixiosas e asociacións católicas publicaron desde 1910 e 1912, respectivamente, os periódicos Bandera Católica e Ecos de la Parroquia. Con todo, na vida social da vila, o pensamento conservador católico coexistiu cun destacado espírito liberal, de raigame burguesa tradicional, enriquecido coa aportación indiana e as ideas políticas de esquerdas de carácter obreirista.  

(J. M. Lombardero Rico: Sociedade ribadense 1900-1936. Editorial Nigoba)

 

       

OBRAS

    Ensaio:         

 - La casa de Ferreirela 1782: Edición de autor , 1993.  
  - Sociedade ribadense (1900-1936):  Ed. Nigoba, Ribadeo, 1999.

VOLVER