 |
| |
|
|
| |
O
problema dos Chichos
Mentres o tren atravesaba os campos con rapidez,
el ollaba pola ventá. Ía sumido
nos seus pensamentos. Pensaba en que sempre quixera
ser escritor. Desde moi novo, soñaba con
escribir sobre a súa vida, soñaba
con ver publicadas nun libro aquelas cousas que
se perdían no máis íntimo
da súas lembranzas. Sen embargo, tiña
un problema de difícil solución:
gustábanlle os Chichos. E parecíalle
que a un escritor non lle podían gustar
os Chichos. El sospeitaba que os escritores escoitaban
outro tipo de música. Non era quen de imaxinarse
como escritor gustándolle os Chichos. E
gustábanlle a rabiar, gustábanlle
con paixón. En parte, por ese motivo quería
fuxir de Madrid. Porque desexaba fuxir de todo,
pero tamén de si mesmo. En Sevilla estaría
esperándoo a Chelo, a súa moza de
toda a vida, unha auténtica incondicional
súa. Esperaba refacer a súa vida,
en Sevilla, lonxe das comisarías. E atoparse
a si mesmo e, ¿quen sabe?, atoparse se
cadra tamén como escritor.
Un túnel fixo que volvese os ollos cara
adentro do vagón. En fronte súa
ía sentada unha rapaza na que antes non
reparara. Era guapa, a rapaza. Si, estaba ben
boa. E parecía intelixente. Seguro que
a ela non lle gustaban os Chichos. Tiña
que ser, a unha rapaza coma ela non podían
gustarlle os Chichos. Ía lendo un libro.
Se cadra a ela tamén lle gustaría
ser escritora.
Como xa había un anaco que el a ollaba,
ela ergueu a mirada.
-¿A onde vas? -preguntoulle el.
-A Málaga -contestou a rapaza.
-Eu tamén -dixo convencido. E pensou no
voluble que era a vida dos escritores.
Fran
Alonso
|
|
| |
|
|
|
|
|
| |
| |
| Fran
Alonso (Vigo, 1963) é licenciado en Filoloxía
Galego-Portuguesa; traballou como xornalista, aínda
que hoxe está vencellado á editorial Xerais.
Escribe poesía e narrativa e ten publicadas xa
bastantes obras; entre elas: Persianas, pedramol e
outros nervios, Tortillas para os obreiros
ou Cidades como poeta e O brillo dos elefantes,
Tráiler, Cemiterio de elefantes ou
Males de cabeza como narrador. Di de si mesmo cousas
como as seguintes: "Eu son un tipo normal. Non, de
verdade, dígovolo en serio. Eu son un tipo normal.
Digo isto porque moita xente pensa que os escritores somos
tipos raros, xente doutro mundo. (...) Para min o máis
bonito na vida é ver e facer cousas. Por iso unha
das experiencias máis fermosas que teño
é escribir un libro e saber que mo vai ler alguén.
Porque sodes vós os que lles dades vida ós
libros con cada lectura". |
|
|
|
|