Imprimir este contido

 

A.-

Abstinencia: Reacción corporal trala supresión de determinados fármacos.

Ácido acetohidroxámico: É un composto presente en medicamentos que se usan para impedir a formación de cálculos no ril (litiase renal). Non se pode consumir conxuntamente con preparados de ferro. Ten importantes efectos secundarios repentinos (dor de cabeza, pérdida de coordinación, dores no peito, ingle ou pernas -especialmente as pantorrillas-, dispnea, balbuceo, cambios na visión, ansiedade, confusión ou depresión mental, pérdida do apetito, náuseas ou vómitos, nerviosismo, inestabilidade ou temblores, cansancio ou debilidade inusual), polo que o seu consumo está sometido a ECM.

Acondicionamento primario: Envase ou calquera outra forma de acondicionamento que estea en contacto directo co medicamento.

AEMPS: Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios .

Alérxeno: Calquera produto destinado a identificar ou provocar unha modificación específica e adquirida da resposta inmunolóxica a un axente alerxizante. Emprégase para estudar se unha persoa é sensible a algún produto que desencadene nela unha resposta alérxica.

Alerxia: Resposta inmune esaxerada a substancias que, en xeral, non son dañinas.

Analxésico: Medicamento que reduce ou elimina a dor.

Anestésico: Substancia que diminúe a sensibilidade e, polo tanto, a sensación de dor.

Antiácido: Substancia que neutraliza os ácidos gástricos.

Antibiótico: Substancia que, por diversos mecanismos, impide o crecemento ou replicación de microorganismos.

Antídoto: Substancia que anula os efectos dun tóxico.

Antiespasmódico: Substancia que relaxa a musculatura lisa eliminando os espasmos.

Antiinflamatorio: Medicamento que reduce a inflamación.

Antipirético: Medicamento que baixa a febre.

Antipsicótico: Fármaco empregado no tratamento das psicoses. Tranquilizante maior.

Antipsicótico atípico: Antipsicótico de síntese utilizado nas psicoses resistentes aos antipsicóticos clásicos.

Antíxeno: Calquera substancia que, introducida no organismo, provoca unha resposta inmune pola que se forman anticorpos que o neutralizan.

Anxioedema: Desenvolvemento de grandes ronchas (pápulas) baixo a superficie da pel, especialmente ao redor dos ollos e os beizos, e que poden tamén afectar a mans, pés e gorxa. A condición pode estar asociada coas alerxias.

Asma: Enfermidade respiratoria que cursa con obstrución total ou parcial das vías respiratorias por inflamación e hipereactividade bronquial a diversos estímulos.

A.S.S.S.: Siglas de Asistencia Sanitaria da Seguridade Social, presentes no cupón-precinto das especialidades farmacéuticas financiadas.

Atención farmacéutica: Participación activa do farmacéutico/a para a asistencia ao cliente na dispensación e seguimento dun tratamento fármaco-terapéutico, cooperando así co médico/a e outros profesionais sanitarios a fin de conseguir resultados que melloren a calidade de vida do cliente.

Autovacina de uso veterinario: Medicamento veterinario inmunolóxico individualizado, elaborado a partir de organismos patóxenos e antíxenos non virais, obtidos dun animal ou animais dunha mesma explotación, inactivados e destinados para o tratamento de dito animal ou explotación.

Avitaminose: Deficiencia de vitaminas.
 

B.-

Betabloqueante: Medicamento que bloquea os receptores beta-adrenérxicos. Moitas das funcións corporais están reguladas pola unión dunha determinada substancia química a un receptor celular. Existen numerosos receptores celulares, como os beta, sobre os que actúa a adrenalina; ao bloquear estes receptores impídese a acción da adrenalina.

Biodispoñibilidade: Capacidade dun fármaco para chegar activo ao torrente circulatorio.

Bioequivalencia: Velocidade e proporción en que un mesmo principio activo de dous medicamentos alcanza a circulación sistémica. A bioequivalencia cuantifícase mediante a determinación dos niveis plasmáticos do principio activo contido nos dous medicamentos (biodispoñibilidade). A bioequivalencia indícase polas siglas EQ.

