Cuestións das PAAU 2000/2004 - LITERATURA LATINA

  • Comedia (xuño 2005)
  • Os espectáculos teatrais en Roma (xuño 2005)
  • ¿Cal era a pretensión de Plauto coas súas comedias e de que medios se valía par lograr ese obxectivo?
  • ¿Que trazos distinguen o teatro de Terencio do de Plauto?. Cite algunha obra de ambos na que considere que se observa con maior nitidez a especificidade distintiva? (xuño 2006)
  • Enumere os personaxes típicos das comedias de Plauto e sitúeos nalgunha das comedias que lembre (xuño 2006)

 

  • ¿Que se entende cando se fala de Eneas como "pius" e en que momentos concretos da trama épica se mostra como tal? (setembro 2006)
  • ¿Cales son os elementos principais das bucólicas como xénero literario, cal é o tópico literario que lle serve de base, que nome mítico recibe o espazo ideal no que se moven os personaxes e a quen ían destinadas? (setembro 2006)
  • ¿Por que o tema das Xeórxicas de Virxilio interesa tanto aos romanos? (xuño 2006)
  • A historiografía romana: Livio e Tácito (setembro 2005)
  • Oradores romanos (xuño 2005)
  • O eclecticismo romano, coma corrente filosófica, está representado por Cicerón: ¿cales son os seus fundamentos teóricos? ¿Que problemas aborda e que cuestións fundamentais defende? (xuño 2006)
  • A literatura universal converteu en tópicos literarios expresións horacianas tales como: "aurea mediocritas", "collige virgo rosas", "beatus ille", "fortuna mutabilis". ¿Que sentido tiñan nos versos de Horacio, e que significan hoxe? (xuño 2006)
  • ¿Que se pode comentar dun texto literario? (setembro 2003)
  • A literatura latina ao servizo da idea política de Augusto (setembro 2004)
  • A literatura latina e o poder político: Virxilio, Horacio e Livio (xuño 2005)
  • O emperador Augusto reuniu a varios escritores para defender o seu ideal político, restaurar a antiga grandeza de Roma: ¿cales foron os máis significativos e con que obras? (setembro 2006)
  • En Roma houbo dúas correntes filosóficas de moito éxito, o epicureísmo e o estoicismo: ¿cales son as súas teorías básicas e as figuras máis representativas delas? (xuño 2006)
 
 

O teatro. Principais representantes (xuño2000, setembro 2001)

O TEATRO ROMANO

Xunto coa épica, o teatro é o xénero literario máis antigo da literatura romana. Xurdiu da adaptación dos esquemas dramáticos gregos. Os romanos puideron observar teatros de colonias gregas en Italia (Magna Grecia) e, atraídos pola súa fermosura, copiaron os esquemas da traxedia e da comedia, manténdoos con rigor.
Pero ademais destes grandes subxéneros teatrais, existían en Roma outras manifestacións dramáticas populares:

  • As atelanas. Son representacións baseadas na improvisación. Os actores, a partir dunha trama, ían dialogando sobre temas choqueiros e burlescos. Os personaxes adoitaban ser fixos e identificábanse cunha característica determinada: Maccus, o comellón ou lambón; Pappus, o avó inocentón; Dossenus, o xiboso intrigante; Buccus, o deslinguado farfallán...
  • Durante os xogos Fescenios tiñan lugar representacións de diálogos cheos de ironía. Os actores tapaban a cara con máscaras.
  • O mimo. Actores e actrices (pois aquí si podían intervir) representaban chanzas, situacións cómicas cargadas de erotismo.
  • A pantomima. Peza dramática, baseada na danza e na mímica, que era representada por un só actor que encarnaba os diferentes personaxes da obra.

Comedia latina

Baseada na comedia nova grega, toma os temas desta adaptados os costumes e ó carácter romanos. Os seus máximos representantes son Plauto e Terencio.

Plauto (254- 184 a . C.)

Considérase o autor cómico máis xenuíno da literatura romana. Iniciouse na dramaturxia como empresario teatral, ata que rematou arruinándose. Despois dedicouse a escribir comedias que el mesmo representaba, conseguindo grandes éxitos. Das cen comedias que se sabe que chegou a escribir so conservamos vinte. Destacan:

  • Anfitrión. Relata as aventuras de Xúpiter que, namorado de Alcmena, suplanta a personalidade do seu esposo, Anfitrión, facéndolle crer á moza que el é o seu marido que regresa da guerra.
  • A comedia da pota. Narra as peripecias dun vello avaro, que atopou unha pota chea de ouro.
  • Menecmes. Un personaxe busca o seu irmán xemelgo, a quen nunca viu, e vive numerosas aventuras ata dar con el.
  • Outras obras son: Miles Gloriosus , Pseudolus, Poenulus, Stichus, Vidularia...

A producción de Plauto caracterízase pola súa pouca complexidade, pois os argumentos das súas obras redúcense a esquemas moi semellantes, nos que non hai ningún tipo de reflexión filosófica; en cambio apréciase unha grande inspiración e un magnífico sentido do humor e do espectáculo.

Os seus personaxes son planos e constitúen unha sucesión de tipos que forman parte da sociedade romana: o avaro vello, o escravo astuto, o vividor... A través deles, Plauto reflicte con moito realismo o ambiente que o rodea.

Recolleu as inquietudes da sociedade romana do seu tempo. Nesta época, tiveron lugar grandes cambios coa chegada dos primeiros escravos a Roma trala segunda guerra púnica. De aí, o gran protagonismo destes nas súas obras. Aparecen reflectidos tamén os valores morais deste momento histórico: o respecto polos costumes, a desconfianza ante as paixóns amorosas, o sentido do deber cívico e a crítica ó xeito de vida dos gregos.

