PRELIMINARES

 

LIMIAR

Hai xa algúns anos, coa axuda da Concellería de Cultura do Concello de Ribadeo, botamos a andar no noso Instituto a publicación dunha serie de estudios monográficos realizados por profesores e alumnos, en colaboración. Como manifestabamos xa daquela, a finalidade fundamental é afondar no coñecemento do contorno para tratar de aumentar o aprecio polo mesmo. Ademais, pensamos que serve para iniciar o alumnado no eido da investigación, e incluso para mellorar a súa relación  co profesorado; algo sempre desexable. Diciamos, con motivo da publicación do primeiro número, que calquera aspecto do noso ámbito de influencia pode servirnos como obxecto de estudio. Seguimos mantendo esa idea. Velaquí un novo exemplo.

Tras comprobar o excesivo descoñecemento que hai entre o alumnado da literatura galega actual, decidín propoñerlles a elaboración desta investigación a un grupo de alumnas entusiastas que, durante demasiado tempo, aturaron a miña deficiente coordinación, e xa é mérito pola súa parte. Esta eiva miña demorou o remate máis do desexado. O único aspecto positivo desta tardanza foi que así puidemos incluír a novos autores que publicaron nos últimos tempos, e tamén usar como bibliografía outras investigacións editadas con posterioridade ó inicio da nosa.

            Como moi ben se indica no prólogo do Diccionario da literatura galega (Ed. Galaxia) elaborar un traballo destas características “implica sempre enfrontarse, antes ou despois, ó vello problema epistemolóxico de qué é a literatura e qué é literatura”. Esta dificultade acentúase no eido do ensaio, fronteirizo coa pura investigación sen ánimos literarios. Non nos foi alleo este conflicto, e solucionámolo do xeito máis xeneroso. Debido a que nos movemos nun ámbito de escasas dimensións, cun corpus reducido, optamos por incluír aquí algunhas obras, e polo tanto algúns autores, que non figuran noutros compendios, como poden ser catálogos ou o diccionario antes citado. Consideramos que a ninguén lle vén mal coñecer o traballo realizado por algún veciño, aínda que se poida discutir o seu carácter literario. Neste senso a única limitación que nos autoimpuxemos foi a de que os autores reseñados contasen con algunha publicación independente, coa única salvidade de Jacinto Romualdo López, que valoramos con outros criterios debido ás circunstancias editoriais da súa época. É por isto polo que quedan fóra deste estudio autores que contan unicamente con publicacións en prensa ou en revistas de ámbito máis ou menos local.

            Se non é fácil  decidir qué é o que se debe incluír dentro do concepto “autor literario”, non o é máis determinar qué debemos entender por “ribadense”. Incluso nos dá máis medo tomar decisións sobre este aspecto porque hai máis posibilidades de ferir sensibilidades. Desexamos que non sexa así, e pedimos desculpas se procede.

            Tamén aquí optamos polo exhaustivo á hora de elaborar a lista de autores. Con este criterio, incluímos a todas aquelas persoas que tivesen relación directa ou indirecta con Ribadeo, ben por ser este o seu lugar de nacemento, ben por residiren aquí durante parte da súa vida. Agardamos que non sobre nin falte ninguén, xa que non queremos alentar conflictos localistas, aínda que o título poida suxerir o contrario.

            E para completar o que, sen pretendelo, está sendo unha explicación do título, diremos que limitamos  o noso ámbito de estudio ós autores que teñen toda ou parte das súas publicacións en lingua galega, por convencemento e por comodidade nosa, para non abrir en exceso a investigación a un ámbito que  seguramente nos desbordaría. En todo caso, sobra leira  para que semente outros froitos quen o desexe.

            Pareceunos igualmente oportuno incluír un breve fragmento dalgunha obra de cada un, e un apartado final no que se recollen, autor por autor, os títulos das obras publicadas e os datos que poden facilitar a súa busca ás persoas interesadas.