Blíster: Acondicionamento primario plástico cun peche metálico termopegado utilizado, sobre todo, en formas sólidas de uso oral.

Braille: Sistema de escritura con relevo que permite o recoñecemento táctil. Utilizado por invidentes.

Broncospasmo: Espasmo da musculatura lisa bronquial con dificultade respiratoria (dispnea).
 

C.-

Catálogo de Especialidades Farmacéuticas: Publicación que recolle polo miúdo a información técnica das especialidades farmacéuticas autorizadas en España.

Categoría farmacoterapéutica: Codificación dunha substancia medicinal segundo a clasificación ATC.

Cepa homeopática: Preparado de materia prima a partir da cal se obteñen os medicamentos homeopáticos. Na actualidade hai clasificadas máis de 3000 cepas homeopáticas. Tintura nai.

Cícero: Punto negro que situado na esquina superior esquerda do cupón-precinto dunha especialidade farmacéutica, indica que esa especialidade está financiada ao 90 %, polo que o usuario/a abona un máximo do 10 % do PVP.

Clasificación Anatómico-Terapéutica-Química (ATC): Clasificación de substancias medicinais.

Código Nacional dos Medicamentos (CN): O CN é un sistema de identificación rápido cuio obxecto é axudar e facilitar a xestión das oficinas de farmacia e outros estamentos facendo posible a adquisición dos medicamentos, efectos e accesorios e produtos de parafarmacia que se atopan no mercado nacional, mediante o tratamento informático dos indicados produtos.

Ata o 1 de setembro de 2004 o CN constaba de seis díxitos, pero a partir desta data adoptouse unha nova estrutura do CN con sete díxitos, tal e como se explica na circular 1/2004 da Axencia Española dos Medicamentos e Produtos Sanitarios . Pódese ampliar a información no documento "Optimización do Código Nacional" .

Colirio: Forma de administración local (tópica) para os ollos.

Consello farmacéutico: Información que facilita o farmacéutico dentro do acto da dispensación.

Conxunto homoxéneo: Grupo de medicamentos bioequivalentes entre si.

Cupón-precinto: Documento presente na embalaxe das especialidades farmacéuticas financiadas con cargo ao sistema sanitario público e que unido á receita serve de xustificante da dispensación.

 

D.-

Denominación común internacional (DCI): É a denominación oficial das substancias medicinais establecido pola Organización Mundial da Saúde que permite recoñecelas a nivel internacional.

Denominación oficial española (DOE): É a denominación oficial das substancias medicinais, de dominio público, establecida pola administración do Estado español.

Destilar: Separar por medio da calor unha substancia volátil de outras máis fixas, enfriando despois o seu vapor para reducila novamente a líquido.

DH: Siglas que identifican aos medicamentos de diagnóstico hospitalario.

Diabetes (diabetes mellitus): Enfermidade crónica caracterizada por niveis de glicosa altos en sangue. Pode ser causada por deficiencia de insulina, resistencia á insulina ou ambas.

Diarrea: Presenza de feces acuosas, pouco compactas e frecuentes.

Dispensación: Acto profesional que efectúa un farmacéutico/a polo que pon en contacto un determinado medicamento coa persoa para a que foi prescrito dito medicamento, considerando todas as circunstancias clínicas da persoa e as propias do medicamento.

Dispnea: Sensación subxectiva de dificultade ou incomodidade ao respirar ou sensación de non estar recibendo suficiente aire nos pulmóns.

Diurese: Cantidade de orina que se forma en 24 horas.

Diurético: Toda substancia que aumenta a diurese.

Dose: É o contido de principio activo, expresado en cantidade por unidade de toma, por unidade de volume ou de peso (segundo a presentación).

Droga: Substancia química bioloxicamente activa con efecto estimulante, deprimente, narcótico ou alucinóxeno.
 

E.-

Eccema ou eczema: Lesión da pel caracterizada por erupcións prurixinosas e con aspecto de escamas.

ECM: Especial control médico.