Plauto combina con gran facilidade todo tipo de rexistros da linguaxe: utiliza a lingua formalista da relixión e o Dereito romanos; non rexeita un certo lirismo en situacións onde se expresa o sentimento dos amantes; é inimitable á hora de reproducir a xerga dos escravos, creando novas palabras cunha intención burlesca, ou reproducindo insultos e alcumes para conseguir no espectador a impresión dunha lingua viva e real.

Finalmente, cabe destacar a alegría dos seus textos: alegría e vitalidade que amosan os seus personaxes, cando se atreven a burlarse de si mesmos ou do propio espectáculo, para que os espectadores se divirtan.

Terencio (190? -159 a . C.)

É moi hábil trazando un retrato detallado dos personaxes, máis refinados cós de Plauto, e utilizando unha linguaxe menos coloquial e máis elaborada. Algunhas das súas comedias son Adelfoi (Os dous irmáns), O eunuco, Hécira... Aínda que tamén os seus personaxes responden a unha tipoloxía determinada, a súa personalidade aflora na obra de xeito progresivo, isto é, son redondos.

O ton máis serio e aburguesado das súas comedias outorgoulle un éxito menor que a Plauto, aínda que a finais da República e durante o Imperio converteuse no autor dramático máis estudiado.

Traxedia latina

Segue tamén as premisas da traxedia grega, tomando dela especialmente os temas e os personaxes do ciclo troiano (guerra de Troia).

Séneca ( 2 a . C.-65 d. C.)

Este cordobés ilustre foi filósofo, escritor e político. Iniciouse como avogado no mundo da política e traballou con brillantez ata que, durante o goberno do emperador Claudio, foi exiliado a Córsega. No 49 d. C. Agripina quixo que volvese e confioulle a instrucción do futuro emperador Nerón. Séneca tivo moita influencia sobre o seu discípulo ata que este comezou a velo coma un estorbo. No ano 65, implicado na conxura de Pisón, puxo fin á súa vida cortando as veas.

A pesar de cultivar diversos xéneros, só conservamos algunhas traxedias e a maior parte dos seus escritos filosóficos.

Na producción dramática está moi presente a moral do autor, levada a unha énfase tráxica ata as súas últimas consecuencias. Séneca imitou os modelos gregos de Esquilo, Sófocles e Eurípides nas súas traxedias, pero conseguiu transformalos a través de efectos impresionantes e, mesmo, patéticos.

Os temas tratados relaciónanse preferentemente con dous ámbitos: o político e o filosófico. Nas súas obras amosa o descontento pola situación política da súa época e manifesta a tiranía do poder imperial. O seu pensamento filosófico, esencialmente estoico, medita sobre asuntos relacionados co destino inevitable do ser humano, cómo se cumpre e cómo nos debemos resignar.

Algunhas das súas traxedias son: Fedra, As troianas, Hércules furioso, Medea, Agamenón, Edipo, As fenicias.

    © Latín II. Editorial rodeira. A Coruña 2002


Partes do discurso oratorio. (xuño 2002)
O ensino da retórica en Roma. (setembro 2001)

PARTES DO DISCURSO ORATORIO

  • Ademais dos discursos máis perfectos, Cicerón deixounos as mellores obras sobre teoría oratoria.
  • De oratore e Orator, tratan da formación do orador e a técnica do discurso. Cicerón opina que o perfecto orador ten que ser unha combinación de tres factores:
    • disposición natural
    • cultura profunda e todo o extensa posible en todas as disciplinas (dereito, filosofía, historia...)
    • coñecementos da técnica do discurso. Esta técnica, que se ensinaba nas escolas de retórica, exponse con amplitude no De oratore e abrangue cinco puntos fundamentais:
      • inuentio, búsqueda de argumentos apropiados e probatorios.
      • dispositio, distribución de eses argumentos nun plan axeitado.
      • elocutio, arte de utilizar a expresión formal, as palabras e figuras máis convenientes.
      • memoria, para recordar cada cousa no lugar apropiado.
      • actio, que é todo lo relacionado co aspecto físico no momento de pronunciar o discurso, sobre todo os acenos e do ton da voz.
  • Partes do discurso:
    • exordium ou introducción;
    • narratio ou exposición do tema a tratar;
    • argumentatio, con dúas caras: probatio ou aportación dos argumentos, e refutatio o rexeitamento das obxeccións reais ou posibles;
    • peroratio o conclusión, destinada a gañarse ós xuízes e ó auditorio.
    • Cada unha destas partes esixía un método e unha técnica axeitados para acadar la finalidade de todo discurso, que non é outra que a de docere, delectare y movere. (instruír, agradar e convencer)

O ENSINO DA ORATORIA EN ROMA

Entre os romanos, o ensino superior, ó que só accedían os xoves pertencentes a familias acomodadas e con pretensións políticas, impartíase nas escolas de Retórica. Nelas, o rhetor ensinaba ós seus discípulos a técnica oratoria. Os alumnos compoñían, memorizaban e recitaban discursos sobre temas ficticios. O mestre corrixía a pronunciación, o ton de voz, os acenos e cantos defectos observase.

Estos exercicios escolares recibían o nome de suasoriae y controversiae .

