VALDEHORRAS, Camilo

Firma literaria de Camilo Fernández González, nacido en O Barco de Valdeorras en 1959. Pasou a maior parte da infancia e mocidade en Ribadeo, lugar ó que se declara vinculado vital e afectivamente e no que dende 1962 reside a súa familia. Nesta vila realizou os seus estudios primarios (HH. Menesianos) cursando posteriormente o Bacharelato no Seminario de Mondoñedo e no Instituto Masculino de Lugo; estudiou Filoloxía en Santiago de Compostela e Barcelona, onde se doutorou en Filoloxía Románica. É diplomado en estudios de lingua e literatura portuguesas pola Universidade de Lisboa.

No Institut del Teatre de Barcelona cursou estudios de dramaturxia, dirección escénica e medios audiovisuais. Dende 1980 reside na cidade condal onde traballa como profesor de Filoloxías galega e portuguesa na Universitat de Barcelona. Alí, tanto dende a propia Universitat de Barcelona como dende os Centros nos que se artella a ampla comunidade galega residente en Catalunya, exerce un meritorio labor de galeguización cultural: foi profesor de lingua e cultura do Centro Galego de Barcelona entre 1990 e 1997; creou a Coordinadora de Docencia de Galego de Barcelona (1994) e implantou os estudios de filoloxía galega na Universitat Autònoma de Barcelona (1996) e na UNED-Terrassa (1998). Ademais do seu labor investigador, directamente relacionado co seu traballo profesional, foi fundador do Coro Universitario galego de Barcelona (CUGAB) en 1993; en 1994, da Agrupación universitaria galega de Teatro (AUGATEBA); e da revista de cultura Vento do Leste (1993) da Federación de Entidades galegas en Catalunya e colabora en numerosas publicacións.

Publicou o seu primeiro poema en galego ós dezaseis anos, en El Progreso, e na súa mocidade foi premiado nalgúns certames de poesía (Eijo Garay de Lugo, Meigas e Trasgos de Sarria, Filantrópico-Dramática de Ribadeo). Foi membro do Grupo Poético Rompente do que tamén formaron parte Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel María Romón, pero no mundo das letras acabou sendo máis coñecido pola súa vinculación coa creación teatral, na triple faceta de autor, actor e director.

Foi cofundador do grupo de teatro independente Valle-Inclán (1976) de Lugo, participando como director neste e noutros grupos xuvenís como foron Akelarre, de Lugo e Urogalo da Pontenova. En 1977 a súa obra Progreso e andrómena de Antroido foi premiada na V edición do Certame convocado pola Agrupación Abrente de Ribadavia. Na obra, que se publicou ó ano seguinte, aparecen reflectidos algúns conflictos populares na Galicia dos anos 70.

Nos seus anos na Universidade de Santiago, foi secretario da Agrupación Cultural universitaria O Eixo, na que coorganizou as primeiras Xornadas de Poesía e Cultura galegas (1978) da Transición e foi promotor e cofundador da Asociación de Escritores en Lingua galega (1980) en Santiago de Compostela. Entre 1978 e 1980 tivo ó seu cargo a sección de crítica de teatro e espectáculos da edición santiaguesa de La Voz de Galicia.

En 1992 deseñou a dramaturxia e codirixiu, xunto co catalán Pere Planella, a peza A Lagarada de R. Otero Pedrayo, representada polo Centro Dramático Galego durante tres meses no Pazo-Museo de Otero Pedrayo, en Trasalba, acondicionado para a ocasión como auditorio escénico ó aire libre.

En 1994 foi director científico da primeira exposición sobre a historia do teatro e a dramaturxia galegas, Os alicerces do Teatro galego, coorganizada polo Museo Etnolóxico e o Festival Internacional de Teatro de Ribadavia.

En 1997, realizou a dramaturxia, a dirección escénica e a rapsodia do espectáculo O Son das Flores, do Orfeón Terra a Nosa e o grupo Capela Compostelana, estreado en Ponteareas, dentro da serie Galicia Terra Única e emitido pola Televisión de Galicia.

Ademais ten realizado traduccións do castelán ó galego e ó portugués,  do portugués ó castelán, e do catalán ó portugués. Tamén coordinou varias revistas e coleccións literarias.  

