O lirio
A anguria enche o meu ser,
que só pensa en lirios.
Un lirio branco e amarelo
de púbica sensualidade,
aparéceseme mesturando
recordos e anceios.
A auga, que sae dos remorsos
do teu interior,
escorrega
pola superficie do pétalo
e chega ó epicentro da paixón.
O lirio, núcleo do amor carnal,
comeza a pecharse, contigo adentro.
A noite oriental céibase sobre nós.
Baila, odalisca,
a danza dos sete veos,
pero núa, só coberta
co manto da túa pureza
e a protección do teu pudor.
Eu, co impulso do desexo,
quitareiche,
un a un,
os pétalos que cobren
a túa virxinidade,
amada, convertida en flor.
O lirio afoga os versos na noite.