  • As suasoriae, exercicios para principiantes, eran consultas imaxinarias feitas a personaxes famosos, históricos ou lendarios, que deben explicar as razóns que os levan a tomar unha decisión nun momento determinado.
  • As controversiae , en cambio, eran prácticas oratorias destinadas a alumnos de nivel máis avanzado e tiñan en xeral un contido xurídico. Contribuían a desenvolver la axilidade mental, a facilidade de palabra e a capacidade dialéctica do alumno e dábanlle a disciplina necesaria para expoñer os argumentos do modo máis axeitado. Eran o adestramento do futuro avogado ou político, que pronto tería que enfrontarse cos problemas da vida real. A súa formación completábase no Foro, onde tiñan ocasión de escoitar os discursos de oradores famosos.

Os romanos sentían verdadeiro entusiasmo pola oratoria. O pobo escoitaba extasiado, aplaudía con fervor ós oradores brillantes e participaba nas disputas entre as diferentes tendencias e estilos da retórica. Esta inflúe nos escritores; no caso dos historiadores, os discursos que poñen en boca dos seus personaxes constitúen un exemplo do que debía entenderse por un bo discurso.

Durante a época republicana, a liberdade de expresión nos debates públicos, tanto no senado como nas asembleas do pobo, fixo posible o florecemento do discurso político práctico.

A principios do século I a. C., Placio Galo abre en Roma unha escola de Retórica. Pouco despois, cara ó ano 80 a. C., Cicerón, na súa xuventude, escribe Sobre a invención; e a él foi atribuído, ata o século XV, o anónimo Retórica a Herennium. Ámbalas dúas obras inician unha tradición docente latina, que culminará na obra de Quintiliano no século I d.C. Nelas formúlase xa o principio básico sobre a arte de falar en público como servicio á comunidade cívica e fundaméntase tamén filosóficamente o exercicio da técnica retórica.

A importancia que os romanos daban á oratoria queda reflectida no costume de redactar de novo e publicar os discursos máis ou menos improvisados ante un público. Tal é o caso dos que conservamos de Cicerón, o home que personifica a oratoria romana. A influencia da súa técnica oratoria, que procurou plasmar nos seus tratados retóricos, foi inmensa na posteridade.

A implantación da dictadura por Xulio César e, despois, a instauración do réxime imperial, coa conseguinte desaparición do debate político, fixeron enmudecer ó senado e ó Foro. Morre, pois, a oratoria parlamentaria, quedando vixente a xudicial. A Retórica refúxiase nas escolas, para formar nelas ós xoves no bo gusto literario e preparalos para ó acceso ó funcionariado da burocracia imperial, pero continúa a súa acción ó servicio dos tribunais.

PERÍODOS E PRINCIPAIS AUTORES DO XÉNERO ORATORIO

Época arcaica

  • Antes do século II a. C. Laudationes funebres (discursos fúnebres), escritos por diversos personaxes ilustres en memoria dun ser querido.
  • Durante o século II a. C. O contacto coa cultura grega, trata conquista do país por parte dos romanos ( 146 a . C.) consolida a oratoria romana, cando rétores gregos abren as primeiras escolas de retórica en Roma.
  • Destaca nesta época Marco Porcio Catón (234- 149 a . C.), considerado a conciencia social da Roma republicana.

Época clásica

  • Predominan dúas escotas: a asiática, de estilo recargado, períodos longos e grandilocuentes; e a ática, que aposta pola austeridade e a sobriedade.
  • Marco Tulio Cicerón (Marcus Tullius Cicero, 10643 a . C.) Discursos: Pro Archia poeta (En defensa do poeta Arquia), In C. Verrem (Contra Verres), In L. Catilinam (As Catilinarias)...

Época posclásica

  • O réxime imperial, coa supresión das liberdades, incide negativamente na vida política romana e, por conseguinte, na oratoria pública. Esta queda relegada á práctica literaria e académica das escolas de retórica.
  • O hispano Quintiliano (M. Fabius Quintilianus, 35?95? d. C., aproximadamente) escribiu a Institutio oratoria, un programa de instrucción do novo orador desde a infancia ata o cume da súa Carreira.

MARCO TULIO CICERÓN (106- 43 a . C.)

Naceu en Arpino, unha pequena cidade do Lacio. Pertencía a unha familia de clase media, e desde moi novo, recibiu unha formación completa en Roma.

No ano 77 a . C. marchou a Grecia para traballar con Molón de Rodas, un mestre que lle axudou a perfeccionar o ton da súa elocuencia. O cabo de dous anos regresou a Roma, e a partir daquela levou a cabo unha brillante carreira: adquiriu unha gran reputación e clientela como avogado, e iniciouse na política, que culmina no ano 63 a . C. ó ser proclamado cónsul.

Durante o seu mandato descubriu e abortou a conxura de Catilina, feito que o levou ó cume da súa actividade política. Tralo asasinato de César, Cicerón creu que a República podería ser restaurada de novo e coas súas famosas Filípicas atacou a Marco Antonio, que pretendía continuar co legado de César. Con esta actuación asinou a súa sentencia de morte: Cicerón foi declarado proscrito e o 7 de decembro do 43 a . C., descuberto mentres fuxía, morreu valentemente.

Cicerón responde ó perfil dun honre moi vital. Efectuou un enorme traballo como político, avogado e escritor, renovándose decote en enxeño e recursos. Con tendencia ó entusiasmo e ó desánimo coa mesma facilidade, gozou de todas as facetas da súa vida sen deixar de elaborar unha producción literaria que abrangue a epistolografía, a oratoria e a retórica, así como a obra filosófica.

