A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, o director do IES Leiras Pulpeiro, Íñigo Barreiro, e a directora do CEIP Casás, Aurora Rojas, asinaron un convenio para a realización dun traballo de prevención de xeito lonxitudinal e continuado ademais dun estudo da evolución do comportamento e actitude en relación coas drogas do alumnado.
Este convenio estará en vigor dende a data da súa sinatura ata o remate do período 2012-2015 para así darlle continuidade ó traballo iniciado neste curso 2011-2012. Así mesmo, sendo de interese do centro educativo o desenvolvemento das actividades de prevención de drogodependencias, formando parte do dito proxecto global toda a comunidade do centro.
Carmen Basadre destacou que se vai traballar conxuntamente de xeito continuado para a prevención das drogodependencias e a promoción da saúde no centro educativo implicando a todos os axentes que o compoñen, e especialmente co alumnado de 5º e 6º de Primaria. Ademais de achegar os medios así como o persoal necesario e dispoñible para levar adiante dito proxecto, por un tempo de 2 cursos de xeito continuado.
O compromiso por parte do Concello implica poñer a disposición do centro, o persoal e os medios para desenvolver as sesións que forman parte do traballo co alumnado na aula, organizado por sesións dunha hora de duración, ao longo do curso, así como asesorar e colaborar co centro noutras actividades en relación co mesmo contido con outros grupos así como co profesorado e persoal do centro educativo. Os obxectivos que se perseguen son a promoción de estilos de vidas saudables, reducir a incidencia do tabaquismo, alcohol ou outras drogas, fomentar os seus niveis de confianza e autoestima, desenvolver habilidades de relación interpersoal e traballar sobre a capacitación para a toma de decisións e a solución de problemas, segundo explicou a Concelleira.
Web basada en e107, baixo os termos de GNU Licencia GPL. Tradución do xestor CMS ó galego por Marta Pérez Murado, Carlos Vilaboa Díaz, Xabier Díaz Fernández e Dolores Varela Salgueiro