Efecto secundario (reacción adversa ou efecto adverso): Os efectos secundarios, tamén coñecidos como toxicidade farmacolóxica ou reaccións adversas, son calquera efecto inintencionado producido por un medicamento utilizado nas doses recomendadas.

Embalaxe exterior: Embalaxe que contén ao acondicionamento primario.

Enfermidade celíaca (esprúe): Condición hereditaria autoinmune na que o revestimento do intestino delgado resulta danado en resposta á inxesta de gluten e outras proteínas que hai no trigo, cebada, centeno e outros cereais.

Epizootia: Enfermidade que afecta a un número elevado de animais, mesmo de especies distintas. É equivalente ao termo epidemia dos humanos.

EQ: Especialidade bioequivalente.

Eritema: Rubor na pel.

Espasmo: Contractura dolorosa dun músculo liso.

Especialidade bioequivalente: Considérase que dous medicamentos son bioequivalentes se son equivalentes farmacéuticos (é dicir, se conteñen a mesma cantidade do mesmo principio activo na mesma forma de dosificación) e a súa biodispoñibilidade despois da administración a doses iguais son semellantes en tal grao que os seus efectos, en termos de eficacia e seguridade, son esencialmente os mesmos. Asúmese que se se cumpren estes requisitos as especialidades son intercambiables polo que unha pode substituír á outra no tratamento dunha enfermidade ou síntoma nun paciente concreto.

Especialidade farmacéutica: O medicamento de composición e información definidas, de forma farmacéutica e dosificación determinadas, preparado para o seu uso medicinal inmediato, disposto e acondicionado para a súa dispensación ao público, con denominación, embalaxe, envase e etiquetado uniformes, ao que a administración do Estado outorgue autorización sanitaria e inscriba no ficheiro do Rexistro e Autorización de Especialidades Farmacéuticas.

Especialidade farmacéutica xenérica (EFG): A especialidade coa mesma forma farmacéutica e igual composición cualitativa e cuantitativa en substancias medicinais que outra especialidade de referencia, cuio perfil de eficacia e seguridade estea suficientemente establecido polo seu continuado uso clínico. A especialidade farmacéutica xenérica debe demostrar a equivalencia terapéutica coa especialidade de referencia mediante os correspondentes estudos de bioequivalencia. As diferentes formas farmacéuticas orais de liberación inmediata poderán considerarse da mesma forma farmacéutica sempre que teñan demostrado a súa bioequivalencia.

Especialidade farmacéutica publicitaria (EFP): É unha especialidade farmacéutica de libre uso e dispensación sen receita, usada para o alivio ou tratamento de síndromes ou síntomas menores, que non precisan atención médica, ou para a prevención dos mesmos e que sexa autorizada como tal.

Etiquetado: Conxunto de informacións que aparecen na embalaxe exterior ou no acondicionamento primario dunha especialidade farmacéutica.

Excipiente: Substancia non medicinal que, incluída nas formas galénicas, engádese ás substancias medicinais, ou as súas asociacións para servirlles de vehículo, posibilitar a súa preparación e estabilidade, modificar as súas propiedades organolépticas ou determinar as propiedades físico-químicas do medicamento e a súa biodispoñibilidade.

Extracto: Produto obtido dunha substancia animal ou vexetal someténdoa á acción dun disolvente e evaporando o líquido resultante deica unha consistencia ou volume determinado.

 

F.-

Farmacovixilancia: Conxunto de accións encamiñadas a proporcionar de forma continuada a mellor información posible sobre a seguridade dos medicamentos, posibilitando así a adopción das medidas oportunas e, deste modo, asegurar que os medicamentos dispoñibles no mercado presenten unha relación beneficio-risco favorable para a poboación nas condicións de uso axeitadas.

Fenilalanina: Aminoácido. Compoñente das proteínas.

Fenilcetonuria: Enfermidade hereditaria pouco común na que o corpo non metaboliza axeitadamente a fenilalanina, o que pode causar retardo mental severo se non se realiza un tratamento.

Forma galénica ou forma farmacéutica: A disposición individualizada á que se adaptan as substancias medicinais e excipientes para constituír un medicamento.