Obra oratoria e a retórica de Cicerón

Gracias ó concepto de Cicerón sobre a oratoria como xénero literario, puidemos conservar a maior parte dos discursos pronunciados na súa vida xudicial e política. Cicerón preparaba moi a fondo o plan do seu discurso, redactaba certas partes do mesmo; de seguido, pronunciábao, analizando a actitude dos asistentes nos diversos momentos do proceso e, finalmente, tomaba notas do discurso pronunciado e reelaborábao dándolle un carácter literario máis evidente. Esta é a relación dos máis coñecidos:

  • Discursos xudiciais, pronunciados perante un tribunal en defensa de alguén (Pro...) ou contra alguén (In...): Pro Archia poeta ( 62 a . C.), In C. Verrem ( 70 a . C.)
  • Discursos políticos, pronunciados no foro ou no Senado: In L. Catilinam ( 63 a . C.), In M. Antonium orationes Philipicae (44- 43 a . C.)

Cicerón tamén escribiu tratados teóricos de retórica, nos que expoñía os seus puntos de vista sobre o xeito de compoñer un discurso, e os coñecementos que debe posuír un orador. As súas obras máis importantes son:

  • De oratore ( 55 a . C.), que trata sobre a formación do orador e os criterios de proporción que debe manter un texto.
  • Brutus ( 46 a . C.), historia da elocuencia romana.
  • Orator ( 46 a . C.), retrato do orador ideal.

Obra epistolográfica

A epistolografía é un xénero literario que se escribe en forma de carta, dirixida a unha persoa coñecida, a lectores indeterminados ou a personaxes de ficción.

Convertido xa en xénero literario, a carta evolucionou ata superar os límites da propia comunicación. Presentaba unha estructura formal na que se aprecia a influencia de xéneros literarios distintos: a carta filosófica ou a poética, que en realidade é un tratado filosófico ou un poema. Coa estructura de carta, búscase un destinatario máis directo e un xeito de expresión breve que permita tratar calquera tema de pequena extensión.

Nepote, amigo de Cicerón e de Ático, di das cartas de aquel a este que “léndoas, non se bota de menos unha historia da época. Teñen polo tanto un gran valor biográfico e histórico.

O estilo destas cartas, fronte ó dos discursos, é familiar, conversacional, con abundantes termos e citas en grego, cunha sintaxe menos rigorosa e máis solta. Distínguense varias coleccións de cartas:

  • Epistulae ad familiares
  • Epistulae ad Atticum
  • Epistulae ad Quintum Fratrem
  • Epistolae ad M.Brutum

Obra política e filosófica

Despois da súa axitada vida política, Cicerón, cando Pompeio, de quen era partidario, foi derrotado por César na guerra civil, retirouse á vida privada e escribiu a maioría das súas obras filosóficas, agás as obras de filosofía política, redactadas con anterioridade.

  • Obras políticas: busca nelas o modelo de goberno ideal e reflexiona sobre os fundamentos do Dereito, as institucións relixiosas e as institucións políticas.
    • De legibus e De republica:
  • Obras filosóficas: Expón nestas obras as ideas epicúreas, estoicas e outras pertencentes a diversas correntes filosóficas da época.
    • De finibus bonorum et malorum, de natura deorum, de oficiis, de divinatione, etc.

Características da lírica (xuño 2003, setembro 2003)
¿Que nomes de autores líricos coñeces? (xuño 2003, setembro 2003)

A LÍRICA

  • O nome deriva da palabra grega lyros, que era un instrumento musical de corda co que se acompañaban os poetas.
  • Agrúpanse neste xénero todas as composicións poéticas que expresan emocións e sentimentos. De feito, o xénero xurdiu ó abeiro de danzas e melodías e, a medida que se foi desprendendo destas, volveuse máis complexo e intenso. Así, o baleiro musical compensábase coa perfección no uso das palabras.
  • Aínda se poden percibir nos nomes das composicións poéticas as reminiscencias musicais do inicio: balada, de bailare ('bailar'); soneto, de sonitus (`son', `nota musical'); oda, de odé ('canción'); salmo, de psalmus ('música de arpa')...
  • Algúns dos principais subxéneros líricos son:
    • Égloga: Nunha paisaxe idílica, rodeados dunha natureza idealizada, uns pastores dialogan sobre temas xeralmente amorosos; tamén rivalizan para demostrar quén é mellor músico e poeta.
    • Elexía: Segundo modelos gregos, nos que a elexía servía para tratar temas sociais e políticos, os autores latinos introduciron outros temas referidos ó amor, á vida e á morte.
      • Propercio, Tibulo, Catulo e Ovidio son os máximos representantes.
    • Epigrama. Orixinariamente, os epigramas eran inscricións funerarias breves (de dous a oito versos) que se gravaban en monumentos. Máis tarde, tratáronse nestas composicións temas diversos: ofrendas a unha divindade, louvanzas a persoas finadas, expresións de sentimentos amorosos, sátiras e burlas...
      • Marcial escribiu moitos textos deste tipo.
    • Oda. É unha composición de tema elevado a través da cal o poeta expresa os seus sentimentos e as súas reflexións sobre asuntos relacionados coa vida, a natureza, con algún personaxe relevante dunha época...
      • Horacio é o poeta máis destacado.

©Latín II – Editorial Rodeira 2002


Características da elexia. (xuño 2002)
¿Coñeces o nome dalgún elexiaco latino? (xuño 2002)

A ELEXÍA

En Grecia considerábase elexía ós poemas escritos en dísticos elexíacos, é dicir, versos nos que se alterna un hexámetro e un pentámetro. Constitúe un subxénero dentro da lírica, no que se expresaban lamentos fúnebres, louvanzas, exaltacións patrióticas. Xa no século III a.C. os poetas alexandrinos gregos empezaban a compoñer elexías de tema amoroso, pero non persoal, como faría logo Catulo no seu poema docto "A cabeleira de Berenice", adaptación dun poema de Calímaco.