Por último, queremos deixar constancia da ausencia de vontade crítica. Non  se procuren aquí, polo tanto, análises rigorosas e profundas sobre nomes e obras. Quixemos unicamente axudar a difundir unha pequena parte da nosa cultura, ofrecendo pouco máis que unha guía de autores que, dun xeito máis ou menos flexible, podemos considerar locais. Isto non impide que, en certos casos, aparezan algunhas valoracións propias ou recollidas doutros estudios, sempre coa intención de facilitar información ós posibles lectores.                                   

A redacción final deste traballo realizouse no verán de 2000; non figuran, loxicamente, datos posteriores.  

 O coordinador

 

 

UN PASEO POLA HISTORIA

            O período que vai dos séculos XII ó XIV considérase a idade de ouro da literatura galega. Foron moitos os autores que usaron o galego-portugués para compoñer as súas cantigas nesta época pero, que se saiba, ningún deles tivo relación con Ribadeo.

            Despois da longa paréntese dos “séculos escuros”, o XIX foi o momento no cal o noso idioma volveu ter cultivo literario, lográndose as cotas máis elevadas no último tercio con autores coma Rosalía, Pondal e Curros. Previamente, moitos outros foron sentando as bases deste rexurdimento e entre eles figura o ribadense Jacinto Romualdo López, vinculado á tradición das cantigas do nadal xurdida no seminario mindoniense.

            A comezos do XX a conciencia galeguista vai en aumento, situándose aquí o nacemento do nacionalismo. Son os tempos do grupo Nós, formado en torno á revista do mesmo nome, e do Seminario de Estudios Galegos. Nos “Arquivos” deste último colectivo e na revista Nós publicou algúns dos seus traballos Francisco Lanza, antes de partir para a emigración.

            A guerra civil e a inmediata posguerra supuxeron un novo parón no discorrer da nosa literatura que, salvo no exilio, esmoreceu de novo; houbo que agardar ata a década dos 50 para que agromase outra vez o cultivo literario en galego no noso territorio. Daquela iniciaron as súas publicacións os dous autores ribadenses con máis títulos editados: Luz Pozo Garza, unha das voces máis importantes da poesía galega das últimas décadas, e Daniel Cortezón, que lle deu un pulo considerable ó teatro galego, sobre todo ó de carácter histórico, aínda que tamén cultivou outros xéneros.

            Os últimos anos do franquismo e os da transición  foron tempos de anovado compromiso coa nosa cultura e lévanse a cabo diversas iniciativas xurdidas do asociacionismo cultural e das primeiras organizacións políticas democráticas. Nestes movementos  participaron, tamén con contribucións literarias, Eduardo Gutiérrez e Camilo Valdehorras*. O primeiro despois decantouse principalmente pola acción política, e o segundo, desde o seu traslado a Barcelona, traballa máis no ámbito da investigación e da dinamización cultural ca no da creación literaria propiamente dita.

            A década dos 80 supuxo un aumento considerable da nómina de autores en lingua galega; nestes anos comezan a publicar os irmáns Rodríguez Baixeras, centrándose Xavier na lírica e Antonio na narrativa.

            Coa intención de darlle un novo impulso ó teatro, a Escola Dramática Galega puxo en marcha en 1978 unha colección de “Cadernos” na que se publicaron ducias de títulos. O último número editouse en 1994. Nesa serie figura a única incursión de Hernán Naval na literatura galega, e tamén un ensaio de Daniel Cortezón.

            Na Universidade de Santiago vai medrando o compromiso co noso idioma e cada vez son máis os estudiosos que publican en galego os resultados dalgunhas das súas investigacións, entre eles os ribadenses Ana Castelao Gegunde, Lourenzo Fernández Prieto e Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

            Nos últimos anos increméntase en toda Galicia o interese por cuestións de carácter local; nesta tendencia debemos situar o recente estudio de José Mª Lombardero Rico sobre a sociedade ribadense de comezos de século.

            Para rematar, entre as últimas incorporacións ó eido da creación literaria temos que mencionar a Santiago Jaureguízar, que leva uns anos publicando a un ritmo sorprendente, e a Eva Moreda, a máis nova dos autores englobados neste estudio, que deu xa mostras dunha capacidade creativa nada habitual, a pesar da súa xuventude.

            Velaquí o batallón ribadense das letras galegas. As súas obras agardan por nós.

VOLVER