O IES LEIRAS PULPEIRO DE LUGO PASA Á FINAL DO PARLAMENTO XOVE
en Martes, 28 Febreiro 2012 por Íñigo Barreiro en NOVAS > Centro - Novas Comentarios: 0 Clicks: 297
8.0 - 1 Voto -
O IES LEIRAS PULPEIRO DE LUGO PASA Á FINAL DO PARLAMENTO XOVE.
O Hemiciclo da Deputación da Coruña viviu o sábado 25 de febreiro a segunda xornada de debates do Parlamento Xove, na que participou o IES Leiras Pulpeiro conseguindo o pase directo a Cuartos de Final. O equipo estaba formado polos alumnos de BAC do centro Carlos Amo Cordero, David Mateo Fouz Varela, Alba García Miguélez e Miguel Rodríguez Carretero, coordinados pola profesora Mª Juncal Martínez Modia.
A actividade, organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que este ano acadou o máximo de 32 equipos inscritos e máis de 150 participantes, celebrará a final o vindeiro 17 de marzo no Parlamento de Galicia. Convén recordar que se trata dunha competición entre centros de ensino da comunidade autónoma, na que os participantes de cada equipo (formados por catro alumnos e un profesor) investigan, escriben e, finalmente, debaten sobre o tema proposto pola organización. Inclúese tamén a elaboración de artigos en blog e a realización dun dossier de investigación sobre o tema tratado.
Nesta xornada preliminar o alumnado foi recibido pola Conselleira de Traballo e Benestar, o Presidente da Deputación de Coruña e o Director Xeral de Xuventude e Voluntariado. Beatriz Mato expuxo que os debates non son unha confrontación, senón que “o verdadeiro debate afonda na busca de puntos en común” e que o útil e produtivo “é aquel que axuda a tender pontes polas que podamos avanzar todos xuntos” e cando se utilizan ferramentas como “o diálogo, a tolerancia e o consenso”, punto no que coincidiu Diego Calvo, quen enxalzou o papel da palabra coma símbolo da democracia e rematou bromeando con eles -“se seguides así ides mandarnos a todos nós ao paro”- animándolles a continuar “no bo camiño”, que é “o da formación e o de aproveitar experiencias e oportunidades como estas”.
O ranking
De tódolos equipos participantes, tan só 8 pasarán á final. O primeiro posto acadouno o IES de Becerreá, con 94,75 puntos; seguido moi de preto a tan só un punto e medio de diferencia acadou a prata o IES Rosalía de Castro de Santiago. Tamén gañaron os tres debates o IES Valle Inclán de Pontevedra e o IES Leiras Pulpeiro de Lugo, que obtiveron a terceira e cuarta praza respectivamente. A eles súmanse o IES A Pingüela de Monforte de Lemos; o IES de Fene, La Salle de Santiago e o IES Laxeiro de Lalín, que acadaron as catro mellores puntuacións na primeira sesión preliminar celebrada o pasado 11 de febreiro.
--
Parlamento Xove 2012
Debe iniciar a sesión neste sitio como usuario rexistrado para poder deixar os seus comentarios - Conéctese ou rexístrese se aínda non o está Aquí para conectarse