Un día lemos un texto de Otero Pedrayo e vimos que a paisaxe era protagonista. Despois os alumnos trataron de facer algo similar, e non o fixeron mal. Velaquí unhas mostras.

Leire Parapar

Sandra Expósito

 

 

Era un domingo chuvioso, outonal, un destes domingos nos que non atopas nada entretido para facer.

O vento batía con forza e provocaba o movemento das vellas pólas da maceira do xardín da miña casa.

Sentada no sofá, miraba con curiosidade as pingas que se aferraban con forza ó cristal da fiestra.

Chovía forte, e ruídos intensos provocados pola caída das mazás ó chan remataban coa tranquilidade da tarde.

Collín un chuvasqueiro, agarrei o paraugas e saín á rúa. Comecei a camiñar. Ía por un camiño angosto, esvaradío... Ós seus laterais, valados cubertos por unha húmida e verde alfombra de fentos e mofo. Alfombra estampada por follas de formas diversas que caían das árbores da fraga.

Cada instante que pasaba, a chuvia e o vento aumentaba. Decidín resgardarme baixo un frondoso e robusto castiñeiro, un dos poucos que aínda mantiña a maioría das súas follas.

Senteime enriba dun forte penedo. Alí ía agardar ata que remitise o temporal. Dende alí divisaba o percorrido dun pequeno regato que nacía entre a terra e as rochas do verde valado. Polo seu curso arrastraba, aínda que con pouca forza, pólas rotas polo vento, ourizos que rodaban ó bater contra as pedras, follas secas...

Observaba unha paisaxe triste, pobre, núa, ...

As árbores loitaban por manter as últimas follas. Tremían coa forza do vento, estaban espidas...

Decateime de que, entre elas, un abeto con follas de agulla miraba e ría fachendoso cara ás outras árbores.

Desviei a miña vista xusto ata o meu carón. O chan estaba cheo de castañas e ourizos fortes que ameazaban cos seu pinchos a calquera que os mirase.

Amodiño, amodiño, entre as follas húmidas saían caracois. Arrastraban a súa pesada casiña deslizándose axudados pola auga.

Calmouse a tempestade, erguinme para voltar á casa. Unhas raiolas de sol iluminaban os verdes prados, asemade que seguían caendo pingas do ceo empedrado. Agora o camiño estaba enlamado.

Ante os meus ollos, entre as montañas, aparecían sete cores en forma de abano que daban alegría ó escuro e húmido val polo que pasaba.

O outono comezaba a manifestar a súa forza na paisaxe.

Leire Parapar

4º de ESO

 

O SOLPOR

Hai uns poucos día ollei un dos acontecementos máis fermosos que vin na miña vida. Porque non é unha sóa cousa senón un tremenda cúmulo de sensacións, imaxes e sentimentos. É o solpor na praia, no mar, aló ó lonxe, no horizonte.

 

Atópome sentada nunha enorme pena, situada no centro da praia, na area. Estou rodeada de herba pequecha e dunha cor verde moi clara. Ó meu arredor non hai ninguén e, uns poucos metros mái aló, está Foz. Desde este lugar pódese ver o faro, a praia e toda a vila, desde que comeza, nun extremo, ata que acaba, no oposto. Vense as lanchas e os barcos, listos para saír a faenar e, ó lonxe, no medio de todo, atópase o sol xa preparado para caer nas augas sumisas da praia. Aínda está completo, mais non tardará en minguar.

 

Nuns instantes todo se pon vermello  e o sol comeza a descender. En pouco tempo desaparecerá por completo; só hai que esperar, ter paciencia.

 

A luz, cargada de deslumes, fúndese coa auga, e xuntos forman a silueta dun sol perfecto e estremecedor.

A brisa do mar é moi suave, pero non impide que o pelo me dea latigazos na cara.

Xa case se esvaeceu de todo, só queda un pequeno arco no ceo. É fermoso. Un último destello abrásao todo nun chiscar de ollos xa non hai nada no ceo. A temperatura baixa e comeza a ir frío. Nuns minutos será noite e o mar comeza a axitar violentamente as súas augas. A escuridade cínguese sobre a miña cabeza. O ceo tínguese de negro. Un veo tinto cóbreo todo e a luz desaparece. A noite non tardará en chegar, e con ela todas as súas fascinantes emocións.

Mentres baixo rapidamente pola pena decátome de que apenas se ve e todo escurece cada vez máis. Un profundo silencio invádeo todo.

A noite xa está aquí.

Sandra Expósito García

4º ESO

                        VOLVER