Fórmula maxistral: O medicamento destinado a un paciente individualizado, preparado polo farmacéutico, ou baixo a súa dirección, para cumprimentar expresamente unha prescrición facultativa detallada das substancias medicinais que inclúe, segundo as normas técnicas e científicas da arte farmacéutica, dispensado na súa farmacia ou servizo farmacéutico e coa debida información ao usuario/a nos termos previstos na lexislación vixente.

Formulario Nacional: É o libro oficial que contén, en forma de monografías, as fórmulas maxistrais tipificadas e os preparados oficinais recoñecidos como medicamentos, as súas categorías, indicacións e materias primas que interveñen na súa composición e preparación, así como as normas de correcta elaboración e control de calidade.

 

G.-

Glutamina: Aminoácido. Compoñente das proteínas.

Gluten: Proteína presente nos cereais que pode causar, en persoas sensibles, enfermidade celíaca.

 

H.-

H: Sigla que identifica aos medicamentos de uso hospitalario.

Homologación de receitas: Procedemento de verificación da prescrición. Unha vez verificada pégase na receita unha etiqueta cos datos da homologación.

Hormona: Substancia química producida polos órganos endocrinos que, circulando polo sangue, realiza os seus efectos á distancia ao actuar sobre outros órganos ou sobre o metabolismo.

 

I.-

Inmunidade activa: Mecanismo polo que se estimula unha resposta inmune do organismo.

Inmunidade pasiva: Mecanismo polo que se introducen defensas no organismo sen que este as produza por si mesmo.

Insulina: Hormona producida polo páncreas para regular o zucre sanguíneo.

Interacción medicamentosa: Modificación do efecto dun medicamento cando se administra con outro. O efecto pode ser un aumento ou unha diminución da acción de calquera dos dous ou un efecto adverso non producido comunmente por ningún deles.

ISFAS (cast): Instituto Social de las Fuerzas Armadas.

 

L.-

Libro de estupefacientes: Libro de rexistro no que deben quedar sinaladas as entradas, saídas e existencias de todas as especialidades que conteñan estupefacientes da lista I así como as substancias e fórmulas maxistrais que conteñan estupefacientes das listas I, II e III.

Libro receitario: Libro oficial expedido polo Colexio Oficial de Farmacéuticos da correspondente provincia, no que deben quedar consignadas todas as dispensacións de fórmulas maxistrais, medicamentos que inclúan substancias psicótropas, medicamentos que inclúan estupefacientes das listas I, II e III e aquelas especialidades que se determine por esixencias de ECM.

Liofilizar: Operación galénica consistente en desecar, mediante o vacío, produtos ou elementos orgánicos e alimentos, co fin de conservalos.

 

M.-

Materia prima: Toda substancia, activa ou inactiva, empregada na fabricación dun medicamento, independentemente de que permaneza inalterada, se modifique ou desapareza no transcurso do proceso.

Medicamento: Toda substancia medicinal e as súas asociacións ou combinacións destinadas a súa utilización nas persoas ou animais, que se presente dotada de propiedades para previr, diagnosticar, tratar, aliviar ou curar enfermidades ou doenzas ou para afectar a funcións corporais ou ao estado mental. Tamén se consideran medicamentos as substancias medicinais ou as súas combinacións que poden ser administradas a persoas ou animais con calquera destes fins, aínda que se ofrezan sen explícita referencia a eles.

Medicamento biolóxico: Son medicamentos nos que as substancias medicinais teñen unha orixe animal ou humana.

Medicamento ético: Medicamento que precisa receita para a súa dispensación.

Medicamento extemporáneo: Preparación extemporánea.

Medicamento homeopático: Todo medicamento obtido a partir de produtos, substancias ou compostos denominados cepas homeopáticas, segundo un procedemento de fabricación homeopática descrito na Real Farmacopea Española, na Farmacopea Europea ou, no seu defecto, nunha farmacopea empregada de xeito oficial nun país da Unión Europea.

Medicamento orfo: O que se utiliza no diagnóstico, prevención e tratamento das enfermidades raras.