A elexía romana presenta unha característica diferenciadora: é unha elexía de tema amoroso e persoal. Máis tarde, con Ovidio, aparecerá a poesía dolorosa, que se converterá na poesía elexíaca tal como a entendemos nos tempos modernos.

Autores

  • Catulo. Viviu unha vida curta e apaixonada coma a vitalidade que expresan as súas composicións. Deixou unha serie de poemas de amor que se converteron en modelo para as literaturas modernas.
  • Tibulo. Baixo o epígrafe de Corpus Tibullianum escribe catro libros de elexías nas que evoca o amor e a natureza cun único desexo: vivir so no campo coa persoa amada, lonxe da guerra.
  • Propercio. Escribe Elegiae, catro libros de elexías de temas diversos: sentimentos amorosos, lamentos fúnebres, eloxios e lendas itálicas.
  • Ovidio.
    • Elexía amorosa: Amores, Ars amandi, Remedia amoris.
    • Elexía dolorosa: Tristia, Epistulae ex ponto.

©Latín II – Editorial Rodeira 2002


Características do xénero epigramático. (setembro 2002)
¿Que podes comentar sobre os Epigramas de Marcial? (setembro 2002)

O EPIGRAMA

A palabra epigrama significa “inscrición en verso”.

En Grecia os epigramas máis antigos gravábanse en lápidas funerarias, compostos de maneira que suxerían que o defunto dirixíase directamente ó lector, cun estilo lacónico e austero. A partir de aí os epigramas pasan a ser sinónimo de poemas breves pero intensos, inspirados por un acontecemento singular, serio ou trivial. Calquera que fose o tema o esencial era a brevidade e a elegancia na expresión. O refinamento final do epigrama, que hoxe resulta o seu trazo característico, é un inesperado ton burlesco- un xogo de palabras ou un paradoxo- nas últimas palabras.

En Roma o epigrama pasou de ser poesía breve a converterse en poesía audaz. Mantén un carácter frívolo, desenfreado e mordaz, pródigo en ataques persoais e ironía. Son pequenas composicións agresivas, cheas de inxenio, cáusticas, que rematan cun dardo ferinte no último verso.

Cultivado xa por Catulo no século I a.C. , con epigramas de amor e odio, o mestre indiscutible é Marcial, que describiu con grande ironía todo tipo de detalles sobre a vida romana do seu tempo.

Marcial

Vida
Naceu en Bílbilis, na Tarraconensis, pero rematou os seus estudios en Roma. Foi amigo de Quintiliano e de Plinio O Mozo. Despois de vivir trinta anos en Roma volveu a Hispania para asentarse nunha quinta doada por unha admiradora. Pero sempre tivo saudade da vida da Urbs.

Obra
Atribúenselle uns 500 epigramas, en quince libros. No primeiro (Liber de spectaculis) o poeta celebra as maravillas do anfiteatro Flavio (O Coliseo). Os dous últimos (Xenia e Apophoreta) só conteñen uns lemas, de dous versos cada un, consistentes en dedicatorias, que acompañaban ós regalos feitos ós amigos ou invitados nas festas Saturnales. Despreza a temática mitolóxica, e sente especial inclinación por describir o home e a muller romanos coas súas virtudes e os seus defectos. Por este motivo, a súa obra é un retrato das clases sociais, das paixóns do pobo, dos vicios e dos costumes dos seus habitantes.

©Latín II – Editorial Rodeira 2002
Diccionario de Literatura clásica Alianza Editorial.


Características da sátira latina. (Xuño 2003)
Indica o nome de algún autor satírico latino (Xuño 2003)

A SÁTIRA

Quintiliano reivindicaba a sátira como algo totalmente latino (“satura quidem tota nostra est”), aínda que se poden atopar elementos satíricos na literatura grega, por exemplo nas comedias de Aristófanes.

Foi un logro romano o feito de desenvolver a sátira coma xénero literario aparte, caracterizado pola variedade de temas e forma (diálogo, fábula, versos de metros diversos, combinación de verso e prosa, etc.)

O obxectivo da sátira, que xa de por si significa “miscelánea” e aplicábase ás mesturas de todo tipo, non é facer reír, senón dar leccións morais, dirixir a vida dos homes; busca a ética práctica, baseándose na censura dos vicios sociais, unha censura envolta en ironía, acritude e indignación.

Autores

  • Lucilio (180- 105 a .C.). Pertencía ó círculo de Escipión. Foi el quen desenvolveu este xénero literario, no que logrou combinar a burla ferinte coa lección moral. Nelas censura a maxistrados que se venden, a poetas que imitan demasiado ós gregos, a nobres ineptos, etc. A súa moral é a do sentido común e a sabedoría popular. O seu estilo é realista e mordaz.
  • Horacio. As Sátiras de Horacio, escritas no 30 a .C, presentan un ton máis xenial, sen conter as perigosas invectivas contra individuos ou vicios serios, e presentan trazos autobiográficos.
  • Persio (34- 62 a .C.). Sátiras de moral estoica sen ataques directos a persoas.
  • Xuvenal (65-128 d.C.). Denuncia o vicio e a extravagancia da súa época.

© Latín Anaya. Madrid 1989
Diccionario de Literatura clásica Alianza Editorial.