 

                                    Mimo

                               ás cariátides

                        do cimacio do pazo dos Moreno

                                 riba do Eo

                          bailando unha ribeiran

                          termando da chuvia

              (fragmentos)

                        I

       MIÑAS CARABELAS

¡non deixeis que un veleiro vendaval vos leve

  Doces colinetas

filigranas do alto, soñares

vestais da ruína de tanto canto se ama e remanece

¡Oh delicada vaixela de silenci!

Falaime de vós, que eu calarei

 

                 Vós

lizgairas, que sabeis dos dicires

das luces dos barcos da madrugada e da empardecida

Vós
espreitas mudas da embarcación do tempo
que vais vendo como viran, xiran
as marés, os traballos,
as xentes                          os desexos
            
no trompo do mundo
sob a rotonda do voso pé lixeiro, danzainas
             de néboa e brisa
Deciime ¿que hai de fóra
dese Mar de dentro da vosa nostalxia?
Esa fita de menta
            sobre das vosas tempas  
ese sol cabeleira que se escancia nas escamas
de frambuesa, qué de saudades
            qué perfumes de antano  
                        qué ilusións
vos esperta, si, deciime,
            noivas de meu contestai...  

IV

  COA ALTAMAR DO RECORDO

volveron atracar
            en Porcillán
                            naos antigas.

Só por vos ver, ouh
subiron os corsarios destemidos pola ría
violadora paixón do voso insomnio frío
Só por vos dar pracer
e 600 dobróns librou o almirante inglés
de incendio e saqueo a praza, o fortín e a frotiña.

Pegada a vosa faldra a vila
             heroicamente
defendida con culebriñas
gomitando as lombardas pólvora fina de holanda       
            pagou con sangue
            a liberdade

                       V

            A CHAVE SOBRE AS ONDAS

 volve flamear en tódalas drizas!
 ¡A estrela sobre as ondas...!

                         Coa altamar do recordo
                         volveron fondear
                         en Porcillán
                         aqueles días
            e a carón dos portóns da aduana vella
             xúntanse en ancoradoiro de soños
                        bergantíns
                                     e clíperes
             e galeóns
                     e quechemaríns
                            e pataches 
           atal que unha regata recuadísima que hoxe
            polos rueiros -acordeóns borrachos de kummel
            de Menel e de Riga
            troulean mareantes con devezos
           de vós
                         A todos namoracheis:
           eles envelleceron e vós permaneceis

            señoritas.
            ¡Ah, vixías milenarias da riba do eo antiga!

           
Sobre das ondas a chave e a estrela
             volvan flamear en tódalas drizas.

(Camilo Valdehorras: inédito)

       

OBRAS

Teatro:

  •  Progreso e andrómena de antroido: Edicións do Rueiro, A Coruña,1978.

  • A cerimonia do té: in Vivir en Presente,  ERGAC, Barcelona, 1994.

  • Seoane e as andoriñas: in CD Porgaleusca do CUGAB,  Maraton Estudio, Barcelona, 1996.

Poesía:

  • Silabario da Turbina, (en coautoría con Antón Reixa, A. Avendaño, M.M.Romón), Ed. Rompente, Vigo, 1978.

  • A morte natal (serie), Revista iberrománica Serta nº 4,  UNED, Madrid, 1999.

  •  Xinea (escolma), in Alén do Azul. Unha ducia de poetas galegos en Catalunya,  Ed. do Castro, Sada, 1999.

Ensaio:

  • "La literatura gallega en lengua castellana" in Enciclopedia Temática de Galicia, vol.6, Ed. Nauta, Barcelona, 1988.

  • Enciclopedia Escolar Vox Galicia: Bibliograf, Barcelona, 1994.

  • Eduardo Blanco Amor e o Teatro: Publicacions de la Universitat de Barcelona, 1995.

  • A lingua e a literatura galegas nos alicerces do Terceiro Rexurdimento, (en colaboración) Terrassa-Barcelona, 1999.

Lexicografía e gramática:

  • Diccionario Esencial Vox Castelán/Galego, Galego/Castelán, (Director e corredactor), Vox-Bibliograf, Barcelona, 1997.

  • Diccionario Ilustrado Castelán-Galego, (director e redactor): Bibliotex-El Mundo de Galicia, 52 fasc., Barcelona, 1997.

  • Gramática de Uso del Gallego Estándar: Bibliotex-El Mundo de Galicia, Barcelona, 1997.

VOLVER