NAVAL PARAPAR, Hernán  

Hernán Naval Parapar nace en Viveiro (Lugo) o cinco de agosto de 1962. É profesor titulado en trompeta e solfexo nos conservatorios de Lugo, A Coruña, Santiago e Madrid. A súa actividade profesional desenvolveuse no campo da música: foi profesor do conservatorio da súa vila natal ata 1991, fundou e dirixiu a coral Polifónica de San Cibrao entre 1987 e 1989, período no que estreou varias obras corais. Desde 1992 dirixe a Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo, municipio no que reside actualmente. Foi promotor da Escola Municipal desta vila, que dirixe desde a súa fundación en 1993. É vicepresidente da Asociación Galega de Escolas Municipais de Música e director da big-band desta asociación. É autor dalgunhas obras corais e instrumentais estreadas (Lonxe do mar, Mar por médio...), das cales dúas foron gravadas pola BSMR. Conserva ademais varias obras sen estrear.

Fóra do campo da música, foi presidente da asociación cultural Sementeira de Viveiro entre 1985 e 1992. Durante o seu cargo a asociación publicou “Abril no Pastor Díaz”, un caderno con poemas inéditos de varios escritores galegos (Pilar Pallarés, manuel María, Novoneyra...), que Hernán Naval prologou e editou. Durante este período foi tamén vicepresidente da Federación Galega de Asociacións Culturais. Desde os seus tempos de estudiante foi militante nacionalista.

As súas afeccións literarias datan da súa mocidade. Ten publicados uns dous centenares de artigos en diversos medios: El Progreso, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Alborada (revista do Centro galego de Barcelona), Doce Notas... Os seus escritos pertencen a campos tan diferentes como a política, a música, a crítica cultural ou mesmo a crítica de televisión. Tamén escribiu diversos relatorios para congresos de educación musical, algunhas delas pendentes de publicación. Proxecta reunir nun libro os artigos “menos circunstanciais” que escribiu sobre música.

A súa única publicación é a obra teatral Comunicando (Traxi-comédia con parabellum. Nun acto), que acadou un accésit no concurso de teatro breve do colectivo Buril de Burela (1989); a obra publicouse no número oitenta e tres dos “Cadernos da escola dramática galega”. Manuel F. Vieites, en La nueva dramaturgia gallega, recoñece que “insinúa interesantes perspectivas”. Outras obras do autor, inéditas, son Final coherente (accésit no mesmo concurso de teatro breve en 1988) e o conxunto Díptico en modo menor, composto polas obras Bolero e Con morbo.

Ten escritos dous relatos breves inéditos e uns vintecinco poemas, que lle gustaría completar cunha ducia máis e publicar, posto que afirma que está moi satisfeito con algúns deles.

O CAMAREIRO: Aquí a oficiña de obxectos botados a perder, a obtusidade, un desastre tropical. Dígame. (Transcorren quince, vinte segundos. Os ollos do bar-man abertísimos, como pratos). Non, señora, aquí non vive ninguén que se chame Carlos Casares. Aquí, por viver, non vive ninguén. E se vostede quer estreiar e publicar unha peza teatral na que se suicida o protagonista, pida unha subvención á Conselleria de Cultura. Neste cochambroso país, a cultura, e  a Conselleria, está tan morta como a personaxe desta obra. Unha aperta. (Colga o teléfono e regresa ao bar.)

   (As gargalladas da muller da xanela son xa estrepitosas. Chove. Faise a escuridade en cena. Só se percebe a pantalla de vídeo, cuxo centro de imaxe, El invierno en Lisboa aberto pola páxina 140 sobre o poema, agrándase até ocupar o plano inteiro e facer lexíbel o párrafo que deixou suliñado o home da garabata estridente:

   “...la inútil, la casi compartida rabia de haber perdido el derecho a los recuerdos y a la dignidad del fracaso”.)

   (Mentres cae o pano e un allegro de tecido contapontístico, prévio a unha cadéncia plagal con emprego da sexta engadida sobre a subdominante, de cabo e Il nome della rosa óuvese o sinal de comunicando dun teléfono)

  (H. Naval: Comunicando. Cadernos da Escola Dramática Galega)

       

OBRAS

   Teatro:  

  • Comunicando: Cadernos da Escola Dramática Galega, nº83, A Coruña, 1990.  

VOLVER