Medicamento prefabricado: Medicamento que non se axusta á definición de especialidade farmacéutica e que se comercializa nunha forma farmacéutica que pode utilizarse sen necesidade de tratamento industrial e ao que a administración do Estado outorgue autorización sanitaria e inscriba no rexistro correspondente.

Medicamento veterinario: Medicamento de uso animal.

Medicamento veterinario prefabricado: Medicamento veterinario que non se axusta á definición de especialidade farmacéutica de uso veterinario e que se comercializa nunha forma farmacéutica que pode usarse sen necesidade de tratamento industrial e ao que a Administración do Estado outorgue autorización sanitaria e inscriba no rexistro correspondente.

Mucolítico: Substancia que axuda a descompoñer o moco, sobre todo no aparato respiratorio.

MUFACE (cast): Mutualidad de Funcionarios Civiles del Estado.

MUGEJU (cast): Mutualidad General Judicial.
 

N.-

Náusea: Sensación de urxencia de vomitar.

Normas de correcta elaboración e control de calidade: Describen as condicións xerais mínimas que deben reunir o persoal, os locais, os utensilios, a documentación, as materias primas utilizadas e os materiais de acondicionamento, a elaboración, o control de calidade e dispensación. Nelas recóllense todos os aspectos que inflúen directa ou indirectamente na calidade das preparacións que se realizan tanto nas oficinas de farmacia coma nos servizos farmacéuticos.

 

P.-

Parenteral: Vía de administración pola que o medicamento ingresa ao organismo mediante inxección que atravesa unha ou máis capas da pel ou mucosas. 

Penso medicamentoso: Penso que leva incorporado algunha premezcla medicamentosa.

Placebo: Substancia inerte disfrazada de medicamento co fin de explorar os efectos psicolóxicos dun tratamento.

Posoloxía: Dose ou unidades que deben tomarse dun determinado medicamento en cada toma.

Premezcla medicamentosa para pensos: Medicamento veterinario elaborado para ser incorporado a un penso.

Preparación extemporánea: Medicamento no que non se rematou o proceso de preparación final. Debe ser o usuario/a o que faga o último proceso (xeralmente mestura con auga) para obter un preparado apto para o consumo.

Preparación tópica: Forma de administración local (pomadas, locións, cremas, colirios...).

Preparado ou fórmula oficinal: Aquel medicamento elaborado e garantido por un farmacéutico/a ou baixo a súa dirección, dispensado na súa oficina de farmacia ou servizo farmacéutico, enumerado e descrito polo Formulario Nacional, destinado á entrega directa aos doentes aos que abastece a dita farmacia ou servizo farmacéutico.

Prescrición: Acto médico polo que se lle indica ao paciente, por escrito, un tratamento farmacolóxico. O documento da prescrición é a receita médica.

Prescrición veterinaria: Acto veterinario polo que se lle indica ao dono ou responsable dun animal un tratamento farmacolóxico. O documento da prescrición veterinaria é a receita veterinaria.

Prezo de referencia: Prezo máximo financiado polo sistema de saúde para as especialidades farmacéuticas que forman parte dun determinado conxunto homoxéneo.

Principio activo: Substancia medicinal presente nunha especialidade farmacéutica.

Produto intermedio: O destinado a unha posterior transformación industrial por un fabricante autorizado.

Produto sanitario: Calquera instrumento, dispositivo, equipo, material ou outro artigo, incluídos os accesorios e programas lóxicos que interveñan no seu bo funcionamento, destinados polo fabricante a seren empregados en seres humanos, sos ou en combinación con outros, con fins de:

A acción principal do produto sanitario non debe acadarse por medios farmacolóxicos, químicos ou inmunolóxicos, nin polo metabolismo, aínda que na súa función poidan concorrer tales medios.

Produto en fase de investigación clínica: Aquel que se destina unicamente a ser empregado por expertos cualificados pola súa formación científica e experiencia para a investigación en persoas ou animais sobre a súa seguridade e eficacia.

Propiedade organoléptica: Calquera propiedade capaz de ser captada polos órganos dos sentidos: color, sabor, olor...

