Cuestións das PAAU 2000/2004 - A ROMANIZACIÓN

  • A romanización de Galicia (xuño 2000)

  • As diferentes operacións militares na Gallaecia romana (setembro 2000)

  • Restos arqueolóxicos da Galicia romana (xuño 2001)

  • Roma na Gallaecia: a integración da cultura castrexa no mundo romano (xuño 2001, setembro 2001)

  • Algún vestixio na Gallaecia da antiga presencia de Roma (setembro 2003)
  • O legado de Roma en Galicia: indica cidades destacadas na "Gallaecia" romana (setembro 2004)
  • Roma en Galicia (xuño 2005)
  • Na administración romana, Lucus Augusti ¿era un "municipium" o unha "colonia"? Explique o sentido de ambos termos (xuño 2006)
  • Pegadas da cultura e da administración romanas en España (setembro 2000)

  • A organización administrativa da Hispania romana (xuño 2001)

  • División administrativa de Hispania nas tres fases da romanización (setembro 2006)
  • O legado de Roma en Hispania (xuño 2004)
  • A arquitectura romana para o ocio: restos en Hispania (setembro 2004, xuño 2006)
  • Esquema dunha cidade romana tipo tomando como referencia Itálica ou Tarraco (setembro 2004)
  • As principais cidades romanas de Hispania (setembro 2005)
  • A rede viaria na Roma Antiga (xuño 2000, setembro 2000)

  • O sistema viario romano e as comunicacións terrestres (xuño 2005)

  • O comercio de Roma coas provincias (xuño 2001)

  • Vestixios da rornanización nos depósitos arqueolóxicos e museos (setembro 2002)
  • Fala dos restos arqueolóxicos romanos que ti coñezas (xuño 2005)
 

As diferentes operacións militares na Gallaecia romana (setembro 2000)

  • 139 a . C.: Quinto Servilio Cepión, despois de perseguir a Viriato e ós lusitanos, ataca ós vetóns e mais ós galaicos.
  • 137 a . C.: Décimo Xunio Bruto, dentro dunha operación de castigo ós lusitanos, ataca ós galaicos que lles foran acudir. Bruto marcha do Texo cara ó N. Entre os episodios desta guerra témo-la famosa batalla do 9 de xuño preto do Douro na que venceu a un exército de 60.000 galaicos, matando a 50.000, prendendo a 6.000 e fuxindo 4.000; cifras moi redondas para seren certas, pero que dalgunha maneira se confirman coa posterior entrada triunfal de Bruto en Roma, co título excepcional que lle concederon (Gallaicus) e coa.posterior construcción dun templo conmemorativo. Bruto parece se-lo primeiro romano que cruza o Limia (que aparece tamén cos nomes de Lethes, Oblivio e Belión); interpretado como "río do esquecemento", os soldados néganse a cruzalo; Bruto cruza so e dende a outra beira chama ós soldados polo seu nome, demostrándolles que non se esquecía nada. Bruto non chega a cruza-lo Miño, do que parece deducirse que o territorio galaico inicial estaba ó S. deste río. Someteu -din os textos- tódolos pobos da Gallaecia e non se retirou ata contemplar un solpor no mar con certa sensación de sacrilexio. Fundou Valentia (¿Valenca do Minho ou Valencia?) para asentar ós veteranos da guerra contra Viriato.

    Algúns castros do N. de Portugal (Sabroso e Sta. Luzia) ofrecen indicios de destrucción nesta época. Para Roma os resultados probables destas dúas campañas son o coñecemento do territorio e os contactos comerciais.
  • 96- 94 a . C.: Publio Craso, pai do triunviro, estando de pretor na Ulterior, vén na percura das Illas Cassitérides ou Illas do Estaño. Comproba, polo visto, a riqueza mineral e mailo carácter pacífico dos habitantes.
  • 61- 60 a . C.: Caio Xulio César, perseguindo ós lusitanos, chega ás costas galaicas e provoca a rendición de Brigantium. Parece que consegue dous obxectivos: a sona persoal e mais unha notable riqueza que sanea a súa economía e tamén en parte o erario romano. Axiña ía corre-la lenda branca dunha Gallaecia rica (dives Gallaecia) en ouro (Gallaicum metallum). As xoias castrexas que conservan os museos, maiormente os galegos, e a posterior macroindustria aurífera que montaron aquí os romanos, confirman esta riqueza.

    O resultado destas operacións debeu de se-lo coñecemento dos recursos mineiros e das técnicas artesanais indíxenas de explotación, a entrada deste territorio nos circuitos comerciais romanos (nos castros costeiros, dende a Coruña ó Trega, aparece cerámica da Campania que se data antes do 45 a .C.) e posiblemente unha relativa ou parcial sumisión ó poder romano.
  • 29- 23 a . C.: Caio Xulio César Octaviano, iniciador do principado, e que no 27 la recibi-lo título de Augusto, decide compromete-lo seu prestixio político na única guerra que vai dirixir persoalmente: o ataque definitivo ó derradeiro núcleo de resistencia que Roma atopa en Hispania: cántabros, ástures e galaicos.
    A guerra vai durar aproximadamente dez anos e non está claro o papel que nela corresponde á resistencia galaica, que, de tódalas formas, posiblemente non supera o ano 23 (Cfr. Un. XXII, Textos Iniciais). Octaviano dispón tres columnas, con bases en Bracára, Asturica e Segisamo (Sasamón, BU), mandadas por Antistio, Carisio e por el mesmo respectivamente; haberá tamén unha cuarta columna, a armada aquitana, que atacará dende o mar.

    A victoria romana foi difícil pero definitiva. Hai diferentes explicacións das fases desta guerra na que a tradición histórica galega sitúa o episodio do Monte Medulio: nel, asediados cun foxo de quince millas, prodúcese o suicidio colectivo envelenándose cunha beberaxe feita coas bagas do teixo. Pero aínda hoxe segue sendo unha incógnita a presencia galaica no Medulio e a propia localización dese monte, do que se ten dito humoristicamente que ten rodas porque se levan propostas varias localizacións; actualmente existe entre os estudiosos a impresión de que debeu estar nas Médulas, preto de Carucedo, non lonxe do Barco de Valdeorras pero xa fóra da Galicia administrativa actual. É verosímil que se perdese a localización do monte porque as xigantescas explotacións que alí emprenderon os romanos destruíron completamente a paisaxe; e é verosímil a relación Medulio-Médulas. Pero existe a dificultade de que Orosio, que era galaico, afirma que tal monte estaba á beira do Miño. E as Médulas están á beira do Sil.

    En calquera caso o Medulio simboliza o final da Galicia castrexa e o comento do mundo galaico-romano. Dende este momento polo menos, se non dende antes, os galaicos entrarán, lenta pero decisivamente, na órbita política de Roma. A resistencia esgotouse no suicidio; unha resistencia da que descoñecémo-lo ideario político, económico e cultural, e a capacidade de se incorporar autonomamente a formas avanzadas de cultura. Dos supervivintes, uns irán como escravos ás minas galaicas ou as do S.O.; outros irán servir 6 exército; a outros Augusto obrigounos a deixa-los castros e a se estableceren nos vales. A arqueoloxía presenta indicios de destrucción e abandono dalgúns castros por este tempo.

©COLECTIVO TRASANCOS. “ De onte a hoxe”. Xunta de Galicia. Santiago 1984.