MOREDA RODRÍGUEZ, Eva 

Nace en Vegadeo (Asturias) o 3 de abril de 1981; tres anos despois a familia trasládase a Ribadeo. En centros desta vila cursa EXB e Bacharelato; na actualidade estudia Filoloxía Clásica na Universidade de Santiago de Compostela. Simultaneamente ten seguido estudios de música (cello e piano), e formou parte de diversas agrupacións locais: Banda Sinfónica Municipal, Contrabanda, etc.

Desde moi pequena manifesta interese pola literatura e a creación literaria, e desde os cinco ou seis anos acada  premios de ámbito local e provincial, predominantemente en concursos de redacción escolar como o “Diadema de Ribadeo”, que gañou en catro ocasións. Máis tarde obtén xa algúns premios a nivel autonómico, sobre todo no xénero do relato curto (Concurso de contos “Luís Braille” en Pontevedra, concurso do Concello de Viveiro en 1998 e 1999, Concello de Ponteareas en 1999, Casa da Xuventude de Ourense no 2000 ...), aínda que tamén ten obtido algún premio de poesía (Concurso “A Mariña” do Instituto Monte Castelo de Burela, 1997 e 1999; certame “Minerva” en 1999). É destacable tamén o premio logrado no concurso “El fungible”, convocado pola Casa da Cultura de Alcobendas, en 1998, que conlevou a publicación do seu relato Humphrey nun libro colectivo.

En 1997 obtén o primeiro premio no certame Rúa Nova de narracións xuvenís en galego coa novela Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota, que reflicte a paixón da autora pola denominada “materia da Bretaña”. O libro publicouse en decembro de 1997 na colección Nova 33, con ilustracións de Siro López.

En 1999 acada de novo este premio, esta vez na modalidade de castelán, coa obra Mitología contemporánea, publicada en febreiro de 2000; trátase dun conxunto de relatos nos que a autora plasma a súa admiración por diversas celebridades do século XX.

Parte da súa obra está, así mesmo, publicada en volumes colectivos. Ademais do relato Humphrey, xa citado, os seus relatos O home da trompeta e O amor galego de Galván foron editados polo Concello de Viveiro xunto con outros relatos premiados no certame que convoca anualmente; tres poemas agrupados baixo o título Unha historia mínima aparecen no volume No abeiro de lúa, no que o colexio M.Peleteiro recompila os poemas e relatos gañadores do XXVII Certame Literario Minerva. Para os últimos meses do ano 2000 está prevista a aparición do libro Narradoras na editorial Xerais, unha iniciativa que trata de ofrecer unha mostra da obra de diversas novas autoras en galego, e á que Eva Moreda contribuíu co relato Apolo Matalagartos. Tamén vai ser editado o relato Veas verdes, co que gañou no 2000 o Premio Ourense de Contos, convocado pola Casa da Xuventude e pola Asociación de Libreiros de Ourense.

Outros textos seus apareceron en diversas publicacións periódicas vinculadas a Ribadeo e a súa bisbarra.

Ademais, a autora conserva na actualidade relatos e poemas inéditos en galego e castelán referidos a varios temas do seu interese, tales como o ciclo artúrico, a música ou a mitoloxía clásica.

Os mercenarios de Breunis Saunce Pité, aínda que superan con moito o número dos seus opoñentes, nin de lonxe os alcanzan en bravura e destreza. Mais transcorren horas e horas de combate, e a fatiga faise notar nos corpos dos guerreiros de Artur. Esto é aproveitado polos seus rivais para tratar de alcanzar unha victoria que semellaba xa perdida. Un soldado de aspecto feroz lanza a súa espada a traizón contra Keu, que, collido por sorpresa, a penas se decata de que é derrubado ó chan mentres foxe o seu cabalo cara ás mestas fragas dos arredores. Xa encomenda o cabaleiro a súa alma a Deus, cando a figura orgullosa de Breogán de Guisamonde cruza o campo de batalla lixeiro coma unha aparición. O chío arrepiante que ceiba a súa gaivota contra a face do guerreiro rival escóitase en dez millas á redonda, e Breogán tira de Keu cara á grupa do seu cabalo mentres a súa espada húmida se axita no aire desprendendo  faíscas diabólicas baixo a luz agonizante do serán. Desde a outra punta do campo de batalla, Galván lembra a profecía de Merlín e non pode evitar santiguarse.

O resplandor do ferro de Breogán, que semella arder co lume do inferno, invade de terror os corazóns débiles dos soldados rivais, que foxen a todo galope mentres as cornetas tocan a retirada. O rei artur reúne en torno a si as súas tropas e todos elevan ó ceo unha oración de agradecemento. A continuación, o rei pregunta a Galván cantos homes se perderon no combate.

-Meu señor tío - responde o seu sobriño, non sen certo orgullo-, tan só pereceron oito guerreiros, e entre lees ningún nobre nin cabaleiro.

- En verdade tivemos a Deus do noso lado nesta batalla –repón o rei. A continuación dá ordes ós seus soldados de levar os cadáveres en padiolas ata Camelot, onde recibirán honrosa sepultura cos mellores cabaleiros da Mesa Redonda caídos en combate.

A partir deste venturoso día, a fama de Breogán de Guisamonde, o Cabaleiro da  Gaivota, estendeuse por todo o país. Convértese na man dereita do rei Artur, que lle concede favores e prebendas sen fin; os seus compañeiros da Mesa Redonda procuran a súa amizade; as damas e doncelas casadeiras suspiran polo seu amor; e Merlín, o meigo de Camelot, tómao baixo a súa protección particular ó comprobar que, ademais de probado guerreiro, Breogán de Guisamonde posúe un vasto coñecemento das herbas que curan ou enfeitizan. Mais, con idéntica intensidade coa que todos o aman, un cabaleiro detéstao, e quixo Deus que fose o único que se pode comparar en destreza ó de Guisamonde: Lancelote do Lago.

(E. Moreda: Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota. Fundación Caixa Galicia) 

       

OBRAS

     Narrativa:

  • Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota: Colección Nova 33. Fundación Caixa Galicia, Santiago, 1997.

  • Humphrey”: en El Fungible, Ayto. de Alcobendas/ A-Z Edicións, Madrid, 1998.

  • Mitología contemporánea: Colección Nova 33. Fundación Caixa Galicia, Santiago, 2000

  • “O home da trompeta” e “O amor galego de Galván”: en Premios literarios, Concello de Viveiro/ Ed.Xerais, Viveiro, 2000

  • “Apolo Matalagartos”: en Narradoras, ed.Xerais de Galicia, Vigo, 2000

       Poesía:

  • “Unha historia mínima”: en No abeiro da lúa, colexio Manuel Peleteiro, Santiago, 2000

VOLVER