Prospecto: Texto que acompaña a todos os medicamentos. É unha guía informativa que, segundo a normativa europea, debe ir sempre dentro do envase do fármaco excepto naqueles nos que a información esixida figure directamente na embalaxe.

Prurito: Picor.

Psicoléptico: Substancia con efectos sedantes. Tranquilizante.

 

R.-

Radiofármacos: Son fármacos que inclúen isótopos radioactivos , é dicir, substancias que emiten radiacións.

RAEFAR: Rexistro e Autorización de Especialidades Farmacéuticas (uso humano).

RAEFAR-P: Rexistro e Autorización de Especialidades Farmacéuticas de plantas medicinais.

RAEFAR-V: Rexistro e Autorización de Especialidades Farmacéuticas (uso veterinario).

RAM: Reacción adversa a medicamentos.

Reacción adversa (efecto secundario ou efecto adverso): As reaccións adversas a medicamentos (RAM), tamén coñecidas como toxicidade farmacolóxica ou efectos secundarios, son calquera efecto inintencionado producido por un medicamento utilizado nas doses recomendadas.

Real Farmacopea Española: É o libro oficial que recompila as normas específicas, redactadas en forma de monografías, que describen a calidade física, química e biolóxica que deben observar as substancias medicinais e excipientes destinados a uso humano e veterinario, así como os métodos analíticos para o seu control.

Resposta inmune: É a forma en que o corpo recoñece e se defende a si mesmo contra os microorganismos, virus e substancias recoñecidas como extranas e que potencialmente poden ser perigosas para o organismo.

 

S.-

SERGAS: Servizo Galego de Saúde.

SIGRE: Siglas do Sistema Integrado de Xestión e Recollida de Envases .

Síndrome: Conxunto de síntomas e signos que responden a un mecanismo fisiopatoxénico común.

Signo: Manifestación obxectiva dunha enfermidade. Por exemplo: febre.

Síntoma: Manifestación subxectiva dunha enfermidade. Por exemplo: dor.

Sobredose: Intoxicación por exceso dunha determinada substancia.

Soro: Axente de orixe animal ou humano usado para producir unha inmunidade pasiva.

Substancia medicinal: Toda materia, calquera que sexa a súa orixe (humana, animal, vexetal, química ou doutro tipo) á que se atribúa unha actividade apropiada para constituír un medicamento.

 

T.- 

Tarxeta amarela: Formulario para a notificación de suspeitas de reaccións adversas a medicamentos de uso humano, distribuída polos órganos competentes en materia de farmacovixilancia aos profesionais sanitarios .

Tarxeta verde: Formulario para a notificación de suspeitas de reaccións adversas a medicamentos de uso veterinario, distribuída polos órganos competentes en materia de farmacovixilancia aos profesionais sanitarios .

Tempo de espera: Tempo mínimo que debe pasar dende que se inicia un tratamento veterinario nun animal produtor, ata que se pode consumir o seu produto.

Terapéutica: Parte da medicina que se ocupa do tratamento das enfermidades. Ciencia de curar e aliviar, que comprende o coñecemento dos medios para un e outro fin.

Tintura nai: Cepa homeopática.

TIS: Siglas que identifican á tarxeta de identificación sanitaria.

TLD: Tratamento de longa duración.

Tópica (vía): Vía de administración de medicamentos pola que se pon en contacto directo coa pel ou mucosas. Preparación tópica.

Toxina: Axente empregado para facer un diagnóstico do estado da inmunidade.

Tranquilizante: Substancia que reduce ou elimina a tensión psíquica. Relaxante psíquico. Psicoléptico.
 

U.

Urticaria: Lesións coloradas e elevadas que aparecen na superficie da pel e que poden ser debidas a unha reacción alérxica a algún alimento, medicamento ou outra substancia.

 

V.-

Vacina: Axente empregado para provocar unha inmunidade activa.

Vademecum Internacional: Publicación que recolle polo miúdo a información técnica das especialidades farmacéuticas autorizadas en España.

 

Actualizada o 21/11/2005