Caracteristicas do xénero historiográfico. (setembro 2002)
A historiografía romana: César e Salustio. (setembro 2000)
César e Tito Livio, historiadores romanos. (xuño 2002)

A HISTORIOGRAFÍA ROMANA

Naceu en Roma como imitación dos historiógrafos gregos. Trátase dun xénero literario no que se pretende facer compatible a narración de sucesos históricos coa fermosura da linguaxe. Os seus principais representantes son: Catón, Xulio César, Salustio, Tito Livio, Tácito e Suetonio. Na época decadente contamos con Floro, Eutropio, Amiano Marcelino, e os autores da Historia Augustea.

Períodos

  • Época decadente (II - IV d.C.)
    • Neste momento, o xénero da historia caracterízase por ser unha compilación e un resumo das obras históricas de períodos anteriores, materia atractiva para un público que buscaba a distracción na lectura de temas históricos.
    • Autores: Floro, Eutropio, Amiano Marcelino, autores da Historia Augustea.

AUTORES

Catón (M. P. Cato, 234- 149 a . C.).

  • Origenes (Orixes): obra composta de sete libros dos que so se conservan fragmentos. Recolle a historia de Roma desde a súa fundación, relata as guerras púnicas e explica feitos contemporáneos.

Caius lulius Caesar (100- 44 a . C.)

Vida
Caius Iulius Caesar naceu no seo da familia Iulia, considerada descendente do heroe troiano Iulus. Iniciou a súa carreira política desde moi novo e desempeñou diversas maxistraturas: foi elixido cónsul no ano 59 a .C.; no 58 a .C. foi propretor da Galia cisalpina e transalpina... Participou no primeiro triunvirato da República romana, xuntamente con Craso e Pompeio, e rematou enfrontándose a este último,nunha guerra civil. Vencido Pompeio, César proclamouse dictador no ano 45 a .C. e no ano 44 a . C., morreu asasinado o mesmo día en que ía ser nomeado emperador. César non pode ser considerado un historiador no sentido estricto do termo, xa que a súa obra non foi estructurada coa intención de divulgar a verdade dos feitos nos que se viu involucrado, senón que pretende xustificar os seus actos e defenderse ante as críticas e acusacións dos seus coetáneos.

Obra literaria
A obra historiográfica de César recóllese nun conxunto de notas, denominadas Comentarii (“comentarios”), nas que narra as súas peripecias na campaña das Galias (De bello Gallico), e os sucesos acaecidos durante a guerra civil contra Pompeio (De bello civili). Redactou estes comentarios a partir dos informes técnicos elaborados polos seus soldados, dos informes que el mesmo lle enviaba ó senado e de apuntamentos persoais sobre as campañas. Neles destacan pasaxes que reflicten os costumes dos pobos cos que entrou en contacto, e describe con precisión os lugares onde transcorreron os conflictos bélicos.

Estilo.
Os Comentarii caracterízanse pola vivacidade do relato, son pasaxes extensas, nas que se procura unha pureza da lingua, non afectada por vulgarismos, arcaísmos nin estructuras poéticas. Destaca o uso da terceira persoa narrativa, recurso literario usado por César para ofrecer unha versión única dos acontecementos. Co distanciamento proporcionado por esa terceira persoa, César desbota outros argumentos e ofrece a súa visión como a definitiva.

Vocabulario.
É sobre todo militar. Algúns dos termos e expresións máis frecuentes son: acies (tropa formada en orde de batalla); aciem instruere (dispoñer o exército en orde de batalla); agmen (exército en marcha); auxilia (tropas auxiliares); castra (campamento); concilium (asemblea); consilium (consello de guerra); copia (víveres, haberes); copiae (tropas); eques (xinete); equitatus (a cabalería); frumentum (trigo); re frumentaria (provisión de trigo); ius dicere (pronunciar unha sentencia); hiberna (castra) (campamento de inverno); legatus (embaixador); legio (lexión); manus (tropa); passus (paso, para indicar distancia); pedes (soldado de infantería)...

Construccións e expresións.
Prima luce
(ó amencer); summis copiis (con todos os efectivos); contione habita (reunida a asemblea); pro tempore et pro se (segundo o tempo e as circunstancias)...

Caius Sallustius Crispus (86- 35 a . C.)

Vida
Naceu no seo dunha familia plebea que residía en Amiterno (Sabinia). Foi amigo de César e protagonizou unha rápida carreira como maxistrado, chegando a ser procónsul de Numidia (provincia africana). Viviu a crise do final da República e na súa vellez converteuse en cronista dos feitos vividos.

Velaquí as súas obras:

  • A conxura de Catilina (Bellum Catilinae ou CatiIina). Trata sobre feitos ocorridos no ano 63 a . C., con lembranzas de feitos anteriores. Céntrase na conxura contra o goberno organizada por un nobre empobrecido, Catilina, que non chegou a triunfar.
  • Iugurtha (Bellum lugurthinum). Narra a guerra de Numidia (anos 115- 111 a . C.). Este reino, situado na actual Alxeria, foi aliado de Roma, pero Iugurta, sobriño do rei Micipsa, enfrontouse con Roma e foi vencido.
  • Historias (Historiae). Soamente se conservan algúns fragmentos. Orixinariamente, narraba feitos desde a morte de Sila ata o triunfo de Pompeio.

Tomando como modelo o historiador grego Tucídides, Salustio escolma os acontecementos que poidan suscitar maior interese (feitos, biografías, anécdotas...). A través do uso do discurso pon de relevo grandes personalidades e preséntaas. Este recurso permite ademais amosar o sistema político do momento e preparar dunha forma natural o desenlace dos feitos.

