páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Editorial

¿POR QUE? Porque "estamos no cu do mundo pero temos forza abonda para tronza-lo universo", como dixo alguén do movemento bravú; porque queremos promocionar e coñece-la nosa comarca e o noso centro e porque, en fin, tamén queremos coñecernos un chisco mellor a nós mesmos, hoxe nace esta revista. A iniciativa, que xa rondaba a mente dalgúns e algunhas, partiu do Departamento de Orientación; nomeouse un coordinador, organizáronse as seccións e os responsables, tanto entre o profesorado como entre o alumnado para recoller material e...

¿E OS CARTOS? Aquí estaba a nai do año: non tiñamos un peso, pero o Concello déuno-lo primeiro empurronciño; logo viñeron outros máis modestos, porque nos convertemos temporalmente en "esmoleiros" pedindo pola vila adiante. Non se retrase xa máis o noso agradecemento a todos aqueles que aparecen nas páxinas de publicidade (era o único que podiamos ofrecer); e ós que non están, que non se esquezan que este proxecto vai ter longa vida...

O NOME: Ó principio as musas non parecían estar da nosa parte e non se nos ocorría moita cousa convincente; despois xurdiu CAMBALLÓN. COM, un nome que tiña a virtude de resumir ben o que pretende ser esta revista: unha ponte entre a tradición (O Camballon é un nome de lugar único na toponimia maior galega) e a modernidade das novas tecnoloxías. ¡E por riba rimaba..!

¿CENSURA? A única censura foi a da orixinalidade e unha calidade mínima nos traballos, pero tamén, por suposto, aquela que ten que ver co respecto a tódalas persoas, ¿ou isto non é un centro de ensino?

O RESULTADO: As cousas foron feitas a fume de carozo e xa se sabe que xente nova e leña verde todo é fume...; así e todo, velaí vai o primeiro (esperemos que de moitos) Camballón.com. A colaboración xeral foi magnífica e debemos moitos agradecementos (demasiados para o espacio que temos), así que dádevos todos e todas por aludidos, é de xustiza. Seguramente as páxinas que seguen poderían ser mellorables, máis atractivas, máis orixinais, máis didácticas..., pero, en fin, sabede que empeño firme e sincero non nos faltou. Agora nós xa calamos, vosa é a palabra.

 
  Índice Arriba