LÓPEZ, Jacinto Romualdo  

Jacinto Romualdo López y López Bolaño -tal era o seu nome completo- naceu o 7 de febreiro de 1808 en Ribadeo, aínda que se trasladou moi pronto a Mondoñedo para estudiar no Seminario, e residiu nesa cidade ata a súa morte, o 30 de xuño de 1895. Entre 1829 e 1832 cursou estudios teolóxicos no citado seminario, pero abandonou a carreira eclesiástica para dedicarse ó maxisterio, obtendo o título en 1833.

Durante moitos anos exerceu a docencia na escola de primeiras letras do seminario de Mondoñedo. Por aquel entón publicou un Curso elemental de Gramática (1841), e tamén colaborou en El Mensajero,  xornal fundado e dirixido por P. Madoz, e no Diccionario geográfico-histórico- estadístico deste mesmo autor.

En 1843 foi designado alcalde de Mondoñedo, cargo que exercería durante ese ano e o seguinte.

Literariamente coñécenselle dous vilancicos en galego, aínda que algúns estudiosos afirman que seguramente se lle poidan atribuír algúns outros. Un deles foi cantado na Catedral con motivo das celebracións do nadal de 1861.  Desde o punto de vista da literatura galega este autor ten interese como continuador da tradición de Nadal da escola mindoniense, labor no que o precederon autores como Antonio María de Castro y Neira ou Luis Corral, e como precursor dun renacer literario que iría medrando ó longo de todo o século.

Tamén cultivou a poesía en latín e castelán.

Ese neno que tembrando
entre unhas pallas está,
que ten por berzo un pesebre
por rexio pazo un portal,
é o esperado das xentes,
o prometido de Abrahan,
e agoirado dos Profetas,
o novo, o endiosado Isá.

Os bois e vacas na corte  
muxen cando as doce dan
recaen de folgo os cabritos
os cais póñense a ladrar
kucurucú, canta o galo;
as polas, kacaracá;
kiquiriquí fan os polos
e os años bababááá...

Non ben escuitan as campas
alegres repenicar,  
veñen xentes do contorno
ao Neno Dios saludar,
e nesta Babel ruidosa
todos se queren folgar
de que viñese o Mesías
á humanidade salvar.

Hoxe non é noite de durma,
que é noite de Navidá,
noite de oír ao Roxiño
e seu compinche trinar
unha festiva muiñeira
de estrumentos ó compás,
entre eles a frauta dulce
que o tío Xavier vai chifrar.

( X. Mª Álvarez  Blázquez: Escolma de poesía galega-II. Ed. Galaxia)

 

       

VOLVER