Titus Livius (Tito Livio, 59? a. C.-17 d. C.).

Escribiu unha obra moi extensa, composta por 142 libros: Libros desde a fundación da cidade (Ab urbe condita libri). Estaban agrupados en décadas ou grupos de dez. Da totalidade da obra, só se conservan 35 libros: a primeira década, na que explica a historia de Roma desde as súas orixes ata a primeira guerra contra os samnitas (ano 239 a . C.); a terceira década, na que relata a segunda guerra púnica; e a cuarta década e parte da quinta, onde se recrean sucesos posteriores á segunda guerra púnica (ata o 167 a . C.).

P. Cornelius Tacitus (P. Cornelio Tácito, 55-120 d. C.).

A súa carreira de funcionario imperial permitiulle ser testemuña de excepción da fin da dinastía Claudia, do período de transición e da chegada ó poder da dinastía dos Antoninos. O remate da súa carreira política, retirouse a escribir sobre os acontecementos vividos. Nas súas obras Anais e Historias (Annales, Historiae), pódese observar o interese que amosa por estar ben documentado e por ser imparcial. A descrición psicolóxica das grandes personalidades da historia de Roma é un trazo característico da súa producción.

C. Suetonius Tranquillus (C. Suetonio Tranquilo, 70-140 d. C.).

Secretario do emperador Adriano, puido coñecer desde dentro os segredos da historia imperial. Escribiu a obra As vidas dos doce césares (De vita caesarum), un conxunto de doce biografías, desde César a Domiciano, onda se explican detalles de todo tipo sobre a vida pública e a privada destes personaxes.

Floro: (século II d.C.).

Escribiu dou libros nos que se condensa a producción de Tito Livio.

Eutropio: (século IV d.C.).

Resumiu a historia de Roma na súa obra Breviarium ab urbe condita. É un escrito de estilo moi sinxelo, polo que se utilizou como obra de estudio, especialmente na Idade Media.

Amiano Marcelino (s. IV d.C.)

Escribiu os 31 libros dos feitos, que abranguen dende o ano 96 d.C. ata o 378 d.C.

Historia Augustea (finais do s. IV d.C.)

Colección de biografías dos emperadores e personalidades do seu contorno, dende Adriano (117) ata Numeriano (284). Crese que foi composta por seis autores diferentes.

©Latín II – Editorial Rodeira 2002

¿Que nomes de historiógrafos latinos coñeces? (Setembro 2002)

Época arcaica

  • Catón (M. P. Cato, 234- 149 a . C.).
    • Origenes (Orixes): a historia de Roma desde a súa fundación, relata as guerras púnicas e explica feitos contemporáneos.

Época clásica

  • Xulio César (C. Iulius Caesar, 100- 44 a . C.)
    • De bello Gallico (Sobre a guerra das Galias) e De bello civili (Sobre a guerra civil, na que se enfrontou a Pompeio).
  • Salustio (C. Sallustius Crispus, 86- 35 a . C.).
    • Catilina (sobre a conxura de Catilina durante o consulado de Cicerón) e Bellum Iugurthinum ou Iugurtha (conflicto bélico no reino de Numidia).

Época posclásica

  • Tito Livio (Titus Livius, 59? a. C.-17 d. C.).
    • Ab urbe condita (historia de Roma desde a súa fundación ata o ano 9 a . C.).
  • Tácito (P. Cornelius Tacitus, 55-120 d. C.)
    • Historiae (historia de Roma desde o reinado de Galba ata o de Domiciano) e Annales (desde o mandato de Tiberio ata Nerón).
  • Suetonio (C. Suetonius Tranquillus, 70-140 d. C.).
    • De vita caesarum (vida dos doce cesares). Conxunto de biografías dende César ata Domiciano, onde se explican detalles de todo tipo sobre a vida pública e privada destes personaxes.

Época decadente (II - IV d.C.)


Características da épica latina. (setembro 2003)
A Épica: Virxilio. (xuño 2000)

A ÉPICA

Características xerais

  • A palabra grega epos significa “narración”. A poesía épica é aquela que narra as fazañas de heroes históricos ou lendarios. Por este motivo, tamén recibe o nome de poesía heroica.
  • A épica como xénero literario xorde da admiración que o poeta sente ante personaxes de influencia colectiva, por oposición á lírica, que nace da necesidade de expresar sentimentos amorosos de tipo persoal.
  • Neste xénero, normalmente o autor non acostuma adoptar unha posición obxectiva, porque recolle fazañas de heroes propios da súa cultura e demostra a admiración que lles profesa.
  • As características principais que identifican a épica como xénero son:
    • A súa orixe. Na maior parte das culturas, a épica comezou sendo oral e cantada, feito que non se produce no caso da épica latina.
    • A forma. Sempre está escrita en verso e emprega unha versificación maxestosa e lenta. Así, nas literaturas grega e romana, os poetas servíronse do hexámetro.
    • O tema. Normalmente, a épica canta as victorias e as fazañas dos seres heroicos máis recoñecidos por unha comunidade. Na épica grega, modelo da latina, narráronse as fazañas e aventuras dos heroes gregos e troianos que se enfrontaron na guerra de Troia (A Ilíada e a Odisea).
    • Figuras heroicas. Encarnan os valores morais e as actitudes sociais máis prezados pola cultura que os creou.
    • Figuras retóricas. Sendo a épica un xénero de tradición oral, utilizábanse unhas fórmulas, que lle permitían ó rapsoda (o que relataba o poema épico) unha mellor memorización do texto. Adoitan ser versos enteiros ou partes de verso que se repiten sobre un mesmo esquema métrico, e que serven como epítetos que caracterizan personaxes humanos ou divinos. Tamén os símiles ou as comparacións, moi frecuentes neste tipo de obras, indican o paso dun episodio a nutro e imprímenlle plasticidade e viveza á narración, ademais de relaxar a atención tras momentos dunha tensión especial (narración dun combate, por exemplo)

