Documentos > Plan de acción titorial

 

 

PLAN DE ACCIÓN TITORIAL:

No curso 2004-2005 o departamento de Orientación iniciou o desenvolvemento do Plan de Acción Titorial do instituto para dar resposta ás necesidades dos titores/as na súa tarefa de coñecer ao alumnado e establecer guías de orientación para a mellora do proceso ensino-aprendizaxe.

O Plan de Acción Titorial pretende guiar o labor titorial establecendo actuacións e aportando os documentos precisos para levalas a cabo, evitando a simple relación de tarefas. O plan pretende ser un elemento útil e vivo; un documento capaz de adaptarse ás necesidades do titor/a, do profesor/a e, sobre todo, do alumno/a, obxectivo final e razón de ser do instituto.

O mesmo plan non é único. A diversidade das ensinanzas impartidas e as diferenzas entre as mesmas esixe un tratamento distintivo das orientacións e metodoloxías educativas e, por tanto, do proceso titorial, de aí que se establezan tres plans distintos: bacharelato, ciclos medios e ciclos superiores, e dentro de cada un diferéncianse as accións en primeiro e segundo ano.

Nas seguintes subseccións iranse desenvolvendo os contidos do Plan de Acción Titorial aportando os documentos que permiten levalo a cabo.

Funcións xerais dos titores/as:

O Regulamento Orgánico dos centros de educación secundaria establece como funcións dos titores/as seguintes:

Cada profesor-titor/a, ademais das súas tarefas docentes específicas, realizará, cando menos, as seguintes funcións:

  • Participar no desenvolvemento do plano de acción titorial e nas actividades de orientación, baixo a coordinación do xefe ou xefa de estudos e en colaboración co departamento de Orientación.

  • Proporcionarlles no principio de curso, ao alumnado e aos pais e nais, información documental ou, no seu defecto, indicar onde poden consultar todo o referente a calendario escolar, horarios, horas de titoría, actividades extraescolares e complementarias previstas, programas escolares e criterios de avaliación do grupo.

  • Coñecer as características persoais de cada alumno e alumna a través da análise do seu expediente persoal e doutros instrumentos válidos para conseguir ese coñecemento.

  • Coñecer os aspectos da situación familiar e escolar que repercuten no rendemento académico de cada alumno e alumna.

  • Efectuar un seguimento global dos procesos de ensino-aprendizaxe do alumnado para detectar dificultades e necesidades especiais, co obxecto de buscar as respostas educativas adecuadas e solicitalos oportunos asesoramentos e apoios.

  • Coordinar as adaptacións curriculares necesarias para alumnos e alumnas do seu grupo.

  • Facilitar a integración do alumnado no grupo e fomentar a súa participación nas actividades do centro.

  • Orientar ao alumnado dunha maneira directa e inmediata no seu proceso formativo.

  • Informar ao equipo de profesores do grupo de alumnos e alumnas das súas características, especialmente naqueles casos que presenten problemas específicos.

  • Coordinar o axuste das diferentes metodoloxías e principios de avaliación programados para o mesmo grupo de alumnos e alumnas.

  • Organizar e presidir as sesións de avaliación do seu grupo.

  • Favorecer o proceso de maduración vocacional orientando e asesorando o alumnado sobre as súas posibilidades académicas e profesionais.

  • Colaborar co departamento de Orientación do instituto nos termos que estableza a xefatura de estudos.

  • Colaborar cos demais titores/as e co departamento de Orientación no marco dos proxectos educativo e curricular do centro.

  • Orientar as demandas e inquedanzas do alumnado e mediar, en colaboración co delegado/a do grupo, ante o resto do profesorado, alumnado e equipo directivo nos problemas que se presenten.

  • Informar ao alumnado do grupo, aos pais e nais e ao profesorado de todo aquilo que lles afecte en relación coas actividades docentes e o rendemento académico.

  • Facilitar a cooperación educativa entre o profesorado e os pais e nais dos alumnos e alumnas.

  • Exercer, de acordo co proxecto curricular, a coordinación entre os membros do equipo docente.

  • Cubrir os documentos oficiais relativos ao seu grupo de alumnado.

  • Controlar a falta de asistencia ou puntualidade do alumnado, e ter informados aos pais e nais ou titores e ao xefe ou xefa de estudos.

  • Implicar ás familias nas actividades de apoio á aprendizaxe e orientación dos seus fillos e fillas.

  • Atender, xunto co resto de profesorado, aos alumnos e alumnas mentres estes permanecen no centro nos períodos de lecer.

No caso dos ciclos formativos de formación profesional o titor ou titora asumirá tamén, respecto ao módulo de formación en centros de traballo, as seguintes funcións:

  • Elaborar o programa formativo do módulo, en colaboración co responsable designado para estes efectos polo centro de traballo.

  • Avaliar o módulo, tendo en conta o informe do responsable designado por parte do centro de traballo sobre as actividades realizadas polos alumnos e alumnas durante o período de estadía nese centro.

  • Manter contactos periódicos co responsable designado polo centro de traballo, co fin de contribuír a que o programa de formación se axuste á cualificación que se pretende.

  • Atender no centro educativo aos problemas de aprendizaxe que presente o seu grupo de alumnos e alumnas e valorar de xeito continuado as actividades correspondentes ao programa de formación.

  • Informar sobre as peticións de validacións ou exencións formuladas polo alumnado do ciclo formativo.

  • Tramitar para o seu grupo de alumnos e alumnas a documentación relativa á formación en centros de traballo.

  • Axudar ao departamento na identificación da necesidade de colaboración de expertos, así como no calendario de intervención.

  • Propoñer, para a súa aprobación polo Consello Escolar, a distribución da asignación económica destinada a estas ensinanzas.

  • Informar á dirección do centro de todo o referente ao ciclo formativo.

  • Redactar a memoria final de curso, que se incluirá na memoria de centro.

Pola súa banda, o regulamento de réxime interno do IES Leixa matiza as seguintes funcións:

  • Informar e orientar aos alumnos/as na súa vida académica en xeral, en aspectos como a participación na elaboración dos seus calendarios de exames, a información sobre as programacións das distintas materias, as posibilidades de recuperación das materias pendentes (elaboradas polos departamentos), as condicións para a promoción de curso, continuación de estudos, reserva de praza, solicitude de becas, coñecemento dos seus dereitos e deberes e os documentos de centro, decisións ou medidas específicas sobre a vida académica, etc.

  • Estar informado/a e informar aos pais ou titores legais coa máxima axilidade posible das incidencias relacionadas coa vida escolar do alumno/a (faltas, alteracións da orde, avaliacións, marcha académica,...).

  • Comunicarse habitualmente cos profesores/as da xunta de avaliación para intercambiar información sobre a evolución e actitude dos alumnos/as do curso.

  • Dirixir e moderar as sesións de avaliación informando á xunta avaliadora das incidencias ocorridas no grupo así como da marcha académica xeral do grupo e individual dos alumnos/as.

  • Levar un seguimento da vida académica do alumno/a en coordinación coa xefatura de estudos, o departamento de Orientación e a xunta de avaliación.

  • Atender ás demandas do grupo a través do delegado/a ou subdelegado/a.

  • Presidir e moderar as eleccións de delegado/a e subdelegado/a.

 Actualizada o 22/11/2007