páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
     
 

Choios extraescolares

Actividades extraescolares

Despois de dous anos de seca, sen actividades complementarias nin extraescolares, este foi un ano moi prolífico, como poderedes comprobar no resumo que vos imos presentar de seguido. Algunhas resultaron moi ben e outras non tanto, pero todas tiveron algo aproveitable: aprendemos cousas novas, pasámolo ben ou, como mínimo, perdemos clases, que xa non é pouco...

  A primeira actividade que se realizou neste curso 2000-2001 foi no mes de novembro: unha excursión do alumnado de 4º de ESO a Santiago para ir ver unha peza de teatro do actor Ricardo Frazer e facer un percorrido guiado por un plano polas rúas da zona vella da cidade, deseñando un croquis das prazas máis importantes. A visita rematou cunha comida en Área Central e algún tempo libre que cadaquén aproveitou como mellor lle pareceu...

 

No mes de decembro o máis destacable foron as actividades programadas para o Nadal:
· Por iniciativa do Departamento de Plástica e o Equipo de Normalización, convocouse un concurso de "Postais de Nadal". No 1º ciclo de ESO resultou premiada Carlota Salgado Leal (1ºB) e no 2º ciclo Belén Guzmán Perdigao (3ºB). As postais ganadoras imprimíronse en cuatricomía (unha tirada de 400 exemplares) e repartíronse entre alumnos e profesores como tarxetas de felicitación das festas.
· Xa dentro das actividades do último día antes das vacacións, cómpre destacar o concerto do grupo Diapasón e a organización dun "Supermartes" e dun bingo para xuntar cartos para a excursión a Salou que querían facer os alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato (esta foi simplemente unha das moitas e variadas estratexias que usaron ó longo do curso para ir sacando cartos: vender -carísimos- productos de Nadal, camisetas, facer un rastro, rifas para apetecibles cestas que non daban tocado...)
 

 

  Despois da paréntese do mes de xaneiro, en febreiro comezou todo un maratón de actividades:
· Celso Fernández Sanmartín veu realizar dúas divertidas sesións de contacontos para os rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO.
· O editor e escritor Fran Alonso levou a cabo unha charla-coloquio co alumnado de Bacharelato.

 

E despois chegou o Entroido, para o que se argallaron as seguintes distraccións:
· Concurso de disfraces, con dúas categorías: grupos e individuais. Na primeira das categorías o 1º premio (bono de 5000 pesetas para consumir na cafetería) recaeu no grupo de enfermeiras "Misión 061", que ó tempo que atendían un accidentado en padiola, miraban tamén por unha embarazada que deu a luz no mesmo momento do desfile. Concedeuse tamén un accésit (3000 pesetas para gastos de cafetería) para o disfraz "Un día de clase en 3ºC", no que os alumnos deste grupo "representaban" as funcións dos seus profesores.
Na categoría de individual o primeiro premio (bono de 3000 pesetas para mercar un CD) foi para Raquel Buján de 1º de Bacharelato por "La reina de las noticias" (e tamén da paciencia porque aínda lle debeu de levar o seu tempo coser todos os papeis de xornais que compuñan o seu vestido e paraugas). O segundo agasallo (un bono de 1000 pesetas para a cafetería) recibiuno Víctor Vilariño de 2º de ESO polo disfraz "La Faraona"
O xurado estivo composto polos profesores do Departamento de Plástica Sara Vázquez e Jorge Rodríguez e polas alumnas Carlota Salgado e Belén Guzmán e o desfile tivo lugar no ximnasio do instituto, dado que non dispoñemos de salón de actos nin de ningunha outra aula suficientemente ampla para celebrar eventos deste tipo.
· Ademais, na Sala de Usos Múltiples, volveuse facer unha nova sesión de bingo e sorteouse unha videoconsola, todo iso con representacións de anuncios publicitarios intercalados.
· Paralelamente, os alumnos de 4º de ESO e de Bacharelato montaron un rastro confeccionado a bases de obxectos que foron entregando desinteresadamente os profesores e eles mesmos e venderon o que puideron; ó mesmo tempo trouxeron diversos doces típicos da época da súas casas (roscas, filloas, cañas, tortas...) que estaban á venda na cafetería. Todo isto, unha vez máis, para recaudar fondos para a excursión a Salou.
· Os actos do día remataron cunha demostracións de Loita Libre e Loita Grecorromana (organizada por xentileza do Club Keltoi, de Vila de Cruces) e mais de Kung-Fu.
 

 

  E xa nos primeiros días do mes de marzo (venres, sábado e domingo) os alumnos de Bacharelato marcharon a Madrid para ver unha obra de teatro (Las amistades peligrosas), visitar museos (Reina Sofía, El Prado) e outras zonas da cidade como o Parque do Retiro. Mentres tanto, o día 1 os rapaces e rapazas de 4º de ESO e algúns de 3º de ESO desprazáronse a Lalín para escoitar a Emilio Pascual, fascinante autor de Días de Reyes Magos, libro que todos eles leran previamente.
Tamén neste mesmo mes os de 1º e 2º de ESO foron de visita á Casa das Ciencias da Coruña e o día 31 marcharon, por fin, para Salou (unha semana) os de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.