VIRXILIO

P Virgilius Maro naceu no ano 70 a .C. no norte de Italia e viviu no seo dunha familia de clase media. Tras estudiar varios anos en Milán e Roma, descobre que non sente vocación pola retórica e vai a Nápoles estudiar filosofía co epicúreo Sirón.
Despois do éxito da súa primeira obra de envergadura, Bucólicas (anos 44- 43 a . C.), regresa a Roma e logra entrar nos círculos literarios de Mecenas e Augusto, e identifícase cos seus proxectos. Apoiado por este, escribe as Xeórxicas e despois a Eneida, que lle levou dez anos.
Antes de acabala quixo visitar os escenarios nos que transcorría o poema, e iniciou así unha viaxe por Grecia e Asia Menor. Caeu enfermo a medio camiño e foi trasladado a Italia, onde morreu sen concluír o poema.
Ordenou antes de morrer que esta obra fose queimada, pero os seus amigos non lle fixeron caso e publicárona tal e como el a deixara, con algúns versos incompletos, coa autorización do emperador Augusto.

A Eneida

  • Por encargo do emperador Augusto, Virxilio escribiu a Eneida, considerada a epopea nacional de Roma.
  • Este poema épico é producto dun só autor, e non recolle diversas versións orais, senón que se elaborou como unha síntese da Odisea e mais da Ilíada de Homero.
  • Foi escrita en hexámetros e distribuída en doce libros, cunha estructura argumental que segue os poemas de Homero: nos primeiros seis libros nárranse as peripecias de Eneas na súa viaxe de Troia a Italia, ó xeito da Odisea homérica; nos seis últimos, en cambio, relátanse os conflictos que precisou superar ata que puido establecer a paz na comarca de Alba Longa, tal e como ocorre no sitio narrado pola Ilíada.
  • A Eneida presenta elementos propios da épica tradicional (o uso de símiles e comparacións, as fórmulas, o uso de arcaísmos...) que lle confiren o vigor heroico e a solemnidade características dun poema épico.
  • Ademais, o tema responde ás características do xénero: todo sucede pola ira da deusa Xuno, que se manifesta ó comezo da obra e que non se aplaca ata o remate.
  • Sen embargo, son moitas as novidades que Virxilio lle outorga ó poema. Desta forma, transfírelle a modernidade suficiente como para que aínda teña un grande atractivo entre os lectores actuais. Así destacan as seguintes:
    • Uso da profecía. A través de diversas profecías que se inclúen no relato, Virxilio introduce os grandes momentos da historia romana, que lle permiten loar a Augusto, en quen se cumpren todos os agoiros proféticos.
    • Habilidade na descrición de personaxes. A raíña Dido reúne os trazos propios dunha heroína tráxica; Turno, rival de Eneas no Lacio, é o antagonista. Hai, ademais, en toda a obra unha longa lista de personaxes que responden a todo tipo de tópicos sociais.

¿Qué nomes de autores épicos latinos coñeces? (setembro 2003)

PRINCIPAIS AUTORES DE POESÍA ÉPICA
Época arcaica

  • Destaca unha serie de autores que imitaron as estructuras da épica grega, adaptándoa ós temas xenuínos do pobo romano. Son os seguintes:
    • Livio Andrónico. Escribiu Odussia (Odisea). Está considerado o primeiro poema épico romano. Trátase dunha transposición da Odisea de Homero ó ámbito latino.
    • Gneo Nevio. A súa obra Bellum poenicum (Guerra púnica) é o primeiro libro orixinal na épica romana. Reflicte un feito histórico contemporáneo do autor: a primeira guerra púnica.
    • Ennio. En Annales (Anais) narra a historia de Roma desde as súas orixes. Ennio foi, ata a chegada de Virxilio, o poeta nacional romano por excelencia.

Época clásica

  • Despois do período de crise profunda que vive Roma durante o final, da República, o goberno de Augusto propón unha rexeneración moral da sociedade romana.
    A obra poética de Virxilio contribúe á exaltación destes valores morais da Roma arcaica. Magnifícanse os heroes romanos que encarnan estes valores. Os autores máis significativos da épica latina desta época son:
    • Virxilio. Escribe a Eneida, poema épico-heroico que narra o periplo do heroe troiano Eneas. Este foxe da súa cidade, ó ser arrasada polos gregos, e chega ó Lacio onde, despois de loitar con diversos inimigos, logra funda-la nova Troia, por orde dos deuses.
    • Ovidio. O seu poema épico-mitolóxico, Metamorfose, de ton máis superficial có anterior, relata os cambios de forma que sufriron diversos personaxes.
    • Lucano. A Farsalia, poema épico-histórico, narra os acontecementos da guerra civil entre os xenerais Xulio César e Pompeio.

Época posclásica

  • As epopeas latinas posteriores pecan de excesiva retórica e ornamento. Mencionaremos os seguintes autores e obras (século I d. C.):
    • Silio Itálico (Púnica)
    • Valerio Flaco (Argonáuticas)
    • Papinio Estacio (Tebaida e Aquileida)
  • © Latín II. Editorial rodeira. A Coruña 2002