|
(Artigo publicado na revista do centro no ano 1995, con
motivo do 25 aniversario da creación do Instituo "Lama das Quendas", por Manuel
S. Rodríguez Aguiar)
A existencia do I.B.M. de Chantada débese,
en gran medida, a unha comisión de veciños que se formou coa intención de
conseguir do antigo "Ministerio de Educación y Ciencia", a construcción dun
Instituto Nacional de Ensino Medio na vila. Para elo, foi necesario ofertar un
solar a dito Ministerio coa extensión suficiente para construír o edificio e
demais dependencias. A Comisión, formada por máis de vinte veciños e autoridades
municipais, encargouse de adquirir o solar na chamada "Carretera do Peto" e de
recadar, mediante suscrición popular, o diñeiro necesario para tal compra.
Algúns dos membros desta comisión comentábanme o entusiasmo con que traballaban
e a masiva colaboración popular.
Foi nos primeiros días de Novembro de 1970
cando se iniciaron as actividades académicas no Instituto de Chantada. Existían
naquel momento as chamadas "Seccións Delegadas" e para ser unha desas seccións
construíuse o edificio, pero por diversas circunstancias, este centro iniciou a
súa actividade como EXTENSIÓN del I.N.E.M. de Monforte de Lemos, é dicir,
dependendo en tódolos aspectos dese Instituto. Así figurou durante cinco anos,
impartíndose ensinanzas de Bacharelato (plan antigo), primeiro ata cuarto curso e
logo ata sexto, é dicir, todo o Bacharelato Superior. Durante estes cinco anos,
aínda que o director era o mesmo do Instituto de Monforte, representabao en
Chantada Dna. Carmen Otero Fernández, profesora de Matemáticas, hoxe
xubilada.

(De esquerda a dereita) M. Antonio Fernández Rodríguez
(alcalde de Carballedo), Guillermo Ruíz del Gallego (gobernador civil), José
Regal Vázquez (alcalde de Chantada) e Félix Rodríguez (xuíz), consultando o
plano do Instituto
No ano 1975 creouse o INSTITUTO DE
BACHILLERATO DE CHANTADA. O seu primeiro director foi o ourensán D. Víctor F.
Aragonés Herrero, profesor de Inglés, que estivo no cargo ata 1979. No curso
79-80 levou a dirección D. José Manuel Pereira Cordido, catedrático de Física e
Química, con quen se iniciaron as xestións necesarias para ampliar as
instalacións: construcción dun novo edificio, anexo xa existente, e unha pista
polideportiva, que sera realizada en varias etapas. Sustitúe ó anterior D.
Manuel S. Rodríguez Aguiar, que desempeña o cargo durante os cursos 80-81 e
81-82, despois de ocupar a secretaría durante os cinco anos anteriores. D.
Luciano Méndez Rodríguez (82-83), Dna. Carmen Figueiras Rodríguez (83-84 e
84-85), D. José Miranda Ruíz (dende o ano 1986 ata o ano 1991) e D. Manuel Busto
Magdalena (91-92) dirixiron o Centro. Dende 1992 ata a actualidade o cargo
desempeñado por D. José Rodríguez Iglesias. O labor destes directores contou
sempre co apoio e a colaboración dos diferentes claustros de profesores.
Durante estes vintecinco anos interviñeron,
dunha maneira importante, no funcionamento do Centro, ademáis dos diversos
claustros de profesores e da Asociación de Pais de Alumnos, outras persoas que,
ocupando distintos postos e polo seu bon facer, deben ser recordadas: D. Félix
Pérez Román, hoxe profesor de E.X.B. en Tenerife, Dna. Raimunda González (a
eficiente "Mundi"), hoxe no I.B. Mixto de Monforte, Dnaa Teresa Eyré Diéguez,
hoxe profesora de E.X.B., Dna. Asunción Vázquez Iglesias, actualmente na
Pinguela (Monforte), e Dna. Sol Valcarce encargáronse de que a secretaría do
Centro funcionase con verdadeira eficacia.
Xa no ano da súa fundación ocupou o cargo de conserxe D.
Celso López Gil, recentemente xubilado, a quen se unira D. José Álvarez
Rodríguez, quen despois de catro anos en Chantada, ocupou o mesmo cargo nunha
das Facultades da Universidade de Santiago. Foi tamén conserxe do Centro D.
Avelino Arias, xa falecido, home que dedicou moitas horas do seu traballo á
perfecta conservación do edificio e de quen os alumnos e profesores gardan un
entrañable recordo. Neste ano 1979* contamos coa colaboración de Isaac Ferreiro
Feás e Modesto Otero Álvarez.
Por último, destacar que nestes anos é posible que
estudiaran no Centro máis de tres mil alumnos, moitos deles
pertencentes ó Concello de Chantada, pero tamén ós Concellos de Taboada e
Carballedo e, en menor número, ós de Saviñao e Antas de Ulla.

O Instituto no ano 1979
* Dende o 92 ata o 96 foi director D. José Rodríguez Iglesias;
dende o 96 ata o 2000 foi D. José Segundo Navaza e dende o 2000 é directora Dna.
Ana María Fernández Fortes. |