 

Xa no mes de abril, o día 3, programouse unha excursión a Pontevedra (Museo e diversos aspectos do casco antigo, varios ciclos formativos do Instituto Politécnico...) para os de 3º de ESO; é lástima que o que máis haxa que lembrar desta viaxe sexa o accidente de autobús que se nos conta na crónica.
Tres días máis tarde, aproximadamente uns sesenta alumnos de distintos niveis puideron disfrutar en Lalín dun espectáculo poético-musical no que se cantaron poemas de destacados autores españois como García Lorca ou Alberti e tamén galegos como Miguel Anxo Fernán-Vello ou Salvador García Bodaño.
Foi, así mesmo, neste mes cando os de 2º de ESO foron visitar o Acuario do Grobe, facer unha viaxe en catamarán, ver unhas bateas...
 

 

  Para o mes de maio estaba programada unha visita polas mámoas de Vila de Cruces, que non se puido levar a cabo a causa do mal tempo que, sen embargo, non impediu a visita que o día 22 se realizou a Lugo para ver a muralla, as termas, o nacemento do Miño, o castro de Viladonga...
E como xa entramos na recta final do curso, xa vai ben, pero, así e todo, aínda quedan algunhas cousas:
· O Equipo de Normalización Lingüística fixo unha proposta para que os alumnos traian das súas casas ferramentas ou pezas antigas, coa finalidade de montar unha exposición para final de curso.
· Os alumnos de Francés de Bacharelato marchan unha semana a París (¡case nada!) na penúltima do curso. As súas estratexias para sacarnos cartos tamén foron variadas: camisetas coa Tour Eiffel, caraveis e cartas no 14 de febreiro, plantas para o Día da Nai, un mercadiño na Festa do Galo de Curral coa axuda do Concello...
· E, finalmente, á parte da posta en marcha desta revista, preténdese pintar un mural exterior nas paredes de entrada ó Instituto (pola estrada de Toiriz). A proposta partiu do Concello de Vila de Cruces, que se puxo en contacto do Departamento de Plástica ó principio de curso; daquela decidiuse facer o traballo nos meses de maio-xuño, dependendo das condicións meteorolóxicas (que xa vistes que non axudaron moito). É o propio Concello o que proporciona todo o material necesario: pintura, pinceis, cubos, botes...; ademais, comprometeuse a limpar o muro e darlle unha primeira capa de pintura. A actividade retomarase a principios do curso que vén e irana realizando ós poucos todos os alumnos de Plástica do instituto, que se organizarán por grupos e horas.

 

Ademais de todo o que contamos ata aquí, e seguro que aínda nos había de esquecer algo, temos que falar dos concursos literarios, porque parece que o noso centro vai ser berce de futuros escritores -neste caso escritoras- que andan ganando premios por aí adiante:

· En primeiro lugar, a nosa noraboa a Rocío Sánchez de 4º de ESO, que ganou o 2º Premio do I Concurso de Contos "Agora conto" da Asociación Cultural Ágora de Lugo co relato titulado A elixida, polo que recibiu un diploma e un lote de libros.
· Por outra parte, este centro, a través do seu Equipo de Normalización Lingüística, participou no concurso literario da campaña de normalización da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación denominada "Entre nós, en galego". Había dúas modalidades: poesía e narrativa e, dentro de cada unha delas, dúas categorías: Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Primeiramente, debiamos facer unha selección dentro do propio centro, despois pasábase á fase de competición provincial e, finalmente, á autonómica. As premiadas na fase do centro foron as seguintes: en ESO Miryam Ríos en poesía con Potenciemos o galego e Patricia Méndez en narrativa co relato Cartas Últimas, ambas as dúas de 4º nivel; en Bacharelato a modalidade de poesía quedou deserta porque non houbo participantes e en narrativa premiouse a Soraya Méijome polo texto Ringg, ringg, ringg. Todas elas obtiveron como premio un lote de libros en galego e o xurado, segundo se establecía nas bases, estivo composto pola Coordinadora do ENL (Magdalena García), a Directora do Centro (Enriqueta Gutiérrez), a Xefa de Estudios (Mª Victoria de Soto) e a Xefa do Departamento de Galego (Rosa Salgueiro).
Unha vez establecida esta selección, os traballos premiados foron enviados á Delegación Provincial de Educación de Pontevedra para competir xa a nivel de provincia; nesta fase Soraya Méijome recibiu un 3º premio, que consistía nun vale de 10.000 pesetas para libros en lingua galega. Os nosos parabéns a todos os premiados e tamén, dalgunha maneira, estamos todos de noraboa, non só por ter compañeiras de talento, senón porque o propio centro vai recibir algúns cartos (aínda non sabemos cántos) para mercar material por ter participado neste concurso e iso é bo para todos e todas ¿ou non?

 
 
  Índice Arriba